Lídia Senra e Sabine Lösing denuncian en Santiago que a UE estase preparando cada vez máis para a guerra coa escusa da seguridade. | A Unión Europea estase preparando cada vez máis para a guerra coa escusa da seguridade. | Senra e Sabine Lösing denuncian que máis de 60.000 millóns dos orzamentos da Unión irán no 2021-2027 para militarización e reforzo armamentístico. | A eurodeputada galega e a alemá chaman a desenmascarar a dulcificación das intervencións militares de Europa e a traballar nas políticas da paz.
A UE estase preparando para a guerra co argumento de escusa de protexer a seguridade da cidadanía europea e do aumento das persoas migrantes e refuxiadas. Iso estase plasmando a través de partidas de diñeiro cada vez maiores que se están recollendo por exemplo directamente no Marco Financeiro Plurianual (MFP). En efecto, no MFP para o período 2021-2027 prevese que máis de 60.000 millóns de euros irán destinados a capítulos que teñen que ver coa militarización e o reforzo armamentístico. Así o denunciaron este xoves pola mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela a eurodeputada galega Lídia Senra, acompañada pola súa compañeira do Die Linke alemán no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo, Sabine Lösing.
Sabine Lösing está estes días na Galiza por primeira vez, convidada por Lídia Senra, para dar a coñecer á sociedade esta preocupante situación que está sendo ocultada e dulcificada polos poderes do neoliberalismo. “A UE estase armando en nome da seguridade e de defender un estilo de vida europeo, pero o certo é que a guerra non trae seguridade senón todo o contrario. Preparándose para a guerra é imposible cultivar a paz. O que nos están é enganando para favorecer o negocio redondo do capitalismo que supón a venda de armas e o acaparamento dos recursos naturais dos países empobrecidos a través de intervencións armadas no exterior”, asegurou Lídia Senra esta mañá. Por iso, chamou a confrontar este discurso, a desenmascaralo e a traballar na cultura e nas políticas de paz. “A guerra non se pode xustificar con nada, nin cos postos de traballo da industria armamentística. Se todos os orzamentos que van investir en industria armamentística se empregaran en relanzar a economia e os postos de traballo noutras actividades económicas civís, responsables e sustentables teriamos moitos máis postos de traballo”, engadiu. Así, criticou que “mentres a UE pretende seguir mantendo o control dos recursos nos países empobrecidos, preténdeselle pechar as portas de entrada en Europa á xente destes lugares. Trátase de manter a riqueza duns cantos europeos a costa de empobrecer os países do sur e de estar armados para que despois non poida entrar aquí a xente deses lugares”, dixo.
Senra ve fundamental debater publicamente sobre estes aspectos para que a sociedade acade unha maior concienciación do que significan as guerras. “Hai que denunciar que o neoliberalismo usa termos eufemísticos como ‘guerra humanitaria’ cando o que provoca é un sufrimento da poboación que non podemos consentir e un avance da política autoritaria que pretende controlar a loita social e enfrontar a pobres contra pobres, ás vítimas do sistema capitalista en Europa coas víctimas do mesmo sistema no resto do mundo".
Seguindo o exposto pola eurodeputada galega, Sabine Lösing criticou que o presidente da Comisión Europea (CE), Jean Claude Juncker, se parabenizou na Conferencia de Seguridade de Múnich de que nos últimos dez meses a UE ten feito máis avances nas súas capacidades militares que nos últimos 10 anos. “Que significa isto? Que se están reducindo cartos doutras liñas orzamentarias para investilos en cuestións que teñen que ver coa industria militar e de armas, fondos estruturais e de desenvolvemento para xestionar conflitos, o que implica un preocupante cambio de política europea a longo prazo e a supresión, por exemplo, de moitos proxectos civís en beneficio de proxectos militares, o que fará que se dispare a violencia tamén”, denuncia Lösing. “Se están desenvolvendo as capacidades militares, será porque porque pensan poñelas en práctica e iso terá tamén un impacto negativo aínda maior nos países de orixe das persoas refuxiadas”, engadiu.
ESTA EVOLUCIÓN DA UE É ILEGAL PORQUE ESTÁ PROHIBIDO USAR ORZAMENTO EUROPEO PARA FINS MILITARES
A eurodeputada alemá asegurou ademais que esta evolución europea é “ilegal” atendendo a que no Tratado de Lisboa se especifica que hai unha prohibición de utilizar o orzamento europeo para fins militares. A pesar diso, estanse a incrementar os gastos neste tipo de actividades sen que teña lugar un coñecemento público nin un debate aberto coa cidadanía.
Así, por exemplo, a reforzar as fronteiras exteriores destinaranse 21.300 millóns de euros, fronte aos 5.600 do período anterior. A chamada Frontex, a Axencia Europea para a Xestión da Cooperación Operativa nas Fronteiras Exteriores dos Estados membros da Unión, terá a 10.000 persoas traballando nestes aspectos fronte ás 1.200 actuais. No capítulo de seguridade e defensa da Unión investiranse 27.515 millóns de euros, cunha partida para crear un fondo novo de Defensa de 13.000 millóns. E no capítulo de infraestruturas, por poñer outro exemplo, o facilitamento da mobilidade militar financiarase con 6.500 millóns de euros dentro do Mecanismo Conectar Europa.
“Case sempre, a UE cando fala deste tipo de proxectos, inclúe a palabra paz neles e case sempre son proxectos para todo o contrario, para a militarización en África, por exemplo, para evitar a chegada de persoas refuxiadas a Europa”. “Para nós é importante que haxa unha politica e unha cultura da paz verdadeira e sustentable e para iso hai que cambiar esta evolución política da UE e camiñar cara ao comercio comercio xusto, a loita contra a pobreza neses países e políticas que promovan o coidado do medio. Para nós o significado de seguridade é outro, defendemos unha seguridade desde o punto de vista social, da xustiza, e temos que dar un sinal moi claro contra estas políticas de militarización”, engadiu Lösing. A europarlamentaria alemá reclamou tamén que cese esa imaxe das persoas migrantes como inimigas que a UE dá continuamente e que cese a loita militar contra elas. “A guerra e a militarización son como o Conde Drácula, que cando sae á luz, desfaise. Temos que sacar á luz e denunciar todo isto que está acontecendo. Os miles de millóns de euros que se van investir en militarización vanse quitar dos cartos públicos para proxectos civís importantes. A xente ten que sabelo”, concluiu.
Sabine e Lídia Senra ofrecerán esta mesma tarde, ás 19:00 horas, na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, unha charla-coloquio baixo o título ‘Con esta Europa non hai paz. Non ao gasto militar’, que será presentada ademais polo catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Vence.
Santiago, 8 de novembro de 2018.
Adxuntamos varias fotografías da rolda de prensa de hoxe en Santiago, con Lídia Senra e Sabine Lösing.
__________
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://lidiasenra.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez |
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
8 de novembro de 2018 14:15
_________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon