sábado, abril 27, 2019

'Galiza xógase moito máis que de costume, porque se está a producir un feche de ciclo', di David Rodríguez, o autor de 'O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega'


AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... DAVID RODRÍGUEZ
[*]
Galiza xógase moito máis que de costume, porque se está a producir un feche de ciclo”.
O autor de "O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega", David Rodríguez, considera necesario que Galiza e as súas clases populares estean presentes e con voz no Congreso e alerta de que o país pode saír malparado ante o actual proceso de españolización. O autor do blog "O funambulista coxo" resalta a importancia de facer política alén das campañas, sobre todo a pé de rúa. Sermos Galiza conversa co escritor vigués sobre como ve a Galiza ante o 28A

David Rodríguez valora as citas electorais como unha parte máis da política e considera necesario que Galiza e as súas clases populares estean representadas no Congreso “na medida en que aí se van decidir cousas que as afectan”. Mais en relación cos comicios do 28A, Rodríguez sinala que “as galegas e os galegos xóganse moito máis que de costume, porque se está a producir un peche de ciclo”, que en valoración do escritor vigués, suporá un cambio no mapa político estatal que o vai facer diferente a como o coñeciamos até o de agora.

Nese sentido, salienta que “estamos nun proceso de revisión dos acordos que se tomaran no pasado” e sinala o perigo de que Galiza quede “descolgada” e saia malparada perante o aumento da recentralización e españolización.

Rodríguez valora após a súa participación “nos últimos experimentos de abrir socialmente o campo do soberanismo” que se deron experiencias positivas nos inicios deste proceso. Afirma que daquela se tentaba enlazar o movemento soberanista co cambio social que se estaba a producir na Galiza e que o 15M, ao seu ver, evidenciaba. Mais engade, “non se deron os froitos agardados” e sinala que mesmo todo isto contribuíu a ir cara a atrás. “Eu pechei esa etapa”, sentenza.

Preguntado sobre o evoluír da campaña electoral, o escritor critica que cada vez máis hai unha imposición do modelo americano de espectáculo de elites. “Imos cara a un tipo de política que busca aburrir e desmobilizar o votante”, denuncia. Asegura que a campaña das xerais non lle está a interesar, aínda que segue con esperanza os "partidos das periferias".

Resalta, a modo de conclusión, que a política ten que facerse non só con esas ferramentas electorais, senón sobre todo a pé de rúa e con prazos máis lentos que os que van dunha campaña a outra.

Publicado en Sermos Galiza. | 25 Abril 2019. | Baixo Licenza Creative Commons.org/licenses/by-nc-nd/2.5.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén os blogues O funambulista coxo e Lecturas Coxas. É autor das obras de teatro radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti' (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo 'Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural'. O seu último libro que esta tendo muito suceso "O Canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo se democracia. Unha ollada galega", publicado en marzo de 2018, por Edicións Xerais.
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon