A noticia coñecíase esta mesma mañá coa chegada dunha comunicación do Comité Español da UNICEF na que a delegación deste organismo internacional informaba ao Concello do seu recoñecemento como nova Cidade Amiga da Infancia, dentro da convocatoria de candidaturas para o período 2018-2022. A distinción vén respaldar o labor do consistorio a prol da integración da rapazada na toma de decisións da axenda municipal e o desenvolvemento de políticas dirixidas a garantir os seus dereitos. Moeche convértese deste xeito nun dos 114 concellos do Estado que obteñen o galardón por primeira vez -en total son 274-, ao igual que outros sete municipios galegos que se suman ao de Castrelo de Miño, o único que ostentaba o título até o momento.
Beatriz Bascoy mostrábase “contentísima” tras coñecer a decisión da Secretaría Permanente do programa Cidades Amigas da Infancia. E non é para menos, o título é froito de case tres anos de traballo “feito integramente en Moeche con moito esforzo e dedicación por parte do persoal municipal, da comunidade educativa do CEIP San Ramón e tamén da propia rapazada, que se implicou na iniciativa desde o primeiro momento”.
O acordo da concesión da distinción adoptouse onte mesmo no seo de UNICEF Comité Español, quen lle trasladou ao Concello os parabéns polo seu traballo en favor da implementación “de políticas e medidas que melloran o benestar da infancia e a adolescencia no municipio”, ademais de destacar o seu compromiso coa Convención sobre os Dereitos do Neno e coa promoción “dunha cidadanía democrática con e para a infancia”.
Xunto coas felicitacións, o comunicado remitido hoxe pola UNICEF é tamén un convite para a cerimonia de entrega dos galardóns, que terá lugar no Pazo de Exposicións e Congresos de Oviedo o próximo 27 de novembro.
Porén, a obtención do distintivo de Concello Amigo da Infancia -ao que tamén accederon en Galicia os municipios de Cabanas, Carnota , Ourense, O Porriño, Redondela, Teo e Tomiño- non queda só nun título e unha foto, senón que leva aparellado estar en disposición de termar do proxecto no tempo. As convocatorias de novas incorporacións fanse cada dous anos e cada catro é necesario renovar os selos concedidos, algo que só se consegue mantendo mecanismos reais de participación infantil e adolescente e cunha estratexia a longo prazo que conte coa cativería e a mocidade como interlocutores válidos na toma de decisións sobre o territorio.
“Moeche traballou duro para chegar a obter o recoñecemento, pero o grande reto empeza agora”, comenta Beatriz Bascoy. “Unha vez dado o paso de que os nenos e nenas teñan voz xa non hai volta atrás. É unha cuestión de dereitos, pero tamén a maneira de xerar apego territorial e, hai que dicilo, de garantir no futuro o relevo xeracional na institución e no tecido asociativo. Os nenos e nenas que hoxe poden decidir, tamén decidirán mañá”.
Unha idea de 2015
O camiño para chegar ata aquí empezouse a andar hai case tres anos como idea, aínda que foi en agosto de 2017 cando o pleno municipal acordou adherirse ao selo da UNICEF. Dous meses despois aprobouse a configuración que tería o Consello Local da Infancia e a Adolescencia -CLIA- e maila Mesa de Coordinación Interna de Participación Infantil, encargada de estruturar participación e de levar ao papel tanto a diagnose da situación de partida como o plan de actuacións, nutrido en boa parte polas achegas expresadas nos plenos polos nenos e nenas.
Un dos últimos pasos deste traxecto foi a constitución formal do CLIA -máximo órgano de representatividade das nenas e nenos do municipio- o pasado mes de xullo. O consello está formado por 9 persoas adultas -membros do goberno, dos grupos políticos, da ANPA e profesorado do CEIP San Ramón- e 10 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos quen, ademais, tamén integran o Grupo Municipal Infantil. Este último vén sendo un órgano executivo que se reúne mensualmente para achegar ideas e demandas do colectivo ou para solventarlle dúbidas ao propio Concello sobre como orientar políticas e actuacións dirixidas á infancia e a mocidade.
Fonte: Web oficial do Concello de Moeche.
Cidade Amiga da Infancia
https://ciudadesamigas.org/
________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon