Senra apoia un informe do PE que confirma que a austeridade da UE atacou ás persoas máis vulnerábeis. | O PE recoñece que a austeridade agravou a precariedade laboral, o desemprego, a exclusión social e a destrución de servizos públicos. | O Instituto Europeo de Igualdade de Xénero alerta do retroceso en materia de corresponsabilidade nos coidados entre homes e mulleres.
A eurodeputada galega do Grupo da Esquerda Verde Nórdica/Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, valorou positivamente a aprobación hoxe en sesión plenaria do Parlamento Europeo dun Informe sobre os servizos de asistencia en la Unión para a mellora da igualdade de xénero.
“Se ben é certo que ten aspectos moi mellorábeis, penso que é un aceptábel documento de análise, dunha certa profundidade e, sobre todo, que incorpora á posición oficial do Parlamento Europeo cuestións para nós fundamentais, como o recoñecemento de que foron precisamente as políticas europeas de austeridade as que agravaron a precariedade laboral, a pobreza, o desemprego e a exclusión social, limitando ou mesmo eliminando os servizos sociais e públicos”, explicou.
En efecto, malia que o informe podería facer máis fincapé na responsabilidade social colectiva imprescindíbel para que a sostenibilidade da Vida deixe de recaer maioritariamente nas mulleres, nin tampouco despraza do centro da análise a produción material para outorgar ás persoas a centralidade que lle correspondería nun modelo socioeconómico realmente preocupado polo benestar social e medioambiental, é certo que pon de relevancia algunhas “verdades incómodas” da realidade europea.
“Moito se lle enche a boca a algunhas persoas que critican o Feminismo dicindo que a día de hoxe a igualdade entre homes e mulleres, alomenos na UE, xa está conseguida. Pois resulta que unha institución da UE como é o Parlamento hoxe reitera, unha vez máis, que non é certo, que o índice publicado polo Instituto Europeo de la Igualdade de Xénero no 2016 alerta de que durante os últimos dez anos a tendencia en Europa foi negativa: a proporción de tempo adicado polas mulleres aos coidados e labouras domésticas aumentou en comparación cos homes”.
Concretando esta diagnose, o informe revela que o 80 % dos coidados prestados na Unión corresponde a persoas coidadoras informais non remuneradas, un 75 % mulleres. Ademais un 27,4 % das mulleres con empregos a tempo parcial está tamén coidando de persoas con necesidades asistenciais, sexan nenas/os ou adultas/os, fronte ao 4,6 % dos homes. Esta situación, apunta o Parlamento neste texto, viuse empeorada ademais pola redución das institucións asistenciais públicas para a infancia, persoas de idade avanzada e persoas con diversidade funcional, como consecuencia dos drásticos recortes nos orzamentos sociais dos Estados membros impostos de xeito coordenado sobre a base das normas e directrices de austeridade orzamentaria da Unión, en especial logo da crise financeira.
Por último, a responsábel do GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, Lídia Senra, tamén considerou importante que o informe aprobado hoxe redunde en pedir aos Estados membros que garantan unha boa cobertura xeral dos servizos asistenciais públicos, en particular para as persoas que habitan en zonas rurais ou afastadas. “Como temos repetido en moitas ocasións, un medio rural vivo pasa por ter persoas que habiten nel. Para iso é necesario políticas activas de apoio, que abarcan dende actuacións concretas para mellorar os servizos públicos, como apunta este informe, como tamén por unha visión macroeconómica que ten que verse reflectida nun dos maiores paquetes político-económicos da UE como é a PAC.”
Estrasburgo, 15 de Novembro de 2018
*Achegamos imaxe de arquivo da eurodeputada galega Lídia Senra correspondente a unha intervención en sesión plenaria (2018)
Oficina de LÍDIA SENRA EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://lidiasenra.gal/
twitter Facebook
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
15 de novembro de 2018 14:27
______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon