xoves, xaneiro 31, 2019

O Pleno do Concello de Narón aproba a moción de reprobación do ex-ministro de defensa goberno do PP, Pedro Morenés, por mor da súa actuación respecto da demora na contratación da F-110


COMUNICADO EN RELACIÓN A REPROBACIÓN DO EX MINISTRO PEDRO MORENÉS.

O voto en contra desta Moción do PP era esperado, corporativismo de partido, o PP de Narón sempre puxo por enriba os intereses de partido cos de Narón.

A abstención do concelleiro de ELEXIMOS, un traballador de NAVANTIA é menos comprensible.

O concelleiro de ELEXIMOS adxectivou a Moción coma ESTUPIDA, INÚTIL, e de POSTUREO. Sorpréndenos esta actitude e esta falta empatía para cos seus compañeiros de traballo, a nosa cidade, as empresas afincadas en Narón que se dedican ao Sector Naval, e a nosa veciñanza. Ademais da falta de respecto a que xa nos ten acostumados.

A Moción como non podía ser doutro xeito foi aprobada. ESQUERDA UNIDA, TEGA, PSOE, E BNG votaron a favor.

André Abeledo fixo fincapé durante a defensa da Moción no Pleno no dano que a unha Comarca como a de Ferrolterra fixo a actuación do ex ministro Morenés, tamén a Narón posto que nos nosos polígonos afíncanse empresas dedicadas ao sector naval e vinculadas a NAVANTIA. Ademais moitos veciños e veciñas de Narón son traballadores e traballadoras que forman parte do plantel de NAVANTIA.

Ademais como todos sabemos o sector Naval como eixo económico da nosa comarca non so beneficia con empregos directos, tamén xera riqueza que permite que todo tipo de empresas poidan beneficiarse.

As ordes do goberno de Mariano Rajoy para contratar armamento á multinacional MBDA que Pedro Morenés presidiu en España (ata a súa entrada no goberno) adiou e paralizou a definición dun proxecto de 4 000 millóns de euros que garantía 10 anos de carga de traballo para o estaleiro da nosa comarca e que evitou a posta en marcha dun contrato para construír 5 fragatas no estaleiro de Navantia en Ferrol.

Esta situación causou 2 anos de adiamento do proxecto técnico, ademais de provocar un enfrontamento entre a Armada e a Dirección Xeral de Armamento controlada polo ministro, dada a oposición da primeira xa que mantiña criterios contrarios aos de instalar o armamento que solicitaba o executivo do Partido Popular.

Estamos ante unha nova mostra do estilo de facer política do Partido Popular que busca o lucro propio que no caso das Fragatas causou un grave dano a toda a Comarca. O empeño en impoñer un armamento concreto (indo en contra dos criterios da Armada) para favorecer ao grupo de empresas vinculadas a Morenés deron lugar ao adiamento do proxecto técnico necesario para dar luz verde a construción das fragatas, danando de xeito lesivo un sector clave para a toda Comarca de Ferrolterra, e tamén para Narón e as empresas e traballadoras e traballadores dedicados ao sector Naval.

En defensa destas traballadoras e traballadores, dos intereses da nosa cidade, é de xustiza esixir responsabilidades políticas a quen tanto dano nos fixo coa súa actuación.

POR TODO O DITO PEDIMOS AO PLENO A REPROBACIÓN DO EX MINISTRO PEDRO MORENÉS POLO ADIAMENTO E PARÁLISE DOS CONTRATOS DAS FRAGATAS F-110 PARA OS ESTALEIROS DE NAVANTIA.

E esiximos CARGA DE TRABALLO, XA!, para unha comarca castigada inxustamente por decisións políticas que foron desmantelando un Sector clave.


GRUPO MUNICIPAL
ESQUERDA UNIDA DE NARÓN

Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter. | Achegate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.


Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
31 de janeiro de 2019 20:09

___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon