mércores, setembro 19, 2018

A rúa é túa: a reconquista do espazo público Semana da Mobilidade 2018: Combina e MóBete - Conta atrás para unha fin de semana ben especial cunha morea de actividades para vivir a rúa - O venres 21, o bus será de balde en todas as liñas e traxectos no urbano e no rural Durante a fin de semana teremos aula de Educación Viaria con karts para meniños, a Banda Municipal e Xadrez na Rúa, roteiros guiados, marcha ciclista e II Marcha sobre Rodas. - E como remate final, aBanzai I Festival de Cultura Urbana e pola noite, fin de festa no Festival Setembro no parque Raíña Sofía con Morgan, Los Punsetes, Ezetaerre e Willie&Winnie


DIA SEN COCHES, BUS DE BALDE: O venres 21, e co gallo do Día sen Coches, convidamos a veciñanza a viaxar en bus para promover o emprego do transporte público. Este ano, eliximos o venres, un día laborable na véspera do Día Europeo sen Coches, para habilitar as liñas de bus gratuítas para a veciñanza coa vontade de concienciar a cidadanía e fomentar o uso do transporte público, no día a día, nas rutinas laborais e escolares e recuperar o espazo da cidade para os peóns con menos fumes.

Trátase, en definitiva, de animar aos veciños a aparquen os seus vehículos por un día e fagan un esforzo por camiñar e probar novos medios de transporte, mais humanos, sostibles, ecolóxicos, e saudables co fin de reconquistar as rúas cos pés nunha cidade mais viva e mellor para a vida.

As liñas de bus urbanas que conectan Ferrol con Narón e Neda, e os traxectos que cobren a zona rural serán de balde para a veciñanza durante toda a xornada en todas as rutas e horarios concesionadas as dúas empresas que realizan o servizo no noso concello: Monbús e Tranvías Ferrol.

Achegamos o plano coas rutas e horarios que están a vosa disposición nas nosas redes sociais.

Serán de balde durante toda a xornada do venres 21 sen límites de traxectos.

Como xa adiantamos, esta é unha das moitas accións programadas polo Goberno de Ferrol, nunha acción transversal que implica a distintas áreas nesta Semana Europea da Mobilidade 2018 que segue o lema ‘Combina e Móbete’, nun guiño ao Plan MoB e no que apostamos pola filosofía de reconquistar as rúas cos nosos pés e recuperar espazos públicos para o desfrute colectivo.

MAGDALENA PEONIL, das 15:00 horas do venres 21 a noite do domingo 23.

O barrio da Magdalena será peonil desde as 15:00 horas do venres 21 ate a noite do domingo 23 no perímetro delimitado e debidamente sinalado pola Policía Local entre as rúas Igrexa e Sol, Arce e Lugo.

Habilítanse outras dúas vías de subida por Rubalcava, onde se ubicará a parada dos taxis a carón da igrexa do Carme, e de baixada pola rúa Coruña.

A sinalización colocarase na mañá do venres 21 e comezará a retirarse na madrugada do domingo 23 ao luns 24. Permitirase o acceso a residentes, carga e descarga e vehículos de servizo. Haberá un reforzo de axentes a pé de rúa para informar en todo momento a veciñanza.

Lembrar que ese día, o transporte público será de balde en todos os traxectos e horarios para facer o esforzo de aparcar os coches particulares e buscar outras fórmulas de desprazamento público, compartido, colectivo, deslizamento (patín(s), bicicleta ou a pé.

A RÚA É TÚA, SETE PROPOSTAS NO I CONCURSO DE OCUPACIÓN DE ESPAZO PÚBLICO.

Con esa filosofía, este ano convocamos por primeira vez o concurso ‘A Rúa é Túa’, aberto a participación de todas as entidades debidamente rexistradas no Concello para promover a ocupación de espazos públicos na fin de semana do 22 ao 23 de setembro, que leva aparellados importantes premios que se traducen en investimentos no barrio gañador.

O prazo para presentalas pechouse o luns 17 cun total de sete propostas de entidades da nosa cidade, tanto veciñais como culturais e de xente moza.

As tres mellores propostas poden acadar premios de 20,000, 10,000 e 5.000 euros para financiar investimento elixido pola entidade gañadora e que executará o Concello para a mellora do entorno. Vanse desenvolver entre o sábado 22 e o domingo 23. O fallo do xurado de A Rúa e Túa darase a coñecer a última semana deste mes.

Por último, lembrar que este mércores 19 as 20:00 horas na Sala de Proxectos do CTB, novamente, teremos a segunda das dúas charlas programadas dentro da Semana da Mobilidade. Desta volta, centrada na Accesibilidade, na mellora dos cruces de peóns e nos Camiños Escolares Seguros. Achegamos o cartel coas intervencións e os ponentes dun acto público e aberto.

- Enquisa sobre hábitos de mobilidade e Transporte: Alberto Varela (UDC).

- Pepe Romero e Amable Romero. Mellora na accesibilidade a centros públicos.

- Policía Local: Programas municipais de Educación Viaria.

- Juan Ares Gondell, técnico de Urbanismo: Percorridos accesibles, pasos peonís.

OUTRAS ACTIVIDADES PROGRAMADAS PARA ESTA FIN DE SEMANA DA MOBILIDADE, 22 E 23 DE SETEMBRO 2018

1. Aula de Educación Viaria para meniños con Karts, venres 21 pola tarde e sábado 22 pola mañá no Cantón de Molíns, coa implicación activa da Policía Local.

Praza da Constitución. Venres 21 de 16:30 a 20:00 horas. Sábado 22, de 11:00 a 13:30hs.

2. A Biblioteca sae ao Medio, Ruta por Doniños, venres 21 pola noite. 22:00 horas, con punto de encontro no aparcadoiro da praia e a colaboración da SGHN.

3. A Banda sae a rúa, concerto da Banda Municipal de Música de Ferrol. Sábado 22, Rúa Real, no tramo do Casino.

4. Programa educativo municipal Xadrez nas escolas: Hoxe xogamos na rúa

Sábado pola tarde, rúa Real, ao pé do Pazo Municipal. De 17 a 20 horas.

5. II edición da Carreira sobre Rodas: sábado 22 pola tarde, as 18:00 con saída desde a Praza Vella.

6.Marcha ciclista: 11:00 horas, Praza de Armas, o domingo 23.

7. Roteiros guiadas pola cidade, de balde en colaboración coa Oficina Municipal de Turismo. Non é preciso anotarse, basta con estar no punto da saída a hora indicada.

a) Ruta do Modernismo, sábado 22 e domingo 23 pola mañá as 12:00 Teatro Jofre.

b) Ruta polo Camiño Inglés, sábado 22 pola tarde. 17:00 Oficina do Porto.

c) Ruta Ferrol en feminino, domingo 23, 17:00 horas. Xardíns da Ranita, Ferrol Vello.

Todo é de balde e non é preciso inscripción. Basta con asistir no punto indicado a hora de encontro e con moitos azos e ganas de desfrutar e facer cidade.

Fonte: Web do Concello de Ferrol.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon