luns, abril 01, 2019

Batería de denuncias, actos e propostas da Eurodeputada Lídia Senra - Insta á CE a incluír a Sensibilidade Química Múltiple na lista europea de enfermidades - Denuncia no pleno do PE que a propia UE impulsa en ocasións actividades que contaminan as augas - Denuncia na CE a nova terminal portuaria prevista na Enseada de San Simón, plena Rede Natura - Chama a desenmarcarar o neoliberalismo: 'As alternativas económicas ao capitalismo son posibles' - Promove en Bruxelas a mostra do galego Gabriel Tizón 'A Europa d@s nen@s perdid@s'


Lídia Senra insta á CE a incluír a Sensibilidade Química Múltiple na lista europea de enfermidades. | A eurodeputada reuniuse con membros da asociación SQM-Galicia, que piden que a Organización Mundial da Saúde recoñeza oficialmente a doenza. | A europarlamentaria reclama algunha iniciativa do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades para mellorar a vida das afectadas.

A eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas de finais de maio, rexistrou esta mañá en Bruxelas unha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea (CE) sobre a Sensibilidade Química Múltiple (SQM), enfermidade que nos últimos anos se ven detectando que cada vez afecta a máis poboación e que está incluída oficialmente na Clasificación Internacional de Enfermidades do Estado español desde o 2014 e tamén recoñecida noutros países como Alemaña (desde o ano 2000), Austria (2001), Suíza (2010), Dinamarca (2012) ou Xapón (2009).

A pregunta é froito da reunión que Senra mantivo o venres pasado en Santiago con varias membros da Asociación SQM-Galicia, quenes lle explicaron a loita que están a levar a cabo para que se activen protocolos en todos os lugares e a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñeza a enfermidade adquirida, caracterizada pola perda progresiva de tolerancia a produtos químicos diversos, que deriva en problemas cardiovasculares, respiratorios, endocrinos, hepáticos, inmunolóxicos, neurocognitivos, neurolóxicos, xinecolóxicos, androlóxicos, de pel e mucosas, ademais de xerar alteracións do estado do ánimo e derivar en incertidume, aillamento e incomprensión. Isto leva a que as persoas afectadas por SQM non poidan levar unha vida normal, xa que estar en contacto ou en ambientes con produtos químicos como combustibles, disolventes, pesticidas, pinturas, materiais de construción, barnices, produtos de uso habitual como colonias, pergumes, desodorantes, produtos de limpeza, ambientadores, deterxentes, suavizantes, etc, desencadéalles serios problemas de saúde.

Senra insta neste sentido á Comisión Europea a exercer as competencias que ten para loitar contra as enfermidades e para garantir a saúde medioambiental europea e pídelle unha valoración sobre a SQM. “Valora o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades incluír esta doenza na súa lista, realizar estudos e levar a cabo programas para contribuír a mellorar a vida das persoas afectadas?”, pregunta a eurodeputada no texto rexistrado hoxe en Bruxelas. “Considerando que as asociacións de afectadas levan tempo pedindo tamén que a OMS recoñeza oficialmente esta enfermidade, contempla a CE impulsar un cambio nesta dirección?”, apela Lídia Senra. A CE debería dar resposta a estas preguntas nas próximas semanas.

Santiago, 27 de marzo de 2019.

Adxuntamos copia da pregunta rexistrada ante a CE.

---
Senra denuncia no pleno do PE que a propia UE impulsa en ocasións actividades que contaminan as augas. | Votou en contra dun informe sobre a Directiva da Auga por non garantir o acceso universal e distorsionar a inciativa cidadá Right2Water. | Reitera a importancia de protexer este ben común da privatización e da contaminación e apela á responsabilidade institucional a tódolos niveis.

Reunido en sesión plenaria en Estrasburgo, o Parlamento Europeo vén de aprobar un informe sobre a proposta de Directiva do Parlamento Europeo e do Consello relativa á calidade das aguas destinadas ao consumo humano. A eurodeputada galega Lídia Senra, coordinadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), votou en contra deste informe e interveu na Eurocámara para reivindicar unha vez máis o acceso á auga como “un dereito humano que hai que protexer da privatización e da contaminación; da forestación inadecuada, como a realizada a base de eucaliptos, e das grandes infraestruturas”.

O informe aprobado hoxe xurdiu motivado orixinariamente pola iniciativa cidadá europea Right2Water. Sen embargo, o filtro institucional europeo aplicado ás demandas cidadás recollidas nesta iniciativa deron lugar a un texto intolerábelmente feble “que non só non garante o acceso á auga para tódalas persoas, senón que tampouco establece uns parámetros para a auga potábel que resposten á preocupación que existe a día de hoxe con respecto á acumulación de substancia negativas para a saúde humana”, alerta Senra.

Este é o caso dos denominados disruptores endocrinos, substancias que modifican os comportamentos hormonais e que poden derivar nun mal desenvolvemento fetal, deficiencias cognitivas, malformacións conxénitas ou cancros como o de mama, próstata ou tiroides. Esta situación ten sido denunciada, entre outras, pola plataforma italiana Mamme No PFAS, que agrupa a persoas afectadas pola contaminación das augas con sustancias perfluoroalquílicas (PFAS) na rexión de Veneto, e que a finais do ano pasado mantiveron unha xuntanza cas deputadas/dos do GUE/NGL para achegar a súa experiencia.

Disruptores endocrinos como as sustancias perfluoroalquiladas, máis coñecidas como PFAS, foron detectados xa na auga potábel da metade do territorio europeo. Sen embargo, durante a votación desta Directiva a finais do ano pasado, as emendas que facían alusión aos límites a establecer nos PFAS non foron aprobadas”, lembra a eurodeputada galega.

Lídia Senra chamou tamén a atención sobre a necesidade de ter unha visión holística do ciclo da auga, habida conta de que en moitos casos as substancias tóxicas presentes na mesma están a evidenciar un problema medioambiental precedente, non abordado polas Administracións correspondentes, e aí a Unión Europea non pode eludir a súa responsabilidade co manido argumento de carecer de medios ou de capacidade inspectora. “Na Galiza diversos colectivos veñen denunciando e reclamando actuacións urxentes para pór fin á contaminación das rías, ríos e acuíferos en xeral. Moitas destas situacións de contaminación están vinculadas ao modelo de desenvolvemento económico capitalista, como por exemplo as minas de San Fins e de Touro, as obras do tren de alta velocidade en Laza, macrovertedoiros como SOGAMA ou a agricultura industrial, como as granxas de porcos e polos de COREN na Limia”.

 Outros moitos exemplos evidencian, ademais, que as cousas só se poden facer así de mal se existe  conivencia política, como é o caso das “depuradoras insuficientes ou ineficaces que verten directamente no mar ou nos ríos, como por exemplo o Sar; os lodos de depuradora que se deitan nas terras; o glifosato; os pesticidas ou os proxectos ao abeiro da chamada economía circular que enchen ou pretenden encher de residuos os ocos que deixan as canteiras, como Miramontes e Casalonga. Grande parte de todo isto está potenciado e financiado pola Unión Europea. Sen embargo a UE non só non está a mudar a súa orientación, senón que cando lle achegamos as denuncias medioambientais incluso tentan escudarse en que non teñen medios abondo. As institucións europeas teñen o deber de dotarse dos medios necesarios para evitar os incumprimentos sistemáticos por parte das autoridades competentes en cada Estado”.

Bruxelas, 28 de marzo de 2019.

---
Lídia Senra denuncia na CE a nova terminal portuaria prevista na Enseada de San Simón, plena Rede Natura. | A eurodeputada explica a Bruxelas que o proxecto, que se faría con recheos, afectaría ás 1.500 persoas que viven da pesca e ao marisqueo na zona. | Defende no seu escrito que o tráfico marítimo que acollerían estas instalacións pode realizarse sen problema no propio porto de Vigo actual.

A eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas de finais de maio, ven de denunciar na Comisión Europea (CE) o proxecto do Porto de Vigo para transformar varias instalacións portuarias obsoletas nunha nova terminal mediante recheos de gran calado en plena Enseada de San Simón, é dicir, en pleno espazo marítimo incluído na Rede Natura.

Senra rexistrou esta semana unha pregunta parlamentaria por escrito dirixida á CE, na que lle explica ao organismo comunitario que estas instalacións novas se levarían a cabo nunha área “especialmente sensible por tratarse dunha zona de estuario”, sendo ademais “unha zona marítima de explotación tradicional que acolle mais de 1.500 postos de traballo en pesca artesanal, marisqueo e bateas de mexillón”.

A eurodeputada valora que o Porto de Vigo presenta uns índices de utilización dos seus peiraos actuais inferior ao 50 por cento, polo que é obvio e defende que “o tráfico que se pretende desviar á Enseada de San Simón podería realizarse nas instalacións que xa hai no propio porto, sen necesidade destas novas”. Ante esta situación, Lídia Senra pídelle á CE que se posicione sobre se cre que o obxectivo do Porto de Vigo de aumentar as infraestruturas ten fundamento e sobre se o proxecto dunha nova terminal portuaria en plena Rede Natura, como é o caso, é posible. A parlamentaria lembra que o Porto de Vigo non dispón da ferramenta fundamental de planificación da actividade, é dicir, de Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios (DEUP) porque foi anulado por sentenza do 4 de decembro de 2017 da Audiencia Nacional.

Santiago, 28 de marzo de 2019.

---
Lídia Senra chama a desenmarcarar o neoliberalismo: “As alternativas económicas ao capitalismo son posibles”. | A deputada inaugurou na Facultade de Filosofía da USC a xornada ‘Finanzas, enerxía, terra, coidados, datos: Privados? Sociais? A Economía no século XXI’. | A europarlamentaria ve prioritario facerlle fronte ao actual modelo para ter unha sociedade máis xusta, igualitaria e que protexa o medio ambiente.

É necesario desenmascarar o discurso do neoliberalismo. As alternativas económicas ao capitalismo son posibles e con elas podemos lograr unha sociedade máis xusta, igualitaria e que faga fronte ao cambio climático como prioridade”. Así o defendeu a eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas, durante a inauguración das xornadas ‘Finanzas, enerxía, terra, coidados, datos: Privados? Sociais? A Economía no século XXI’, que se están a desenvolver na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A parlamentaria europea considera que é fundamental debater sobre a necesidade de que os sectores da economía claves estean en mans públicas, en contraposición coa actual tendencia de privatización e control das grandes multinacionais.

Neste sentido, Senra chama en colocarse en fronte de aqueles e aquelas que pretenden facerlle crer á sociedade que non hai saída, que a única política económica posible é a que emana do neoliberalismo e que todo se ten que seguir desregulando para que o mercado non teña ningún tipo de cortapisas no avance dos seus intereses. Así, asegura negarse a crer que esta situación que impera actualmente, de concentración da riqueza cada vez en menos mans, de fracaso social e de crise climática é o modelo axeitado. “Cremos firmemente que hai que cambiar o modelo, que son posibles outras alternativas e políticas. E ademais, é fundamental abordar este debate, e divulgalo e traballar nesta liña, porque nos negamos a facerlle o xogo aos que nos queren facer crer que só existe a verdade que divulga o capitalismo, igual que nos negamos a admitir as prácticas que con total falta de escrúpulos están poñendo os intereses do capital por riba dos dereitos das persoas en calquera ámbito da vida, na sanidade, no ensino, no acceso á alimentación, á enerxía, etc”, dixo a eurodeputada.

Lídia Senra tamén aproveitou para defender que de ningunha maneira o actual modelo económico é compatible coa loita contra o cambio climático. “Pretenden desde o neoliberalismo dicir que si, que é posible loitar así, pero nós sostemos que é imposible, que hai que cambiar. Négome a darlle aval a este tipo de cuestións”, zanxou.

As xornadas, organizadas en colaboración co economista e membro do Consello das Mareas Xabier Pérez Davila, están a desenvolverse con varios coloquios, que se prolongarán até as sete da tarde, e nos que participan relatores e relatoras chegados de diferentes países, como Margarita Mediavilla Pascual, profesora da Escola de Enxeñarías Industriais e membro do Grupo de Enerxía, Economía e Dinámica de Sistemas da Universidade de Valladolid, e Xoán Doldán, decano da Facultade de Económicas da USC, que abordaron a cuestión de se é posible unha transición enerxética a un sistema descentralizado baseado en enerxías renovables. Mediavilla alertou de que o capitalismo resístese a decrecer, desatendendo o límite da capacidade de carga do planeta, apostando pola sobreexeplotación e degradando o medio, o que nos está conducindo cara ao colapso. Fronte a iso, defendeu que a agroecoloxía, a bioconstrución, o urbanismo intelixente e a economía equilibrada é a saída, que nos podería conducir á sustentabilidade.

Centrado en ‘Propiedade da terra e soberanía alimentaria’, esta mañá tivo tamén lugar un coloquio con Xoán Carlos Carreira Pérez, doutor e enxeñeiro agrónomo, profesor da USC retirado; e Marina dos Santos, membro da Dirección Nacional do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), conducido pola secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba. Vilalba denunciou que a planificación territorial galega non responde ás necesidades da nosa terra e apuntou o dato de que nos últimos anos, perdéronse 136.000 hectáreas da superficie agraria das granxas lácteas, co avance do eucalipto e da minería, que impulsan unha economía para catro, non para os intereses da sociedade xeral.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar o coloquio ‘Finanzas: Privadas ou Públicas’, con Ricardo G. Zaldívar, doutor en Economía e ex-coordenador de ATTAC no Estado español. Adrián Dios, doutor en Economía, investigador na USC e membro da Coordenadora de En Marea, será o encargado de moderar este debate.

E para rematar o día, a partir das 17.3O horas, desenvolverase o coloquio sobre ‘Economía de coidados: Conceptos e debates’, coa participación de Mertxe Larrañaga Sarriegui, doutora en Economía Aplicada na Universidade do País Vasco, especialista en perspectiva económica feminista, que será presentada pola deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Vázquez Verao.

As xornadas terán unha segunda parte, que se desenvolverá o sábado da próxima semana, 6 de abril, novamente na Facultade de Filosofía da USC, en horario de 10.00 a 13.00. Será para ter primeiramente un coloquio, de 10:00 a 11:15 horas, sobre ‘Os nosos datos, son propiedade común?’, no que intervirá Ekaitz Cancela Rodríguez, xornalista e autor do libro ‘Despertar do soño tecnolóxico’. A propia Lídia Senra conducirá este coloquio. E xa de 11.30 a 13.00, desenvolverase a mesa ‘Romper co consenso, planificación para unha economía socialista’, con William Paul Cockshott, profesor de Computing Science na Univesidade de Glasgow. Neste coloquio será o propio Xabier Pérez Davila o encargado de moderar e presentar.

Santiago, 30 de marzo de 2019.

---
Lídia Senra  promove en Bruxelas a mostra do galego Gabriel Tizón “A Europa d@s nen@s perdid@s”. | O Centro Galego La Tentation acollerá este mércores unha mostra integrada por 30 imaxes que denuncia o abandono dxs nenxs refuxiadxs. | O fotógrafo galego tamén trasladará a súa experiencia documental en materia de persoas refuxiadas ás deputadas e deputados do GUE/NGL.

As alarmas saltaron no ano 2016, cando un informe da Europol alertou de que alomenos 10.000 nenas e nenos refuxiados desapareceran nada máis pisar Europa. Sen embargo, e malia que dende institucións a tódolos niveis, organizacións gubernamentais e ONG’s seguen a denunciar que esta situación persiste, as explicacións dilúense nun inconcreto abano que oscila dende a posibilidade de que estas nenas e nenos abandonen voluntariamente os centros de retención de migrantes, pasando por teren sido obrigados por mafias a separarse do resto de familiares, ate o secuestro para tráfico de órganos e prostitución. Unha vez máis, achegarnos ao rol que a UE está a ter con respecto ao drama humanitario que está acontecendo no seu propio territorio non pode provocar máis que vergoña e indignación.

Preocupada por esta realidade, a eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Lídia Senra promove esta semana en Bruxelas a exposición “A Europa d@s nen@s perdid@s”, do fotógrafo galego Gabriel Tizón [PÁXINA OFICIAL]. A mostra será inaugurada este mércores 3 de abril no Centro Galego La Tentation ás 18.30hrs., e contará con unha introdución a cargo da propia Lídia Senra e unha presentación da exposición en profundidade a cargo do autor.

Dende o inicio da crise das persoas refuxiadas en Europa, fai agora tres anos, dous millóns de persoas camiñaron polas nosas fronteiras desesperandamente. Son familias enteiras que fuxen da morte segura, que non teñen outra opción que camiñar en contra da súa vontade, sen destino final, e aínda que parece que non, continúa ocorrendo”, lembra Tizón. “Pero dentro de todas estas persoas inocentes, hai unhas persoas inocentes dentro dos inocentes,  os nenos e as nenas”.

Dende o primeiro momento en que Europa comezou a prestar atención mediática á situación dos milleiros de persoas que estaban -e están- tentando chegar ao continente fuxindo da morte nos seus países, a maioría dos cativos e cativas que chegan fano sós e soas. Nestes últimos tempos mesmo se está a perceber que cada vez as nenas e nenos que fan este percorrido sós teñen menos idade. “As familias optan por envialos coa esperanza dunha vida mellor sen ter diñeiro para poder acompañalos, e outros son separados das súas familias nesta viaxe de perigos, onde as mafias aproveitan o caos e o abandono dos responsables”, explica o fotógrafo galego. “Estos nenos e nenas desaparecen por mafias e traficantes que traballan o longo de todo o camiño,  engánannos ás veces, outras simplemente usan a forza, e  o destino final case sempre é o mesmo:  a escravitude, a prostitución e o tráfico de órganos”.

Para a eurodeputada Lídia Senra, esta mostra fotográfica “proporciónanos a posibilidade de achegarnos á crise humanitaria da que está  a ser cómplice a Unión Europea dun xeito máis realista e comprensible do que moitas veces permiten os datos e os papeis. Ao fin e ao cabo, unha imaxe vale máis que mil palabras. Pensamos tamén que é interesante achegar a Bruxelas o traballo neste eido desenvolvido por un fotógrafo galego, e agardamos que serva para seguir petando nas conciencias e para que dunha vez por todas as institucións europeas asuman as súas responsabilidades e poñan fin a esta traxedia”.

Grabriel Tizón trasladará tamén este mércores ás deputadas/os do GUE/NGL a súa experiencia ao longo de 14 países documentando o día a día das persoas refuxiadas que consiguen chegar a Europa.
 
Bruxelas, 1 de Abril, de 2019.

---
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas. | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://lidiasenra.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Oficina de Lídia Senra na Galiza

Tlf.: +34.698.144.067 / 698.120.268
Tlf.: +34.881.817.443

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
1 de abril de 2019 18:44
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
27 de março de 2019 15:48
30 de março de 2019 12:32

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon