CCOO e UGT chaman á mobilización o Primeiro de Maio para reforzar a loita contra a precariedade e a desigualdade
Os dous sindicatos convocan varias manifestacións en Galicia baixo o lema "Primeiro as persoas".
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia fan un chamamento á mobilización o Primeiro de Maio para reforzar a loita contra a precariedade e a desigualdade. Os dous sindicatos convocan varias manifestacións na comunidade autónoma baixo o lema "Primeiro as persoas", coa intención de «encher as rúas a favor do emprego de calidade» e instar á conformación dun Goberno no Estado que aborde "con urxencia" unha axenda social. Nesta xornada reivindicativa, os secretarios xerais de ambas as organizacións participarán na marcha convocada na Coruña.
CCOO e UGT convocan manifestacións en toda Galicia o Primeiro de Maio
Cambio de modelo produtivo
UGT e CCOO lembran que os beneficios do crecemento económico "só os están aproveitando uns poucos», pois as rendas do traballo non medran ao mesmo ritmo ca os beneficios empresariais. A pobreza e a desigualdade en todas as súas vertentes son "problemas reais" na nosa sociedade.
Ambos os dous sindicatos tamén reivindican un cambio de modelo produtivo cara a outro sostible e integrado co medio ambiente. Cómpre pór en marcha reformas que sirvan para transformar o tecido produtivo, potenciando un sector industrial que apenas representa o 17 % do PIB galego, e diversificando un modelo de crecemento demasiado dependente do sector terciario e do turismo. Do contrario, auguran que o crecemento de emprego será "feble e precario", pon postos de traballo "con data de caducidade", como se puxo de relevo na última enquisa de poboación activa (EPA).
Axenda social
Desde CCOO e UGT coidan que «a cidadanía falou nas urnas o 28 de abril» e que o desexo da maioría é «a conformación dun Goberno progresista no Estado que desenvolva unha intensa axenda social». Entre as principais tarefas sitúan a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012 e combater o abuso das figuras laborais que aumentan a precariedade. Os sindicatos instan ao regreso ao diálogo social, á negociación colectiva sectorial e unha sociedade «xusta e cohesionada». Para conseguilo, hase reforzar o Estado do benestar con medidas como a derrogación da reforma de pensións de 2013, un plan de choque polo emprego de calidade ou unha reforma fiscal para dotar de máis recursos o sistema, entre outras actuacións.
Manifestacións do Primeiro de Maio (CCOO e UGT)
— A Coruña (acto central): saída ás 12:00 da praza da Palloza
— Ferrol: saída ás 12:00 da praza do Inferniño
— Santiago de Compostela: saída ás 11:45 da Alameda
— Lugo: saída ás 12:30 do edificio de sindicatos (rolda da Muralla)
— Burela (só UGT): concentración ás 12:00 na praza da Mariña
— Viveiro (só CCOO): saída ás 11:45 da rúa de García Dóriga
— Ourense: saída ás 12:00 do pavillón dos Remedios
— Vilagarcía de Arousa: saída ás 12:00 da praza de Ravella
— Pontevedra: saída ás 11:00 da praza da Ferrería
— Vigo: saída ás 11:30 do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz
Fonte: CCOO Galicia. | http://www.ccoo.gal/
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
30 de abril de 2019 14:15
________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon