xoves, xaneiro 31, 2019

A eurodeputada galega Lídia Senra condena o apoio do Parlamento Europeo ao golpe de Estado en Venezuela e pide respecto ao dereito internacional - Instigada polo PP, PSOE e Ciudadanos, a Eurocámara toma partido na desestabilización da política interna venezolana a favor de Guaidó - Senra dirixiuse hoxe mesmo á Alta Representante da UE para subliñar a pertinencia de apoiar un diálogo responsábel a nivel internacional


Senra condena o apoio do PE ao golpe de Estado en Venezuela e pide respecto ao dereito internacional. | Instigada polo PP, PSOE e Ciudadanos, a Eurocámara toma partido na desestabilización da política interna venezolana a favor de Guaidó. | Senra dirixiuse hoxe mesmo á Alta Representante da UE para subliñar a pertinencia de apoiar un diálogo responsábel a nivel internacional.


O Parlamento Europeo vén de aprobar unha resolución na que os grupos socialista (S&D), popular (PPE), liberal (ALDE) e conservador (ECR) rexeitan os principios máis básicos da democracia atacando á soberanía de Venezuela a través do recoñecemento dun presidente autoproclamado fóra do marco constitucional. Diante desta decisión, a eurodeputada Lídia Senra quere reiterar a enérxica condena do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica “tanto á autoproclamación de Guaidó como á estratexia a través da cal se está a pretender lexitimar unha intervención extranxeira en Venezuela apoiada por Estados Unidos e o denominado Grupo de Lima”.

Ademais, a eurodeputada galega do GUE/NGL dirixiu hoxe unha pregunta escrita á Alta Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e Vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini, na que expresa a súa crítica á posición totalmente inxerencista adoptada pola Unión Europea.

En primeiro lugar, Senra lembra a Mogherini que o intento de golpe de Estado promovido pola oposición venezolana, no que se inclúe a autoproclamación do diputado Guaidó como “presidente interino”, vulnera en si mesmo a propia Constitución da República Bolivariana de Venezuela.

Seguidamente, chama a atención sobre o comportamento que a UE vén adoptando dende un principio neste contexto, onde destaca unha chamativa vontade de inxerencia nos asuntos internos deste país. “Gustaríame saber cal é o interese detrás de que algúns dos Estados membro da UE apoiaran a realización dun debate promovido por Donald Trump no  Consello de Seguridade da ONU co obxectivo de respaldar a autoproclamación de Guaidó, incumprindo claramente o principio de non intervención e vulnerando a soberanía do pobo venezolano”.

Senra considera que a firme predisposición do ente comunitario a tomar partido na política interna de Venezuela non se corresponde co seu declarado respecto ao dereito internacional e aos principios da Carta das Nacións Unidas, dado que esta sinala no Artigo 2 do Apartado 7 que ningunha das súas disposicións autoriza ás Nacións Unidas a intervir nos asuntos que son esencialmente da xurisdición dos Estados. “Vai apoiar a Alta Representante unha intervención estranxeira promovida polos Estados Unidos en Venezuela, violando polo tanto o Dereito Internacional e indo mesmo en contra do criterio do Consello de Seguridade das Nacións Unidas?”, cuestiona Senra á Alta Representante da UE, “E dado que o dereito internacional tamén rexeita as accións unilaterais por parte dos Estados, que opinión lle merecen as sancións económicas impostas contra o pobo venezolano?”, inquire.

Apelando ao desenvolvemento dun marco de relacións internacionais enfocado á estabilidade e á paz, Lídia Senra incide en que a UE ten só dúas opcións ante a escalada de tensións provocada pola oposición venezolana, “ou ben posicionarse a favor do diálogo inclusivo no país ou todo o contrario, apoiar irresponsabelmente o golpe de Estado recoñecendo a Guaidó”.

Senra, asinante da moción presentada polo GUE/NGL durante a actual sesión plenaria -e que finalmente non foi votada ao ser aprobada en primeiro lugar a proposta polos grupos conservadores-, advirte “Dende o GUE/NGL rexeitamos a tentativa de golpe de Estado en Venezuela, exiximos o fin da inxerencia internacional e dicímoslle á UE que o petróleo é do pobo venezolano, e que querer manter o nivel de vida dos máis ricos de Europa non lles dá dereito a apoiar o golpe, nin a atacar ao pobo de Venezuela, nin a roubarlle os seus recursos. Non máis sangue por petróleo”.

Bruxelas, 31 de Xaneiro de 2019.

Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://lidiasenra.gal/

Twitter | Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
31 de janeiro de 2019 16:26

__________________

#GalizaVenezuela
_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon