Lídia Senra defende no PE a apertura dunha comisión de investigación sobre os riscos das próteses mamarias. | Interveu na Comisión de Peticións do PE para apoiar as denuncias de mulleres afectadas polo escándalo das próteses PIP e doutros tipos. | O PE alertou nun informe que cada ano milleiros de mulleres son expostas aos riscos dos implantes sen seren correctamente informadas.
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo debateu hoxe tres solicitudes sobre próteses mamarias e os seus efectos na saúde das mulleres [Vídeo da sesión], destacando o escándalo da fraude das próteses PIP, que deu lugar á PIP Action Campaign. As peticionarias denunciaron que as institucións europeas non teñen investigado os riscos para a saúde asociados aos implantes de mama máis aló do escándalo concreto das próteses PIP. Queixáronse da falta de información dispoñíbel con respecto a los riscos para a saúde, demandando que as personas que van ser sometidas a unha intervención quirúrxica para implantarse prótesis mamarias dispoñan de información científica abondo para tomar una decisión informada. As mulleres afectadas explicaron tamén hoxe no Parlamento Europeo que as compañías aseguradoras están tentando eludir a cobertura das consecuencias médicas da aplicación deste tipo de próteses.
Logo de insistir en que este é un problema que transcende os implantes PIP advertindo de que outros tipos de implantes tamén están provocando problemas na saúde doutras moitas mulleres, as peticionarias solicitaron ao Parlamento Europeo a creación dunha comisión de investigación sobre os riscos para a saúde asociados ás próteses mamarias, así como o recoñecemento oficial dunha serie de afeccións na saúde vinculados a este tipo de implantes (cancros, reaccións autoinmunes, afección de disruptores endocrinos nas mulleres e no proceso de xestación e lactancia, depresión...).
En representación do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra tomou a palabra para expresar o seu apoio ás peticionarias e mulleres afectadas e insistiu na importancia do consentimento informado “así como o dereito a toda a información relativa a riscos, trazabilidade das próteses mamarias e alternativas dispoñíbeis”. Na liña das demandas concretas postas sobre a mesa polas mulleres afectadas, a eurodeputada galega insistiu tamén en que as enfermidades derivadas dos implantes mamarios “teñen que ser valoradas e recoñecidas por equipos médicos multidisciplinarios, garantido o seguimento das mulleres enfermas e unha cobertura médica gratuíta”.
Senra lembrou tamén que a iniciativa do GUE/NGL a Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero, o Parlamento Europeo aprobou en sesión plenaria en febreiro deste mesmo ano unha resolución sobre os Desafíos políticos e estratexias contra os tipos de cancro que afectan ás mulleres e ás súas comorbilidades. Este informe fai mención específica ás peticións presentadas hoxe e recolle expresamente no seu quinto considerando que cada ano milleiros de mulleres reciben próteses mamarias por cuestións médicas e/ou estéticas sen que se teñan tido en conta os riscos nin proporcionado información axeitada. Subliña tamén a necesidade de extender as investigacións máis aló das implantes PIP e alerta de que actualmente os fabricantes de implantes mamarios non PIP non están a proporcionar a debida información sobre a composición e efectos adversos do xel de silicona empregado pola industria farmacéutica. Advirte asemade que a taxa de rotura e os riscos invasivos da silicona en todo o corpo constitúen un problema real e que os fabricantes non poden garantir unha prótese cohesiva ao 100 %. Enfatiza tamén que varios informes teñen establecido un vínculo directo entre o uso de implantes de silicona e o linfoma anaplásico de grandes células, un tipo pouco frecuente de linfoma no Hodgkin que ten provocado, como mínimo, 14 mortes entre os máis de 409 casos rexistrados.
“A través da aprobación deste texto o PE acordou tamén que pedir con carácter de urxencia unha avaliación en profundidade dos riscos asociados a estes implantes , tendo en conta en particular os casos de cancro e de linfoma anaplástico de células grandes en mulleres. As mulleres somos moito máis que estatísticas, que máis ten que pasar para que se tomen en serio os problemas que afectan a saúde das mulleres? Que valor teñen as nosas vidas?”, criticou Senra. “Esta petición ten que ficar aberta e o Parlamento ten que pór en marcha con carácter prioritario unha comisión de investigación que analice o impacto dos implantes de silicona na saúde das mulleres nada máis comece a vindeira lexislatura”.
Ambas solicitudes, concordantes co solicitado polas peticionarias, foron aceptadas pola Comisión de Peticións.
Bruxelas, 11 de Abril de 2019.
Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas. | A eurodeputada alerta á Comisión Europea sobre o uso de fondos FEDER en intervencións na PO-308 que non respectan a área protexida en Rede Natura. | Reclama outro tipo de programas contra a uña de gato e a herba da pampa e tamén que cesen as agresións medioambientais no paseo peonil e novas vías.
A eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas de finais de maio, ven de denunciar ante a Comisión Europea (CE) as aberracións medioambientais que se están a dar na contorna da praia da Lanzada, no concello de Sanxenxo. Senra presentou dous escritos dirixidos ao ente comunitario, para alertalo sobre as agresións que se están dando nesta área, incluída como zona de protección ZEC e ZEPA na Rede Natura 2000. Concretamente, un dos escritos está centrado na proliferación de plantas invasora e outro nas obras levadas a cabo na PO-308, afectando seriamente ás dunas. Os escritos presentados esta semana en Bruxelas son froito da visita que a eurodeputada realizou á Lanzada no pasado mes de febreiro, acompañada por Mary Camiña, candidata á Alcaldía de Sanxenxo por Somos En Marea Sanxenxo e candidata ao Senado de En Marea pola provincia de Pontevedra, e por membros da Plataforma Veciñal de Sanxenxo.
Así, Lídia Senra dá conta á CE de que na Lanzada leváronse a cabo dúas fases de rexeneración dunar, quedando pendente de execución desde o 2009 unha terceira, que suprimiría parte do trazado da estrada PO-308, para rexenerar as dunas existentes, ampliar a zona de praia e aumentar a seguriade vial. Non obstante, no 2016 comezou unha obra na dita PO-308, con fondos FEDER, para abrir un sendeiro peonil e ciclista (este último segue sen facerse), que conlevou que as dunas pasaron a ser removidas e usadas como zona de almacenaxe de escombro e como aparcadoiro de maquinaria pesada nas inmediacións, ademais, do conxunto megalítico Con do Cormorán, que se viu afectado. Neste tempo tamén, o entablado de madeira do paseo saiu voando tres veces, chegando a impactar no colexio que hai nas proximidades, ao facerse as obras sen ter en conta os estudos xeolóxicos, e incluso colocaron unha base de cemento.
A europarlamentaria pregunta á CE se ten constancia a Comisión dos fondos europeos empregados neste sendeiro ciclista non construído e en todas as obras daninas para as dunas na Lanzada e pídelle que se posicione sobre se considera que son compatibles estas actuacións coas medidas de protección natural desta zona.
Por outra parte, a eurodeputada tamén explica á Comisión Europea que a uña de gato (Carpobrotus edulis) e a Herba da pampa (Cortaderia selloana) son plantas que, polo seu potencial colonizador, constitúen unha ameaza grave na Galiza, motivo polo cal foron incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras polo Real Decreto 630/2013 de 2 de agosto. Sen embargo, os programas impulsados para a súa erradicación non están funcionando e un claro exemplo é o concello de Sanxenxo, e máis concretamente a praia da Lanzada, que se encontra rodeada por unha bela contorna natural de dunas protexida dentro da Rede Natura 2000, con hábitats especiais, dunha gran diversidade tanto en flora como en fauna, pero as plantas invasoras mencionadas propician que as autóctonas vexan reducida a área xeográfica de crecemento. As invasoras proliferan de forma profusa por dunas e accesos a praias e os produtos químicos cos que se intentan queimar esas plantas, ao aplicarse en lugares en contacto directo co mar, constitúen un risco alto de contaminar as augas, denuncia Senra, que pide á CE que inclúa a uña de gato e a herba da pampa na Lista de especies exóticas preocupantes para a UE e tamén que se posicione sobre que protocolos se deberían de seguir contra as invasoras en Rede Natura como é a Lanzada.
Para Lídia Senra, respectar de forma escrupulosa e coidar os espazos naturais protexidos é fundamental. Así, acusa ás Administracións públicas de facer a vista gorda ante agresións tan preocupantes como as mencionadas e chama a exercer con responsabilidade os deberes de control, non promocionando obras nin intervencións que están a danar a nosa costa.
Santiago, 12 de abril de 2019.
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas. | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://lidiasenra.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez | Oficina de Lídia Senra na Galiza. | Tlf.: +34.698.144.067 / 698.120.268 | Tlf.: +34.881.817.443
Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
12 de abril de 2019 10:17
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
11 de abril de 2019 12:55
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon