venres, outubro 05, 2018

Primeiro Congreso para o Decrecemento en Ferrol, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Este primeiro fin de semana de outubro, o sábado 6 e o domingo 7, vaise celebrar o I Congreso para o Decrecemento no Ateneo Ferrolán


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
05.10.2018


I CONGRESO PARA O DECRECEMENTO EN FERROL

Este primeiro fin de semana de outubro, o sábado 6 e o domingo 7, vaise celebrar o I Congreso para o Decrecemento no Ateneo Ferrolán, na rúa Madalena. Vai ser un encontro aberto e gratuito aínda que, devido á capacidade da sala, se recomenda que as persoas interesadas na palestra do sábado á tarde se inscriban no correo electrónico da Rede de Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo (redegalegadecrescimento@gmail.com) pois no acceso á palestra priorizarase a orde de inscripción.

É de salientar a importancia deste Congreso porque a Rede de Decrecemento leva traballando xa hai máis dun ano na elaboración do Relatorio dos documentos a debater así como na presentación e debate ao longo de todo o territorio que abrangue a biorrexión do noroeste peninsular, coincidente co que foi o territorio da Galiza histórica ou estremeira. De aí que o congreso vaia traer á nosa cidade persoas e colectivos de todos estes territorios tan afíns ao noso, desde o Eo-Navia ate Porto pasando por O Bierzo, Ourense ou Negueira de Muñiz. Como tamén traerá a algunhas persoas residentes en Madrid interesadas ou expertas no tema que nos ocupa. Este xeito de ir debatendo os documentos desde a base polo territorio é un proceso lento e caroso mais tambén arrequecedor e indispensavel para organizarmonos dun xeito autoxestionado. Ese é o motivo de que figuren tantas organizacións colaboradoras. Porque un dos obxectivos fundamentais do Congreso é mesmamente tecer Rede nesta alternativa ou conxunto de alternativas que engloba o que se deu en chamar Decrecemento. Ser ponto de encontro das máis diversas persoas e colectivos para coordinar obxectivos e artellar  un proceso de traballo común e en permanente comunicación  na transición deste modelo social, consumista, esquilmador e inviavel no que vivimos cara un modelo alternativo que nos axude no  camiño  do decrecemento voluntario e colectivo.

No Congreso poderiamos dizer que hai catro tipo de encontros, todos abertos á cidadanía. Un teórico que transcorrerá o sábado co debate en pleno dos documentos (Regulamento, concepto de Decrecemento, Organización e autoxestión, Sociedade valores e ecofeminismo, Saúde, Enerxía e transporte, Educación, Alimentación, consumo e economía de proximidade, Medios de comunicación e cultura) e das propostas das emendas presentadas. Así como a presentación da Executiva da Rede e unha breve intervención das organizacións convidadas. Amais  dunha palestra sobre os obxectivos da organización do movemento Decrecentista coa participación de Carlos Taibo, Teresa Moure, Begoña de Bernardo, Jorge Leandro Rosa, Mariola Pérez e Iolanda Teixeiro. Palestra moderada por Jorge Mirancos, de Radiofilispim.

Un encontro máis práctico, o domingo cos talleres e obradoiros de Tin Whistle, Tai Chi, Taller musical, Ioga, Procesado de la de ovella e Bebidas vexetais.

Os dous días disfrutaremos dunha feira eco-artesanal na rúa. E, por último, teremos o encontro lúdico a redor da música tanto o sábado á noite coa festa e convivencia no café Zucre con Só Zanfona a cargo de Ariel Ninas e a repichoca e os cantos de taberna. E o domingo antes da clausura do Congreso a sesión vermute a cargo de Chigri e Los Mamandurrias.

Desde aquí convidovos a todas as persoas ou colectivos interesados na necesidade de decrecer para vivir mellor a participar neste congreso e a fazer parte desta ampla rede para o Decrecemento.

[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que vai ter lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
3 de outubro de 2018 22:21

____________

Datos de interese para contactar:

@rededecrecemento

https://rededecrecemento.wordpress.com/


Correo de contacto:

redegalegadecrescimento@gmail.com

A Info en Ártabra 21.

________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon