O persoal de Poligal manifestarase este martes en defensa do emprego e a actividade produtiva. | A CIG denuncia que o concurso presentado polo Grupo Perelada é fraudulento e que a planta é viábel.
Os traballadores e as traballadoras de Poligal continúan co calendario de mobilizacións en defensa dos seus empregos e a produción industrial na planta de Narón. O persoal ten convocada para este martes, 12 de marzo, unha manifestación que sairá ás 19:00h da Ponte das Cabras, discorrerá pola estrada de Castela e rematará no Cantón.
A mobilización prodúcese tras da xuntanza a pasada semana coa Consellaría de Industria, na que participaron o conselleiro, a secretaria xeral de Emprego e o director do IGAPE, quen informaron do contido da reunión previa entre empresa e Administración. Nese encontro, a Consellaría constatou a nula vontade do Grupo Perelada (propietario das instalacións) de darlle unha saída á planta de Narón dentro de Poligal. “Segundo informaron da Consellaría, a empresa está moi pechada na liquidación, argumentan que non se trata dunha cuestión de axudas para adaptar as instalacións, senón que non hai mercado e que non lles interesa continuar coa produción aquí”, subliña Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol.
De feito, a empresa deixa en mans do administrador concursal (que segundo informaron da Consellaría xa está nomeado) calquera alternativa para manter a actividade. Fronte a esta postura, a CIG-Industria insiste en que "este concurso é fraudulento e intencionado" e por iso, Amado adiantou que "daremos a batalla tamén na parte xurídica. Nós non desbotamos ningunha das saídas para a fábrica, nin a través de Poligal coa actual propiedade, nin con outra empresa, se aparece. Para nós esta fábrica é viábel e ten futuro", aseverou.
Con este contexto, a Consellaría de Industria manifestou o seu apoio ao persoal e comprometeuse a traballar na busca dun posíbel inversor que se faga coa planta. Neste senso, apunta Amado, dende a Administración "propuxeron a creación dunha mesa na que estean presentes IGAPE, Traballo, comité e centrais sindicais para analizar as condicións das instalacións, capacidade de produción, tipoloxía dos traballos que se poden producir, etc. para ver de atopar inversor no curto prazo".
Así as cousas, os traballadores e as traballadoras proseguen coas mobilizacións na defensa dos empregos e a actividade produtiva e chaman a cidadanía de Narón e Ferrol a sumarse á manifestación deste martes en defensa do tecido industrial da comarca.
Fonte: Avantar.
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon