O BNG ESIXE A RETIRADA DE DISTINCIÓNS E TÍTULOS HONORARIOS A MANUEL FRAGA IRIBARNE
O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentará unha moción no vindeiro pleno municipal co obxectivo de que o Concello acorde a retirada da distinción de “Fillo Adoptivo” a Manuel Fraga Iribarne, que lle foi concedida en plena ditadura e represión franquista en marzo de 1965. O BNG esixe ademais que se revisen as distincións honoríficas outorgadas durante a ditadura franquista, co fin de anular as que teñan vinculación con este réxime.
O voceiro da formación en Ferrol, Iván Rivas, recorda que A Lei da Memoria Histórica ten como finalidade recoñecer e ampliar dereitos, así coma estabelecer medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura. Esta lei, no seu artigo nº15, estabelece que as administracións públicas, dentro do exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.
O BNG denuncia que en Ferrol aínda persisten resquicios de diferente tipo que lembran a ditadura franquista e privilexios como a propiedade da tumba de Catabois que, pese a mocións aprobadas en pleno, continúan sen ser eliminados, mantendo ademais o Concello de Ferrol vixentes diversos títulos honorarios a figuras destacadas dese réxime totalitario.
Rivas sostén que manter estes nomes e estas distincións significa manter co silencio os privilexios outorgados por un réxime opresor, que se caracterizou pola falla de liberdades e que promoveu valores totalmente opostos aos valores democráticos, de xustiza e igualdade e de respecto á pluralidade e á diferenza. “É hora de librarnos completamente dos retazos que o franquismo e o seu réxime aínda manteñen na nosa cidade, de rematar cos silencios cómplices, e pola dignidade de deixar de loar por omisión unha ditadura fascista que provocou milleiros de mortos froito da represión cruenta que practicou”, apunta.
Para o BNG é un principio democrático básico para o recoñecemento dos dereitos dos que foron perseguidos durante a o franquismo a retirada dos títulos honoríficos concedidos durante a ditadura co obxecto de lembrar e enxalzar a memoria de persoas pola súa sinalada participación no réxime franquista e a durísima represión desenvolvida tras o alzamento militar.
Ferrol, 17 de abril, 2019.
Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/
Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#Ferrol
Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
7 de abril de 2019 14:05
_________
Foto en ARQUIVOS M3MORIA-GUNEA: Manuel Fraga Iribarne e Luís Carrero Blanco.
Relacionados:
O pasado franquista de Manuel Fraga esquiva a lei de memoria histórica. |
Unha trintena de presos políticos da ditadura reclaman en Galicia a retirada das distincións que os Concellos outorgaron o expresidente da Xunta na ditadura. | Sonia Vizoso A Coruña, 9 xaneiro 2019. | Ir á Web.
No queremos ao camarada Fraga como fillo adoptivo. | Novas. | Manifesto.
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon