O Tripartito quere facer o parque fluvial co sacrifico dalgúns propietarios.
Estivemos a manter contacto con máis de una decena de propietarios afectados pola expropiación do parque fluvial do río Freixeiro, os cales non están de acordo coa proposta de expropiación do Concello, pois valora as propiedades rurais en 5,11 €/m² e o solo urbano en 26,54 euros/m².
Despois de estudar o proxecto de expropiación, atopamos datos erróneos e que Proyfe escolleu opcións menos favorables para os propietarios.
Os motivos do desencanto na zona rural é que en expropiacións anteriores, a cargo de outras entidades, se chegaron a pagar cerca 52 €/m² por propiedades similares. Ademais, o Concello comprou no 2016 unha parcela detrás do asilo de anciáns de Piñeiros, de características similares aos terreos agora comprados e destinado tamén ao parque fluvial, que foi pagado a 13,48 euros/m², é dicir, 2,5 veces máis. Tamén acaba de comprar para o parque neste pasado mes de decembro outras dúas a 21,75 €/m² e a 7,50 euros/m² respectivamente.
No solo urbano tamén podemos dicir que, a falta dun calculo exacto, obtemos valores catro veces superiores aos de Proyfe.
Moitas das sentenzas sobre expropiacións coinciden na mesma idea: “implantar servizos para a cidade non se pode facer a costa do sacrifico singularizado duns propietarios”, senón que debe primar o “principio de equidistribución das cargas e dos beneficios” recollido na lexislación.
Resulta evidente que o Tripartito naronés non está a tratar igual a todos os veciños, estamos a falar dun claro agravio comparativo, e de que este Goberno se está a aproveitar do descoñecemento dos propietarios para comprar o máis barato posible sen importarlles si é xusto.
A participación novamente escondida aos naroneses.
A participación cidadá en Narón é unha pantomima moi vella na que desgraciadamente xa case ninguén cre, aínda que o Tripartito non a ignora porque é algo que lle vén imposto legalmente, e porque lles dá certa visibilidade ante os veciños, especialmente á concelleira do PSOE.
Veñen gastándose ao redor de 40.000 euros anuais para contratar a unha empresa para organizar 26 reunións (e levantar actas, algo reservado a un funcionario no regulamento) con entidades veciñais ao longo do ano (uns 1.540 euros por reunión de unha hora de duración aproximadamente), reunións ás que xeralmente acoden máis políticos que veciños (en moitas ocasións só 2 ou 3 persoas das entidades convocadas) e nas que pouco máis se fai que recoller algunhas queixas ou peticións de mellora, ás veces históricas, ás que na súa maioría non se lles dá resposta, nin se actúa en consecuencia. Os famosos orzamentos participativos volveron ser unha quimera outra lexislatura máis.
O pasado ano abriuse un período para presentar propostas para a reforma do regulamento de participación cidadá, só Eliximos e unha persoa presentaron propostas, pero como non gustaron, e coa desculpa de introducir melloras relativas a igualdade de xénero, non se chegaron a debater nin a considerar, así que foi outra burla máis.
Como agora a lei obriga a someter “consulta pública” certas normas e regulamentos (con carácter previo a súa elaboración), e hai que xustificar que se fai algo en canto a participación, contratouse unha plataforma para colgar documentos e que a xente poida opinar. Por certo, optouse por unha plataforma de participación cara e bastante deficiente, en lugar de instalar software gratuíto e de mellor resultado.
A plataforma Narón Participa estreouse coa publicación de 3 ordenanzas e 2 regulamentos a comentar en 15 días e sen publicidade, tras as críticas ampliouse o prazo a 2 meses e publicitouse un pouco. Como era de esperar houbo pouca participación, pois á xente cústalle bastante tragarse 100 páxinas de regulamentos para analizalos e propoñer melloras nun prazo de 15 días, máxime sen garantías de que sirva de algo. Ningunha explicación sobre as mesmas, tampouco reunións, nin diálogo, nin debates, así que a participación só é para quen o poida facer por internet.
Agora a historia repítese, o 26 de decembro quitan simultaneamente 4 regulamentos e un expediente de contratación (algo non previsto) sen publicidade e sen que ninguén se decate, con prazos de 16 días en 3 casos e un mes nos outros dous. Falta novamente a transparencia, parece que se trata de xustificar o requisito pero sen dar pé á participación (nin sequera por internet).
Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)
673141822 - eliximos@gmail.com
Narón, moito por facer
...fagámolo, xuntos podemos.
Web:
http://eliximos.es/
twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron
facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/
Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
1 de janeiro de 2019 19:43
30 de dezembro de 2018 23:55
_____________
Enlace relacionado:
https://www.naronparticipa.es/
_________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon