luns, novembro 05, 2018

O dereito á vivenda: De créditos, Cretos e Avutres, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - ... se non fora porque xa perdimos o dereito de poder cobrar unha nómina sen necesidade de ter conta bancaria, poucos acreditariamos na Banca, nen sequera cando se facía pasar por nosa,... - ...o vindeiro mércores, un fondo avutre quere despexar dun piso da cidade olívica a unha inquilina con tres fillos menores.


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
05.11.2018

     

O DEREITO Á VIVENDA: DE CRÉDITOS, CRETOS E AVUTRES.

Parece ser que non existe a palabra creto en portugués. No entanto, acho que en galego arrédase crédito de creto. Dándose o caso que na Galiza, crédito dan os bancos mentres que creto resérvase sempre para os clientes. Certamente, se non fora porque xa perdimos o dereito de poder cobrar unha nómina sen necesidade de ter conta bancaria, poucos acreditariamos na Banca, nen sequera cando se facía pasar por nosa, mentres marchava cos nosos aforros para non se sabe que escuros investimentos nas antípodas do planeta. Andava eu nestas leas cando reparei nunha foto do xornal onde se vía o dinoseto da Porta do Sol de Vigo coa figura dun home de cabelo albo e grande bigode, cuberto de chapeu negro e traxe da mesma cor,  enfeitado cunha gravata vermella  e portando un cartaz coa lenda Monopoly Calidade Galicia. O saurio, coma min, parecía non saír do seu abraio. Así foi como me informei de que Mr.Monopoly anda por Galiza para recoller na vindeira edición do xogo “rincones e iconos típicos gallegos”. E disque o mercado inmobiliario de Vigo trema perante Mr. Monopoly.

Non é para menos pois mesmamente o vindeiro mércores, un fondo avutre quere despexar dun piso da cidade olívica a unha inquilina con tres fillos menores. Na pescuda vexo que en xuño do ano pasado conseguírase paralizar o desafiuzamento dunha familia con tres fillos menores tambén en Vigo mentres o alcalde socialista Abel chamava a acodir ao concello a quen estivera ameazado de desafiuzamento porque sempre se resolve, dizía. Ao fin estamos a falar do home das luzes, das bólas de 12 m. de diámetro. Será a mesma familia, pergúntome.

Como eu sempre fun parva demais para esta sociedada plusvalente, non enxergo como no Estado europeo con máis vivendas baleiras se pode deixar a calquera persoa a durmir na rúa, maiormente a unha familia con menores. Quen pode ser ese desalmado propietario sen corazón que desafiuza a unha familia nas vésperas do acendido de luzes do Nadal, esa festa que comemora o nacemento dun neno deus nun pesebre? Supoño que alí estarán para evitalo, amais da PAH de Tui-Vigo, todos os vigueses, e en avangarda os cristiáns. Porque se teñen dúvidas da actitude de Cristo perante o despexo, non a terán dese artigo da sagra constitución española que declara a vivenda como dereito básico. Con máis motivo e anoxo acodirán a evitar o despexo os clientes do BBVA que foi quen vendeu a vivenda con toda a familia dentro a un fondo avutre chamado Cerberus Capital que foi quen solicitou a execución do desafiuzamento.

Na mitoloxía grega, era Cerbero ou Cérbero un can de tres cabezas que gardava as porta do Inferno. As tres cabezas dos tres poderes do Estado ao servizo do Monopolio transnacional.

Mais tambén era de xustiza que acodiran as persoas que teñan un fondo de pensións pois que Cerberus Capital é un fondo de inversión estadounidense especializado na xestión de fondos de pensións. Este Cerberus do Inferno xa conta cun exército privado ao ter mercado DynCorp International, contratista habitual de defensa do governo estadounidense. Así que mentres os vigueses e demais galegos andan distraídos cos cancerbeiros do Celta ou do Depor, un dos fondos avutres máis grandes do mercado, faise co país a prezo de ganga. Imos enxergando o abraio do dinoseto?.

A crise económica de 2008 fixo desembarcar en España a grandes Fondos de Investimento. Entre eles, Cerberus Capital Management que viñeron na busca de gangas inmobiliarias. Para tal fin crearon a filial Promontoria Plataforma, da que nomearon conselleiro a José M. Aznar Botella, ese grande financeiro, casualmente, primoxénito do ex-presidente do governo.

Ao que parece, Cerberus é un dos fondos avutre máis grandes do mercado que busca se facer con activos a baixo prezo en España, o paraíso das burbullas inmobiliarias, esas que banca e governos fachendeavan de inflar. Cerberus amosa especial interese nos activos da Sareb, eis o banco malo. A fins de 2012 adquiriu os dereitos para 17 millóns de euros de activos da banca mala. (Valla a redundancia porque se houvera algunha boa para que se tería de crear a banca ética?). Amais, conseguiron a cesión en exclusiva dos activos inmobiliarios e os préstamos promotor de BFA-Bankia para os vindeiros dez anos. E asumirá a xestión dos activos transferidos a terceiros que actualmente xestiona Bankia que supoñen unha millonada onde os meus miolos se perden. Tambén conta o Cerbero cunha filial do banco Liberbank, fusión das antigas caixas de aforro de Cantabria e Asturias. En que viñeron a dar os aforros dos povos!. Incluso o banco de Santander acaba de lle vender parte da súa carteira inmobiliaria.

Son os avutres unhas maxestosas aves de rapina diurna de grandes dimensións, que se alimentan principalmente de animais mortos. Nada a ver con estes fondos rapina que veñen pola noite a carroñear nas familias, víctimas da burbulla creada polo Poder Financeiro. Sociedades que mercan a prezo de saldo, que xogan coas vidas dos máis como se foramos pezas dese taboleiro de Monopoly. E tudo co parabén dun Estado cuxo forte investimento público non foi destinado a cubrir as necesidades básicas da cidadanía senón a dar axudas millonarias a fondo perdido á banca sen ningunha contrapartida social, sequer.

Así as cousas, e vistas as luzes duns governos máis adicados a competir polo derroche enerxético ca por reduzir o consumo e investir nun Plan Municipal de Vivenda Social, propóñolle a Mr.Monopoly que na edición galega do xogo de mesa faga un taboleiro coas rúas das cidades galegas onde figuren os inmobeis rapinados polos fondos avutres e polos financeiros metidos a políticos ou viceversa, porque certamente esa é a icona máis típica galega.

Xa o dizía o poeta Ugo Fóscolo naquel lindo retruécano:

En tiempos de las bárbaras naciones
de las cruces colgaban los ladrones
hoy en el siglo de las luces,
del cuello del ladrón
cuelgan las cruces.

[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que vai ter lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
4 de novembro de 2018 22:42

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon