Con motivo da noticia feita pública no día de onte, AGAMME e Fight For Child mostran o seu rexeitamento a unha sentenza que é o colofón de toda unha serie de decisións xudiciais contrarias aos últimos avances lexislativos en materia de vítimas de violencia de xénero
As asociacións de loita contra a violencia de xénero e contra o maltrato infantil denunciamos desde hai anos un funcionamento inadecuado da xustiza no enxuizamento dos delitos que se encadran nestes dous contextos de violencia. En boa parte por falta de medios suficientes e adecuados e a escasa formación dos profesionais que se encargan de escoitar ás vítimas e valorar o seu testemuño. Con todo, existe outra barreira si cabo máis difícil de superar. Referímonos a certos prexuízos instaurados na nosa xurisprudencia que establece a suspicacia cara á vítima como punto de partida.
Un exemplo deste modus operandi é a Circular 3/2009 da Fiscalía Xeral do Estado que invita aos e ás Fiscais a desconfiar das acusacións de maltrato infantil en contextos de divorcio, facendo referencia a posibles intereses espurios que puidesen ter os familiares do neno ou nena. Trátase, unha vez máis, da suposta síndrome de alienación parental (SAP), ese artiluxio psico-legal tan beneficioso para quen queira inutilizar o testemuño das vítimas menores de idade. Recordamos de novo que esta teoría non só non recibiu o apoio da comunidade científica, senón que ten sido profusamente refutada polas inescusábeis carencias metodolóxicas que presenta. Non é ciencia, e con todo desde hai uns vinte anos non deixou de ser utilizado por parte dun determinado sector da xudicatura.
A suposta SAP é o que subxace no caso Juana Rivas. Non unicamente no procedemento civil que se levou a cabo en Italia, onde o psicosocial expón abertamente o concepto, senón xa no primeiro momento, cando Juana chega a Granada solicitando unha medida que protexa aos seus fillos, para non ter que regresar a Italia, e a xustiza española dille que non, que os nenos deben volver ao seu lugar de referencia, desoíndo á nai e ao maior dos irmáns, que relataban malos tratos físicos e psicolóxicos. España esqueceuse? dunha posibilidade: establecer medidas cautelares mentres non se resolvese o procedemento penal polos presuntos malos tratos, ou ata establecer medidas definitivas en base á violencia ocorrida en 2009, xa probada. Esa era a boa, a única. Nese desleixo, nesa omisión, está o xerme de todo o que sucedeu posteriormente.
Juana Rivas desapareceu cos seus fillos durante varias semanas. Esperaba que sucedese algo coa denuncia que presentara por malos tratos. Ou con aquela outra sentenza, que condenaba a Arcuri por violencia de xénero en 2009. Pero ese algo non chegou. Finalmente España respondeu que non podía xulgalos porque era competente Italia e non había certeza de que non se estivesen investigando alá. Unha denuncia que segue en espera, case dous anos máis tarde, nalgún caixón dun xulgado italiano.
Di a sentenza coñecida no día de onte que Juana "quedábase sen argumentos" e que "desviaba a atención dos feitos" cara á condena de malos tratos do ano 2009. É certamente grave que unha sentenza conteña estas expresións. Esquecéronse as súas señorías de que, efectivamente, Juana Rivas é unha vítima de violencia de xénero? esqueceron que a día de hoxe os fillos e fillas de vítimas serían considerados, por lei, vítimas tamén, necesitadas da mesma protección? É deplorábel que persistan certos clichés e que a xudicatura, polo menos un sector da mesma, sexa tan remisa a aceptar certos cambios lexislativos.
Para rematar, chamamos a atención sobre a magnitude das medidas que se tomaron, nun exercicio exemplarizante, a modo de advertencia. Este asañamento é especialmente grave pola súa condición de vítima, que os tribunais non parecen querer ter en conta. E por outra banda porque condena aos nenos ao silencio, dado que a última vez que o fillo maior falou sobre malos tratos recibidos a mans do proxenitor no último ano e medio, a xustiza italiana non o tivo en conta por considerar que está baixo os efectos da influencia materna. Isto non pode senón recordarnos os poderes que, segundo S. Federici, atribuíanse ás mulleres acusadas de bruxería no pasado: poderes máxicos sobre a vontade allea. A pregunta é, de que outra forma podería Juana Rivas alienar aos seus fillos si desde 2017 non residen con ela?
Preocúpanos a situación de vulneración de dereitos de Juana Rivas como muller vítima de violencia de xénero que propiciaron toda as actuacións xudiciais tanto española como italiana. Preocúpanos enormemente que se estean levando as represalias contra as mulleres denunciantes a este grado de extrema dureza. Pero o que nos parece máis sangrante é que, pola inacción do estado español dous nenos de 4 e 12 anos, que poderían recibir o amparo dunha medida de protección, están agora nunha situación de enorme vulnerabilidade e con innumerábeis dificultades para facerse oír no futuro.
O aparello da suposta SAP funcionou á perfección: acalar ás vítimas, impedir o enxuizamento do delito e, acto seguido, deixar caer toda a forza da Lei sobre aqueles-as que debesen recibir atención e protección.
Por todo iso, AGAMME e Fight For Child anuncian que nos próximos días farán chegar senllos escritos ao Defensor do Pobo, ao Consello Xeral do Poder Xudicial e á Fiscalía Xeral do Estado, solicitando unha avaliación do nivel de aplicación do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, no relativo ás medidas concernentes aos fillos e fillas vítimas. No texto solicitarán que se establezan protocolos para a inspección da función xudicial naqueles casos nos que se actúe de xeito contrario á lexislación, cando se trate de determinar a necesidade de protección dun neno, nena ou adolescente. Do mesmo xeito, recordarase aos organismos a necesidade imperativa de garantir o exercicio pleno do dereito de todo neno ou nena a ser escoitado-a nos procedementos nos que se decida sobre réximes de visita ou custodia, especialmente cando exista un rexeitamento manifesto a manter contacto con algún familiar.
Os fillos de Juana Rivas han de saber que non se quedaron sos. Que seguimos loitando cada día, por difícil e esgotador que sexa. A masa de mulleres que saíu á rúa hai menos dunha semana a reclamar dereitos debe facerse oír agora, e cada vez que unha vítima sexa silenciada ou represaliada.
15 de marzo, de 2019
Asociación galega contra o maltrato a menores
Envia do por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
15 de março de 2019 01:30
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon