venres, abril 19, 2019

Non dobregarse ten un prezo, ... Jorge Suárez, Alcalde de Ferrol, denuncia a actitude da 'La Voz de Galicia'


Por Jorge Suárez Fernández [*]
19.04.2019

Todos os días a Voz de Galicia, na súa edición de Ferrol, utiliza o contraste chusco como medio de divulgación e propaganda. Abre con Suárez fracasa, pecha con Rey Varela promete.

Non dobregarse ten un prezo. Foron, e son, moitas as persoas do mundo da política, o empresariado, o asociacionismo as que me aconsellaron, algunhas case imploraron, paga, paga, paga... ceder e dotar a esa empresa privada de fondos públicos para que falen ben dun sería o fácil. Nunca. Fomos o único mandato que aguantou a presión.

A primeira chamada que tiven ao gañar as eleccións foi do, por entón, delegado da edición de Ferrol da voz, Carlos Agulló. Antes incluso que familiares e amigos, insistiu en tomar un café. Inxenuo e recén chegado, accedín. Vímonos na cafetería Las Palmeras o martes seguinte á cita coas urnas. Expúsome toda a batería de actuacións subvencionadas polo concello e demandoume manter ese estatus. Foro Voz, marcha da bicicleta da Voz, microprogramas na radio... decenas de miles de euros. Non me pareceu lóxico nin xusto. Posteriormente Carlos foi trasladado á Coruña.

O novo delegado, Andrés Vellón, a un tempo de selo, chamoume para tomar un café. Esta vez foi en Bonilla. Chegou a darme pena velo suplicar, contándome que era o faime rir das delegacións por ter tan pocos recursos da administración local.

E así é a verdade, incómoda, áspera e cortante, pero hai que dicila. O concello debe procurar un reparto equilibrado e transparente aos medios de comunicación. Nós non participamos de núcleos de decisión non democráticos e se ese é o custo que hai que asumir adiante a manipulación, o vantaxismo político, o acoso e derrubo e a subestimación dos lectores. Afortunadamente eu creo na intelixencia e na bonhomía para cambiar o mundo e creo que 1984 ten unha fenda no sistema, que eses tempos cavernarios están a chegar ao seu final definitivo..

Por certo, todo o meu cariño e apoio ao colectivo de xornalistas, que a maioría traballan en condicións infames e co que ao longo destes catro anos mantiven unha relación máis que cordial, dende a admiración dun que tivo esa vocación frustrada e o respecto ás súas maratonianas xornadas de traballo.

Nós seguiremos sendo as mesmas persoas. Eles tamén, pero hai que dicilo máis. E quizais dicilo aviva o lume, pero non é país para covardes.

Twitter | Facebook

[*] Jorge Suárez Fernández, Vigo, 1975. Alcalde de Ferrol (2015-2019).  Licenciado en Dereito. Funcionario da Administración de Xustiza, sindicalista e activista social. Membro de Ferrol en Común.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
19 de abril de 2019 10:20

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon