martes, xaneiro 22, 2019

O coordinador parental como expresión da violencia contra as mulleres. Cando a palabra é a arma, ... Por Estrela Gómez Viñas e Xabier Ron


Por Estrela Gómez Viñas  e Xabier Ron [*]
22.01.2019


A sabotaxe da ética na linguaxe do pensamento politicamente correcto

Na actualidade, nada semella librarse das gadoupas do pensamento politicamente correcto que, non obstante, e de forma nada paradoxal, representa unha perversión dos valores morais e da ética. Cando menos representa unha imposición dogmática, que foxe da reflexión, do debate e do diálogo. E quen ouse discutir os seus fundamentos será vilipendiado e exposto á turba dixital das redes sociais.
O termo coordinador parental véndese como neutro e pretende identificar unha realidade que é inventada para que a súa aplicación sexa lóxica
Non é nada estraño que sexa así se consideramos que o capitalismo neoliberal e hipertecnoloxizado converteu as nosas vidas nunha acelerada competición que nos aliena e nos somete a autoexplotación. Este capitalismo precisa que o pensamento sexa plano, superficial, fragmentario, desideoloxizado, que non conduza a ningures, pois sabe que o avance e o pensamento crítico se alimentan da controversia, da discrepancia, da dialéctica. E ese pensamento crítico suporía sempre e en todo momento un freo para a aceleración. E un freo significaría perda de rendibilidade económica para o capital.

Ademais, para que se dea ese diálogo, debe existir comunidade ou sociedade. Mais o capital abraza o hiperindividualismo antipático, que foxe do contacto e a quen lle resulta moi incómodo ter que escoitar ideas e opinións doutros seres. A empatía élles descoñecida, xa que a empatía representa o encontro co outro ser e do que derivaría, necesariamente, diálogo, enriquecemento mutuo, desprendimento e aprender a coñecerse a si mesmo desde o contacto co outro. A ausencia de empatía explica por que hoxe prenden con máis forza as ideas xenófobas e racistas.

Baixo estas condicións a existencia da turba dixital é necesaria, pois o anonimato e a ausencia de canles efectivas para o pensamento reflexivo e crítico facilitan a penetración da linguaxe e realidade do pensamento politicamente correcto, que se volve hexemónico e dominante. Toda esta andamiaxe é moi difícil de desmontar. Somete a abafo e desencadea a autocensura, mais cómpre resistir e expoñerse publicamente para que se entenda que a realidade que se transmite é unha realidade falaz.
A imposición dun coordinador obrigará á muller a ver como o maltratador accede a algún tipo de trato favorecedor con respecto aos seus fillos ou fillas
A linguaxe que usa o pensamento politicamente correcto emprega o eufemismo como ferramenta comunicativa, non quere aristas e procura palabras ‘positivas’, inventa termos ‘positivos’ e asigna funcións a estes termos nunha realidade que, ao ser nomeada desta maneira, é tan imposta e dogmática como a palabra que a identifica. Así, sobre todo coa guerra e coa crise xurdiron termos como ‘danos colaterais’, ‘comportamento disruptivo’, ‘fogo amigo’, reaxuste de persoal’, ‘crecemento negativo’, ‘desaceleración’, ‘neutralizar’, ‘desaparecido’, ‘hiperactivo’, ‘centros de internamiento’, ‘alivio fiscal’....ás que podemos engadir agora ‘coordinador parental’. O eufemismo serve para manter o control ideolóxico e escurecer deliberadamente a realidade que lle subxace. Se se emprega de forma inmoral, resulta evidente que o emprego dun eufemismo como ‘coordinador parental’ só poder servir para confundir.

O termo coordinador parental véndese como neutro e pretende identificar unha realidade que é inventada para que a súa aplicación sexa lóxica. En esencia, os seus ideólogos crean unha enorme mentira, pero véndena como verdade para dominar politicamente, o que Lee McIntyre define como Posverdade.

Os ideólogos do termo apelan, tal como se facía no período de entreguerras [aínda é imprescindible o traballo de Victor Klemperer sobre a apropiación da linguaxe realizada polo nazismo e como a linguaxe creou a exclusión que logo sería realidade], á existencia de supostas probas científicas para dotar de obxectividade algo que non o ten. Saben que co apoio da ciencia é máis doado ‘colocar’ o termo e a realidade que transmite na sociedade a través, neste caso, dos seus representantes políticos. Iso acontece co termo ‘coordinador parental’ que conta cun grupo de presión, Filia, que adorna a necesidade do termo-realidade apoiándose en supostos argumentos científicos –no fondo, como se detallará máis abaixo, unha patraña misóxina-. A escolla do termo nunca é inocente porque, quen non desexa que alguén ‘axude’ na tarefa de coordinar e solucionar un problema que se orixina entre a parella e a súa descendencia?
Pode un maltratador ser un bo pai?
O eufemismo crea un marco mental positivo. Un pensamento plano, superficial, fragmentario, hexemonizado pola ausencia de reflexión será incapaz de detectar a perversidade moral e ética que se agocha detrás do ‘coordinador parental’: someter á muller vítima de violencia machista a unha nova violencia institucional como sería a imposición dun coordinador que, forzosamente, obrigará á muller a ver como o maltratador accede a algún tipo de trato favorecedor con respecto aos seus fillos ou fillas. Pode un maltratador ser un bo pai?

O problema que subxace co politicamente correcto é que quere ‘quedar ben’ con todo o mundo. Mais iso é imposible: non se pode, nin se debe, estar ao mesmo tempo cos verdugos e coas vítimas, a menos que nos vistamos de indiferenza coa dor que experimentan as mulleres maltratadas. Os cálculos electoralistas non poden nunca servir de escusa para unha opción que incide na violencia machista.

O que hai detrás do 'coordinador parental'

Entendémolo perfectamente cando un Varoufakis nos fala de teorías tóxicas, pero esperta un sorriso escéptico cando nos referimos á violencia de xénero. No primeiro caso, a macroeconomía sucede no espazo público, é de interese xeral; en cambio, a violencia patriarcal pertence ao privado. Aínda que no discurso oficial é recoñecida como un problema colectivo, no escenario social real segue observándose como particular, un lugar cara onde non se debe mirar, do que non é lícito falar. De aí a enorme dificultade de facer comprender unha teoría xeral sobre a violencia de xénero, sobre as múltiples formas da violencia de patriarcal.
Tres exemplos desa teoría tóxica: a muller manipuladora como orixinadora da denuncia falsa, a idea de conflito como desencontro de intereses entre iguais e a coordinación parental para a resolución do mesmo
Destripando a linguaxe de Fundación Filia, como exemplo visible e actualmente activo no estado español dun grupo de presión que actúa simultaneamente nos parlamentos de países ao leste e oeste do Atlántico, toparemos con tres exemplos desa teoría tóxica: a muller manipuladora como orixinadora da denuncia falsa, a idea de conflito como desencontro de intereses entre iguais e a coordinación parental para a resolución do mesmo –en realidade son catro porque o propio concepto de conflito é tamén falaz. Catro exemplos que son os ingredientes básicos da teoría que Richard A. Gardner desenvolveu como perito en tribunais estadounidense aló polos anos 80 para eliminar a validez dos testemuños das vítimas en procedementos por abuso sexual incestuoso. Posteriormente, pasaría a utilizarse amplamente en casos de violencia de xénero e maltrato infantil.

Sucede que esa teoría, a suposta síndrome de alienación parental (ssap), é, a día de hoxe, un concepto hermo: a comunidade científica nega que sexa ciencia, numerosas entidades estatais e sociais advirten do risco de utilizala, os equipos e tribunais que a poñen en práctica rara vez a nomean, simplemente seguen a súa metodoloxía, os seus teóricos renoméana con novas etiquetas que non poden ocultar a súa esencia.

A suposta síndrome de alienación parental (ssap), é, a día de hoxe, un concepto hermo: a comunidade científica nega que sexa ciencia
A utilización do xénero na lingua non é carente de intención, unha vez que se identificou como inaceptable que unha teoría pretendese criminalizar ás mulleres polo seu xénero –na orixe dirixíase exclusivamente contra mulleres- pasouse a utilizar a referencia a ambos xéneros, a pesar de que as medidas seguían afectando a supostas manipuladoras. Neste senso é moi interesante o estudo xurisprudencial sobre a ssap realizado pola Asociación Abogadas Asturianas por la Igualdad, que demostra que, se ben se aplicou a etiqueta a algúns homes, non se tomou ningunha medida correctora contra eles, mentres que contra as nais se tomaron decisión drásticas como redución do tempo de contacto cos fillos ou fillas, cambio de custodia, etc.

Di Filia que existen en España 100.000 casos de “divorcios conflitivos”. Non informa da procedencia do dato nin especifica se inclúe na estatística casos con antecedentes por maltrato. O que si se pode comprobar é que no informe do seu proxecto piloto figuran casos nos que houbo denuncia previa.

Segundo este uso da palabra, o conflito non sería entendido como acontecemento violento e asimétrico, senón conflito entre iguais, conflito de intereses entre pares. Aquí nace e desemboca todo, nunha caste de pensamento autorreferencial ao estilo da escaleira de Penrose. En contexto de violencia, a igualdade é imposible pola propia natureza da relación: a asimetría de poder é e será o seu ingrediente básico, e en consecuencia, a mediación é inútil e potencialmente perigosa para a vítima. Pero se partimos do conflito entre iguais dáse unha situación na que a mediación é posible e incluso beneficiosa.

Por suposto, o argumento parte da afirmación de que eses 100.000 casos son tamén de denuncia falsa, desoíndo as estatísticas anuais oficiais. Ocúltase así a realidade das vítimas que permanecen invisibles para o sistema: as vítimas que nunca o denunciarán e aquelas que si o fixeron pero que a xustiza penal deixou fóra do sistema de protección ou contemplounas, pero non aos seus fillos e fillas –a lei non é concluínte aínda neste punto, é unha posibilidade pero non unha obriga do-a xuíz-a. Ocúltase tamén que as institucións españolas continúan a amparar as vinculacións paterno-filiais forzosas de nenos e nenas que rexeitan réximes de custodia ou visitas.
Isto é o que subxace a esta estratexia do patriarcado: renomear a violencia como conflito entre iguais, promover a mediación e, neste contexto, devolver ás vítimas ao escenario inicial, baixo o control do vitimario
Chegamos entón ao destino: o coordinador parental, a nova figura que se pretende establecer en todas as Comunidades Autónomas para resolver estes “divorcios conflitivos” e cuxo obxectivo é, segundo todas as previsións, levar a efecto estas vinculacións forzosas ou forzadas. Técnico de medidas coercitivas sería sen dúbida un termo máis acorde á súa función, nesta era dos conceptos confusos, da lingüística de fío de platino. Coordinar soa tan pacífico e cívico que custa representar mentalmente o verdadeiro cometido desta figura.

Na comparecencia de Filia na Comisión de Infancia do Congreso dos Deputados, a súa presidenta non dubida en manifestar que “los niños ponen denuncias falsas todos los días en los juzgados de España, los niños ponen denuncias falsas (…) de abuso sexual, cuando ni siquiera les han tocado, y les obligan a hacerlo”. Unha entidade coa que o goberno ten subcontratado o Teléfono do Menor.

Isto é o que subxace a esta estratexia do patriarcado: renomear a violencia como conflito entre iguais, promover a mediación e, neste contexto, devolver ás vítimas ao escenario inicial, baixo o control do vitimario.

Cómpre devolver a honestidade á linguaxe.

Publicado en Praza Pública - 21.01.2019

[*] Estrela Gómez Viñas, presidenta da Asociación Galega Contra o Maltrato a Menores - Agamme.

Xabier Ron, Docente, activista social, membro de EU e do Foro Galego de Inmigración.
---

Agamme

Asociación galega contra o maltrato a menores
http://www.agamme.org/

FACEBOOK | TWITTER

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com
21 de janeiro de 2019 21:19

__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon