martes, abril 30, 2019

Manifestación da CIG este Primeiro de Maio en Ferrol: 'Recuperar dereitos para avanzar, en Ferrol', ás 12 do mediodía na Avenida de Esteiro - Día Internacional da Clase Traballadora


A CIG afronta este 1º de Maio con dous obxectivos moi claros, a loita pola recuperación dos dereitos que nos foron roubados e contra a desertización industrial e poboacional do noso país.

Mais isto vai depender de que creamos nas nosas propias capacidades colectivas como clase traballadora e como pobo galego.

Só a través da presión, da mobilización da clase traballadora, seremos capaces de obrigalos a mudar as políticas, no camiño dunha sociedade máis xusta e solidaria.

Primeiro de Maio: Recuperar dereitos para avanzar
Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas


1 de maio Día Internacional da Clase Traballadora

Camiñamos cara ao 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, coa necesidade de tomar as rúas para esixir un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise, porque segue a medrar a precariedade e a pobreza laboral e continúa a perda de poder adquisitivo da clase traballadora galega.

As novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un incremento das discriminacións de xénero, ao que se lle suma o desmantelamento da nosa industria, os ERE, os peches e a deslocalización de empresas.

O Goberno español do PSOE demostrou que non tivo intención real de cambiar as políticas impostas polo PP, mantén basicamente o modelo económico e de relacións laborais nacido das reformas laborais aprobadas no 2010 e no 2013, e que ten significado un verdadeiro “golpe de Estado “aos dereitos laborais, sociais, da negociación colectiva, das liberdades públicas e do sistema público de pensións.

Discurso fraudulento do PP

Nesta situación, o presidente da Xunta de Galiza, disfrazado nun discurso fraudulentamente crítico contra o Goberno de Madrid, está a demostrar, coas súas accións, que non ten vontade de facer nada para evitar o dano que están a provocar as políticas neoliberais nin para frear a grave emerxencia nacional e social que atravesamos en Galiza.

Máis ben ao contrario, é un Goberno pasivo, cando non protagonista, na aprobación de duras políticas en favor das multinacionais e dos fondos de inversión, ben sexa promovendo privatizacións e recortes nos servizos públicos ou ben facilitando o expolio dos nosos recursos enerxéticos e naturais en favor do emprego e da industria doutros territorios, mentres en Galiza a perda de emprego e a constante emigración, especialmente da nosa mocidade, están á orde do día.

Un Goberno do PP que renega de actuar en defensa do pobo galego, que non ten vontade algunha para tomar iniciativas a favor da creación de emprego digno na nosa terra, do desenvolvemento económico, industrial e social de Galiza. Son tempos de acción e mobilización!!!

Tomar a iniciativa

Temos a responsabilidade de tomar iniciativas, como as das moitas loitas que estamos a vivir; a do pasado 8 de Marzo; as do sector das ambulancias e da sanidade pública; a do persoal de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal; e na defensa dunhas pensións públicas dignas.

Este 1º de Maio afrontámolo nun momento de incerteza política, no que as próximas convocatorias electorais son unha oportunidade para cambiar esta realidade, pero as posibilidades de avanzar en dereitos laborais e sociais van depender de que creamos nas nosas propias capacidades colectivas como clase traballadora e como pobo galego.

Forzas propias

De igual maneira que os e as traballadores e traballadoras apostamos maioritariamente polo sindicalismo nacionalista e de clase, nestas eleccións políticas non podemos ter medo, nen caer nos enganos de que as solucións chegarán por concesión dun poder político que está ao servizo do capital ou dunhas forzas políticas españolas, incluídas as de esquerda, que nas súas prácticas diarias vemos como aproban leis que rouban e saquean á maioría do pobo galego, facilitando a concentración da riqueza en mans duns poucos e en territorios lonxe de Galiza.

Temos que ser conscientes de que as saídas para o noso futuro pasan por apostar por forzas políticas propias, autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas, de teoría e de acción, que defendan os nosos intereses como clase traballadora galega, sen complexos de ningún tipo e sen submisións a Madrid.

Dende a CIG temos claro que está moito en xogo!!! A recuperación dos dereitos para poder avanzar virá da capacidade de nos organizar e mobilizar socialmente, de intensificar a loita obreira e popular, porque é dende onde debemos seguir dando resposta para forzar os cambios necesarios para conquistar políticas alternativas coas que en Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas.

LUGAR E HORA DAS MOBILIZACIÓNS

Vigo: 12:00 h. A Dobrada.
Ferrol: 12:00 h. Avenidad de Esteiro.
Pontevedra: 12:00 h. Praza da Ferrería.
Vilagarcía: 12:00 h. Casa do Mar.
A Coruña: 12:00 h. Praza de Vigo.
A Estrada: 12:00 h. Praza do Mercado.
Santiago: 12:30 h. Praza Roxa.
Ribeira: 12:00 h. Praza do Peixe.
Ourense: 11:30 h. Praza Maior.
Cee: 12:00 h. Diante do Concello.
Lugo: 12:00 h. Edificio Sindical.
San Cibrao: 12:00 h. Casa do Mar.
Cangas: 18:30 h. Diante do Concello.

Confederación Intersindical Galega (CIG)
https://www.cig.gal/

Enviado por:
CIG FERROL INFORMA
-nonresposta@cig-galiza.org-
30 de abril de 2019 09:34

________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon