mércores, setembro 19, 2018

A europarlamentaria Lídia Senra estrea nova páxina web e novo enderezo: www.lidiasenra.gal - Lídia Senra presenta esta ferramenta para facer máis accesible a todos os galegos e galegas as cuestións que se abordan nas institucións europeas - A eurodeputada pon a disposición todos os vídeos, publicacións e material relacionado co traballo que vén desenvolvendo dende o 2014.


A europarlamentaria Lídia Senra estrea nova páxina web e novo enderezo: www.lidiasenra.gal. |Lídia Senra presenta esta ferramenta para facer máis accesible a todos os galegos e galegas as cuestións que se abordan nas institucións europeas. | A eurodeputada pon a disposición todos os vídeos, publicacións e material relacionado co traballo que vén desenvolvendo dende o 2014.

A eurodeputada galega, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, estrea nova páxina web e novo dominio na rede. www.lidiasenra.gal será a partir de agora o portal dixital a través do cal a europarlamentaria e a súa equipa informarán sobre todas as actividades diarias, debates e traballos de interese para Galiza que se desenvolven na Eurocámara.

Con esta nova web, Senra pretende facer máis accesible a todos os galegos e galegas as cuestións que se abordan tanto no Parlamento Europeo como na Comisión Europea e que teñen unha incidencia fundamental no presente e futuro do país. “O oitenta por cento das decisións políticas que logo afectan e condicionan a nosa vida tómanse nas institucións europeas. Por iso é moi importante que se coñeza o que se debate na UE, sobre todo tendo en conta que a maioría das veces a maior parte da poboación entérase dos efectos negativos dunha decisión política que se toma na UE cando o Goberno do Estado ou da Xunta a aplican e xa é tarde para botala atrás. É fundamental que as persoas se informen e participen con propostas e mobilizacións se fora preciso cando se dan debates na UE. A todo iso levamos máis de catro anos contribuíndo e seguiremos a facelo de aquí ao final de lexislatura no 2019”,defende Senra.

A nosa web, que leva como cabeceira o lema ‘Lídia Senra. A Nosa Voz en Europa’, está estruturada en diferentes seccións nas que se poden consultar todos os vídeos da eurodeputada intervindo nas sesións plenarias europeas e nas comisións parlamentarias; así como o material relacionado con todas as xornadas de debate e informativas sobre diversos temas organizadas pola deputada na Galiza no que vai de lexislatura; as visitas que realizaron colectivos galegos a Bruxelas a iniciativa da europarlamentaria desde o 2014 para defender cuestións relacionadas co país; todas as publicacións impresas que ten feito en formato boletín periódico e libros temáticos; todas as preguntas parlamentarias rexistradas por escrito; así como todas as notas de prensa. A web actualizarase a diario para ofrecer información nova continua e practicamente en directo sobre todo o traballo que continúe a realizar Senra.

Con esta nova web, a eurodeputada dá un paso máis no seu esforzo por comunicar e tender a man á sociedade en xeral e a todos os colectivos que loitan polos dereitos do País e das persoas, para xuntos e xuntas ter presenza e incidencia en Europa. Despois de xa ter publicados nos últimos anos 2 boletíns de resumo de todo o seu traballo e tamén 2 libros temáticos [1], adicados a alternativas enerxéticas e feminismo, Senra lanza agora nova web e agarda nun futuro próximo presentar tamén novos boletíns en formato dixital e impreso de novos resumos e libros temáticos sobre outros sectores.

Santiago, 19 de setembro de 2018.

[1] Notas.-

Aquí pódese acceder ao Boletín 1 de A nosa voz en Europa: https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/05/A-nova-voz-en-Europa.-Nº1.pdf

Aquí pódese acceder ao Boletín 2 de A nosa voz en Europa: https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/06/Boletin-Lidia-Senra-A-Nosa-Voz-en-Europa-nº-2.pdf

Aquí pódese acceder ao libro ‘Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo’: https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/05/Presente-e-futuro-enerxetico-de-Galiza-no-contexto-europeo-2016.pdf

Aquí pódese acceder ao libro ‘O feminismo, imprescindible para construír outra Europa’: https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/06/O-feminismo-imprescindible-para-construir-outra-Europa-1.pdf
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon