Compañeiras e compañeiros,
Hoxe remata unha lexislatura tremendamente intensa na que, ao longo de tres anos, remamos contra vento e maré por colocar os problemas das traballadoras do noso país na axenda estatal.
Nun primeiro momento, as dificultades viñeron dadas polo feito de a organización estar por construír. Tocoume, daquela, asumir a portavocía do grupo. Con todos os erros da inexperiencia, pero tamén con toda a forza da vontade, comprometinme en visibilizar as nosas demandas na cámara e loitei, contra propios e alleos, por facer valer o aval que centos de miles de galegas e galegos nos deron.
Como portavoz na comisión de Fomento traballei para tentar humildemente perfilar unha estratexia que puxese en valor o potencial da Galiza Atlántica; dunha Galiza que non quere depender dunha política do Estado que co seu modelo radial nos pretende asimilar á España baleira, senón que quere falar dende as súas necesidades e fortalezas. Foi para min estratéxico colocar temas como a AP9, os corredores europeos de mercadorías, o sistema ferroviario, os portos, as estradas... porque as infraestruturas son, á fin e ao cabo, as que xeran as condicións de posibilidade para que teñamos un ou outro modelo socioeconómico e condiciona profundamente as nosas vidas.
Adquirín, tamén, un compromiso persoal para que a comisión de investigación de Angrois saíse adiante, e tiven a sorte de acompañar durante todo este tempo as víctimas e familiares do Alvia, con quen aprendín a importancia do empeño e do tesón. Tralo paso de case medio centenar de comparecentes conseguimos desenmascarar mentiras e medias verdades, e provocamos que funcionarios do Ministerio de Fomento desen un paso adiante para atenuar a opacidade de “verdade” oficial. Quédame a espiña de que o final anticipado da lexislatura deixase no aire a elaboración do informe de conclusións, que espero e desexo que se recollan para a seguinte.
Tiven a sorte de atopar e traballar cunha chea de xente anónima que durante estes anos nos acompañou na nosa labor ao longo do país. E levo tamén o galano de que moita desta xente se convertese en compañeiros e compañeiras. A todas elas, a todas vós, grazas, e grazas tamén a todas as persoas que me queren e ás que lle tiven que sacar horas de dedicación, e a aquelas ás que lle roubei horas de apoio, debates e reflexións.
Despois dunha profunda reflexión, poño fin, pois, a unha etapa dura e intensa. Tiven moi claro desde o primeiro momento que o meu tempo na política institucional había ser limitado. Nestes tres anos non fixen máis que reafirmarme na importancia de estar na política por convicción e non por necesidades persoais. Por iso sempre tiven presente a necesidade de retomar a miña carreira. Volto agora a ela, mantendo o meu compromiso militante desde a base.
Estamos nuns tempos convulsos que requiren respostas audaces e de mirada longa. Penso que é momento para pararse, para reflexionar, para máis traballo ao carón das compañeiras, para esa militancia en que os rumbos compartidos xeran afectos e proxectos de longo alento. Porque a Galiza combativa do Nunca Máis, do 15M ou do 8M segue palpitando urxencia. Continuamos!
Fonte: https://www.facebook.com/alexandra.galiza
[*] Alexandra Fernández Gómez, nada en Vigo o 21 de outubro de 1988.
Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
28 de fevereiro de 2019 20:33
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon