luns, febreiro 04, 2019

Para amosar a repulsa á inxerencia imperialista en Venezuela e contra o intento de golpe de estado, diversos colectivos, asociacións, sindicatos e partidos, convocaron unha concentración en solidariedade co pobo venezolano que terá lugar o martes 5 de febreiro ás 19:30hs no Cantón de Ferrol


Para amosar a repulsa á inxerencia imperialista en Venezuela e contra o intento de golpe de estado, diversos colectivos, asociacións, sindicatos e partidos, convocaron unha concentración
en solidariedade co pobo venezolano que terá lugar o martes 5 de febreiro ás 19:30hs no Cantón de Ferrol.

Persoas a nivel particular e diferentes entidades como: Asociación Cultural Fuco Buxán, BNG-Ferrol, CIG- Ferrol, Erguer - Estudantes da Galiza, EU-Narón, EU-Ferrol, Ferrol en Común, Fundaçom Artábria, Narón por Diante, Marea de Ferrol, PCPE-Comunistas de Galiza-Forxa e Podemos-Ferrol acordaron unir-se ao movemento internacional que se está mobilizando en todo o mundo, contra a inxerencia imperialista en Venezuela que despois de case dúas décadas de agresións e bloqueo económico, promoveu un segundo golpe de estado coa autoproclamación de Juán Guaidó  como presidente. E convocar unha concentración este martes 5 de febreiro ás 19:30hs no Cantón de Ferrol e acordou apoiar o manifesto que transcribimos a continuación.

Galiza Con Venezuela

Pola soberanía dos pobos


O pobo irmán da Venezuela está a sofrer un Golpe de Estado que ataca o goberno escollido nas urnas do Presidente Nicolás Maduro, que pretende destruír a Revolución Bolivariana e o seu proxecto de independencia e soberanía e que nós, desde a Galiza, rexeitamos frontalmente, firmemente, sen reticencias.

Un Golpe de Estado que parece protagonizado pola dereita opositora -oligárquica, apátrida e sometida aos intereses estranxeiros-, porque o 23 de xaneiro, aproveitando a data simbólica que conmemora a caída do ditador Marcos Pérez, un dos seus deputados, Juan Guaidó, se encaramou a un escenario preparado de antemán e se autoproclamou “presidente encargado” do país. Un Golpe de Estado cuxos líderes aseguran seguir a Constitución, pero que invoca artigos que, na realidade, non son aplicábeis á situación que previamente eles mesmos crearon. Un Golpe de Estado que descoñece á mantenta que Venezuela xa ten un Presidente, eleito democraticamente en 2013 e de novo en 2018, con máis de 6 millóns de votos e do 67% dos votos emitidos. Foron eleccións libres, como recoñeceron os centos de observadores internacionais, a pesar de que unha parte da oposición (precisamente a que agora se amotina) decidise non se apresentar.

Nós sabemos, porén, que toda esta operación ridícula e ao mesmo tempo irresponsábel non é cousa desa fracción opositora. Guaidó e o resto de personalidades que inmediatamente correron a refuxiarse na embaixada de Colombia en Caracas son apenas os títeres dun poder que leva desde 2002 tentando destruír a Revolución Bolivariana e que ten a súa sede en Washington e os seus ollos permanentemente postos nos recursos naturais venezuelanos.

Un poder que xa destruiu e continúa a destruír países no seu propio beneficio, de Siria á Ucrania, do Iraque á Libia, e que alimentou todas as ditaduras da América Latina, cos seus correspondentes Golpes de Estado: Pinochet en Chile, Videla na Arxentina, Banzer en Bolivia, Somoza en Nicaragua, Noriega en Panamá, Stroessner en Paraguai, Trujillo na República Dominicana, Batista en Cuba, etc., ou, máis recentemente, os chamados «golpes brandos» en Paraguai, en Honduras, no Brasil. Ese mesmo poder que desde hai anos mantén o bloqueo sobre os activos de Venezuela no estranxeiro -millares de millóns de dólares cuxo secuestro pavimenta unha crise económica real que a oligarquía golpista venezolana promete resolver recorrendo ás migallas humanitarias dos Estados Unidos e ao Fondo Monetario Internacional. Ese mesmo poder que leva anos a exercer a guerra comercial, mediática e diplomática contra a Revolución, que tratou por todos os medios de desmontar o proceso de integración latino-americana impulsada por Hugo Chávez e Fidel Castro e que en 2015 acusou o goberno do Presidente Nicolás Maduro de representar unha “ameaza para a súa seguranza nacional” por non deixar de exercer a soberanía da Venezuela en todos os frentes e en todas as circunstancias. Por outras palabras: por non se deixar roubar e rapinar. Mas ese poder, que é o poder do capitalismo sen fronteiras e sen escrúpulos, non só actúa desde Washingon. Do outro lado do Atlántico Norte tamén varios países da Unión Europea esqueceron o dereito internacional e se creron en disposición de daren ultimatos a un país soberano. Entre eles, o Estado español; o mesmo estado que, cunha man, exixe eleccións “libres” (que só serán “libres” se gañar a oligarquía) mentres coa outra envía forzas policiais para impedir como sexa un referendo de autodeterminación en Catalunya e que mantén presos e presas políticas dispersadas nos seus cárceres. Non nos sorprende, porén. O Estado español nunca deixou de acariciar en secreto a idea imperialista de que o que acontece en Venezuela, en Bolivia, en Cuba, en Nicaragua é unha cuestión de “política interna”, como expresou recentemente o seu ministro de relacións exteriores, Josep Borrell. Non nos sorprende, porque o enfrentamos todos os días, pero non por iso deixamos de condenalo. Señor Josep Borrell, señor Pedro Sánchez, hai moitos anos que América Latina se soubo libertar do seu imperio en decadencia. Primeiro con Bolívar, San Martín, Sucre ou Martí; e despois cos axentes da Segunda Independencia. Deixen América Latina tranquila. Deixen Venezuela vivir en Paz e progresar no modelo de país que a súa poboación escolleu maioritariamente.

Paren o Golpe de Estado na Venezuela!

Paren de dar ultimatos ridículos e de recoñecer títeres!

Respeiten a democracia e a soberanía dos pobos!

Galiza, 30 de Xaneiro de 2019.

#GalizaVenezuela

Asinan:

Asociación Cultural Fuco Buxán

Bloque Nacionalista Galego - Ferrol

CIG - Unión Comarcal Ferrol

Erguer - Estudante da Galiza

Esquerda Unida - Ferrol

Esquerda Unida Narón

Ferrol en Común

Fundaçom Artábria

Narón por Diante

Marea de Ferrol

Partido Comunista dos Pobos de España - Comunistas de Galiza - Forxa

Podemos Ferrol
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon