venres, decembro 07, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra edita a publicación gratuíta ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’, en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal, con textos de 15 persoas expertas nesta materia na UE - Chamamento a retirar o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais e a blindar no Estado e na Galiza servizos sociais suficientes, non de subsistencia


Lídia Senra edita a publicación gratuíta, en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal, con textos de 15 persoas expertas nesta materia na UE. | Chamamento a retirar o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais e a blindar no Estado e na Galiza servizos sociais suficientes, non de subsistencia.


A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acompañada pola portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e integrante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), Victoria Portas, e polo escritor e economista Xabier Pérez Davila, presentaron este venres pola mañá na Libraría Couceiro de Santiago o libro ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’. A publicación, cuxa versión impresa se repartirá e forma gratuíta por toda Galiza e cuxa versión dixital está xa dispoñible na páxina web da eurodeputada,[1] recolle textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do Estado español e doutros países da UE, que participaron no pasado mes de setembro nunha xornada organizada por Senra en Compostela sobre esta cuestión. [2]

Na rolda de prensa desta mañá, a europarlamentaria incidiu na importancia de facilitar que estes textos saian á luz e criticou a “dobre moral” da UE e dos Estados membros: A UE di que non ten competencias en materia de Seguridade Social para blindar os sistemas de pensións públicos e dignos, á vez que ameaza aos Estados membro para que recorten o gasto orzamentario en materia social e impulsa o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP) e os Estados din que reducen os investimentos nos servizos públicos e nos sistemas de pensións públicos porque están condicionados pola UE. “Estanse impoñendo reformas de pensións que conlevan o desmantelamento do sistema público tal e como o coñecemos, en detrimento de establecer mecanismos que garantan que as persoas cando se xubilen non entren na pobreza como xa está acontecendo”, denuncia Senra.

Así, asegura que as institucións europeas parten do recoñecemento de que as pensións públicas son cada vez menores e máis insuficientes e ante iso, en lugar de poñer medidas que solucionen e corrixan esta situación, poñen en marcha o PEPP que vai favorecer os intereses do capital por riba dos das persoas. “Para nós este PEPP debe ser retirado. Facemos un chamamento para que cando chegue ao pleno do Parlamento Europeo se rexeite por maioría e no seu lugar se poña en marcha unha normativa europea para garantir pensións dignas públicas para todas as persoas”.

Na mesma liña, Victoria Portas destacou que o libro que hoxe se presentou “chega nun bo momento”, xa que non está chegando información veraz á poboación sobre o que está acontecendo co desmantelamento do sistema público de pensións no Estado español e do resto da UE. Ante esta situación, o libro aspira a poder informar á xente para que a cidadanía poida valorar a situación e mudar os acontecementos. Portas denunciou que na Galiza o soldo medio galego rexistra unha fenda do 27% con respecto á media estatal e se falamos das pensións, as galegas son un 38% inferiores con respecto á media no Estado. “Precisamos uns orzamentos sociais a nivel galego e tamén estatal”, reclamou a portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, que lle advertiu á Xunta que ten competencias suficientes para poder complementar a normativa do Estado español na materia e mellorar a situación. “O que pasa é que Feijóo non quere facelo”, dixo. Así, reclamou levar a cabo outra política e ter moi en conta que o país non se crea sobre pobreza e miseria. “Reclamamos uns servizos sociais que sexan suficientes, non de subsistencia”, dixo, ante a situación actual na que se está impoñendo a perda dos servizos sociais públicos para beneficio da banca privada.

Xabier Pérez Davila fixo referencia a como no ano 1994 o Banco Mundial publicou un relatorio no que propoñía substituír o sistema público de pensións por modelos privatizados e vaticinaba o colapso do mesmo. Desde aquela, non hai trimestre no que non se publiquen vaticinios catastrofistas, que sen embargo non se cumpren. Por que se fai isto? O obxectivo é amedrentar á xente nova, considera o economista. “Queren gravar a lume nos cerebros da mocidade que non van cobrar unha pensión e nós queremos dicirlles que si que a cobrarán se a defenden, que non é un problema económico, senón político”, asegura.

Pérez Davila explicou que a día de hoxe máis da metade das horas extra non se pagan e non cotizan á Seguridade Social e que a reforma laboral de 2012 baixou os salarios en 42.000 millóns de euros. Esa reforma rouboulle aos traballadores e traballadoras 42.000 millóns de euros, que se cotizaran á Seguridade Social compensarían unha parte importante do déficit. Polo tanto, o que hai que mudar é o deseño da política económica actual, que responde aos intereses dos bancos, que queren aproveitarse do nicho que supoñen os fondos de capitalización, defendeu. A recadación fiscal no Estado español é moi baixa. A media da UE é do 55% do PIB e no Estado español é do 37%, uns 80.000 millóns de euros, que serían máis que suficientes para compensar, dixo.

O libro será presentado en diferentes actos públicos por librerías e outros locais de toda Galiza nas vindeiras semanas.

Santiago, 7 de decembro de 2018.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu. | http://lidiasenra.gal https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Notas.-

[1]A versión dixital do libro pódese consultar aquí:

https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/11/Libro-O-futuro-das-pensions-na-Galiza-Estado-espa%C3%B1ol-e-Europa.pdf

[2] Aquí información sobre a xornada que tivo lugar en setembro:

[https://lidiasenra.gal/alianza-europea-desde-galiza-na-defensa-dos-sistemas-de-reparto-que-financian-as-pensions-publicas/]
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon