Senra lamenta que o PE perdera a oportunidade de avanzar no cumprimento real do dereito á auga. | O PE aprobou en sesión plenaria unha polémica proposta de Directiva relativa á calidade das augas destinadas ao consumo humano. | Non garante o acceso á auga potábel para a cidadanía, afonda na privatización da xestión das augas e non é estrita cos límites de residuos.
Reunido en sesión plenaria en Estrasburgo (Francia) durante esta semana, o Parlamento Europeo aprobou onte unha controvertida proposta de Directiva do Parlamento Europeo e do Consello relativa á calidade das augas destinadas ao consumo humano.
A eurodeputada Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), votou en contra deste informe ao ter deixado fóra diversas emendas relevantes a nivel social e medioambiental e ao constituír unha proposta, no seu conxunto, “demasiado xeral e que en absoluto garante o acceso á auga potábel e ao saneamento para toda a cidadanía; aliás de non enfrontar en ningún momento unha cuestión de fondo importantísima como é o feito de que a xestión da auga e o saneamento está na maioría das ocasións en mans de empresas privadas grazas á connivencia de gobernos a todos os niveis. Calquera texto lexislativo sobre a auga non debería eludir o feito de que hai quen está a facer negocio cun dereito humano recoñecido como tal dende 1977 polas Nacións Unidas”. De feito, cabe lembrar que en xullo de 2010 a Resolución 64/292 da Asemblea Xeral da ONU reafirmou que o saneamento e a auga potábel limpa son esenciais para a realización de tódolos dereitos humanos.
A deputada coincide ademais con outros colegas do GUE/NGL en subliñar que a proposta presentada pola Comisión Europea “distorsiona o contido da iniciativa Cidadá 'Right2Water' , diminúe a función de supervisión dos Estados e favorece que as empresas transnacionais do denominado 'negocio da auga' podan realizar elas mesmas as analíticas de augas que xestionan”.
Precisamente este mesmo luns as deputadas e deputados do GUE/NGL reuníronse ca plataforma italiana Mamme No PFAS, que agrupa a persoas afectadas pola contaminación das augas con sustancias perfluoroalquílicas (PFAS) na rexión de Veneto, que achegaron unha experiencia concreta neste sentido. Durante máis de corenta anos aproximadamente 400 mil persoas foron envelenadas con estas substancias catalogadas como disruptoras endocrinas, que provocan dende cancro até malformacións fetais e abortos, esterilidade, Alzheimer, enfermidades cardíacas, diabetes... Este problema non afecta só a esta rexión, senón que, segundo os datos da plataforma, disruptores endocrinos como os PFAS foron detectados xa na auga potábel da metade do territorio europeo. Sen embargo, durante a votación da Directiva, as emendas que facían alusión aos límites a establecer nos PFAS non foron aprobadas.
Tampouco superaron a votación emendas que pedían garantir que unha cantidade mínima vital de auga destinada ao consumo humano chegase a toda a cidadanía en calquera circunstancia. “Esta emenda non só pedía algo básico e aceptábel dende calquera punto de vista, senón que mesmo era bastante condescendente cas empresas distribuidoras, ás que lles propuña a posibilidade de instalar un limitador de subministro en caso de retraso no pago, co que só terían que proporcionar a cantidade esencial de auga recomendada pola Organización Mundial da Saúde”, sinalou a eurodeputada.
Con este ambiente entre os grupos maioritarios no Parlamento, tampouco foron aprobadas as emendas que pedían expresamente prohibir o corte do subministro de auga por parte dos distribuidores aos fogares, nin, xa que logo, a que pedía que se garantira o subministro gratuíto de auga ás persoas consumidoras en restaurantes, cantinas e servizos de comidas.
Tamén fixo que a eurodeputada galega se decantase polo voto negativo o feito de que non se teña aprobado proporcionar dende a Comisión Europea axuda aos municipios para favorecer o acceso a asistencia técnica, financiamento e renovación de infraestruturas hídricas a fin de garantir o subministro de auga de alta calidade e ampliar os servizos de auga e saneamento da poboación socialmente más vulnerábel.
“O Parlamento perdeu a oportunidade de respostar ás necesidades da sociedade europea garantindo a blindaxe dos servizos de auga e saneamento para que estean a salvo de privatizacións e se asegure a realización controis exhaustivos da súa calidade”, lamentou a eurodeputada galega Lídia Senra.
Estrasburgo, 24 de Outubro de 2018.
Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://lidiasenra.gal/
*Imaxe da acción do GUE/NGL onte en Estrasburgo en apoio á campaña "Right2Water"
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon