(Actualizada 15.11.2018 15:19)
As normas arbitrarias e inxustas da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, á hora de aplicar o RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia), provoca un novo desafiuzamento en Ferrol. | De novo as políticas dos gobernos castigan a pobreza.
Trata-se de María[1], unha nai divorciada de mediana idade con dúas menores que apenas chegan aos 10 anos. Traballadora en desemprego que percibía unha pequena prestación procedente da RISGA, á cal se lle retrae a pensión de 150 euros que percibe da súa ex-parella en concepto de manutención para as nenas, e con axudas da familia, para poder vivir.
Tivo a mala sorte que un día lle comentaron que podía renovar a súa demanda de emprego a través de internet,[2] cousa que fixo ou ao menos intentou. E un incumprimento en formación. Mais isto valeu-lle unha sanción da Consellería de Política Social, suspendendo-lle a prestación económica da RISGA, por seis meses, sanción que finaliza o mes de decembro.
María vive nunha vivenda alugada a través dunha inmobiliaria, unha vivenda que foi no seu momento propiedade do INVIED[3]. A renda da vivenda son de 300 euros mensuais, ao que hai que somar-lle os gastos xerais entre as que están luz e auga, facturas ás que non pode acceder á bonificación que lle correspondería porque están ao nome do propietario e non soubo como soluciona-lo. Porque nunca tivo unha copia do contrato do alugueiro até que lle chegou anexado á demanda de desafiuzamento. Sinalada a vista xa para o 30 deste mes de novembro e o desafiuzamento para o 27 de decembro.
María ten cita hoxe cos servizos públicos antidesafiuzamentos que por mor da nosa loita teñen constituídas tanto o Concello como a Xunta (Oficina de Vivenda e Reconduce). Ao abeiro do Convenio asinado entre a FEGAM, Poder Xudicial e Xunta, eses servizos das administracións teñen que solicitar ao Xulgado un adiamento do desfiuzamento. A María e ás súas nenas, hai que conseguir-lles unha alternativa residencial antes de ser despexadas da súa vivenda. E levantar-lle a inxusta sanción que lle privou, durante estes meses, da mingua prestación económica que percibía.
O goberno de España, foi condenado pola ONU no seu momento por permitir o desafiuzamento dunha familia con menores en situación de vulnerabilidade, e advertido en varias ocasións polo mesmo comité de Nacións Unidas o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (Comité DESC), en aplicación do Pacto Internacional sobre eses dereitos. Polo que María non pode ser desafiuzada sen que haxa unha alternativa residencial facilitada polos poderes públicos, nunha cidade onde hai 10.000 vivendas baleiras.[4]
Desde Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, demandamos unha solución xa, polo que non imos permitir que se produza o desafiuzamento, e que se lle restituían a María os seus dereitos. Os poderes públicos non están para castigar á persoa vulnerábel, senón para protexe-la.
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
forosocialdeferrolterra@gmail.com
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
@StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra
Notas.-
[1] María non é o nome real, é ficticio. Polo de agora quere gardar a súa intimidade.
[2] A renovación da demanda de emprego por internet, pode-se facer: A través da Oficina Virtual (Oficina Virtual do SPEG); a través da aplicación para dispositivos móbiles MOBEM (Aplicación Mobem) e tamén se pode facer a través dos Puntos de Información (Terminais) que hai en Concellos e Oficinas de Emprego. | Ir á Web.
[3] Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamentos da Defensa - Invied. Este instituto puxo á venda en Ferrol e Narón, centos de vivendas militares, feitas con diñeiro público procedente dos impostos que pagamos, mais foron vendidas mediante concurso (subasta+algún criterio) como se dunha inmobiliaria privada se trata-se, mais dirixida a un número limitado de persoas, contradicindo toda normativa sobre vivenda pública, entregando, pasados tres anos, un patrimonio público ao mercado especulativo. Onde tiñan que rexer unhas bases sociais con criterios garantistas e iguais para todas as persoas, para o que non había outra alternativa que entregar ese parque de vivendas ao IGVS da Xunta de Galicia que é o que ten transferida a competencia en vivenda. En Ferrol hai máis de 600 persoas que demandan alugar unha vivenda social. Hai uns meses o Inved de Ferrol recoñecía que tiña 77 vivendas baleiras. | Ir á Web.
[4] Instrumento de Ratificación de España do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, feito en Nova York o 19 de decembro de 1966. | Ir ao BOE.
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon