mércores, maio 22, 2019

A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea - Compromiso por Europa, estivo en Ferrol, acompañada por membros de Marea de Ferrol, onde mantivo dúas reunións: Unha primeira con operadores dos mercados da cidade (A Magadalena, Caranza e Recimil) e unha segunda con membros do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN)



MAREA DE FERROL E A EURODIPUTADA LIDIA SENRA XÚNTANSE COS OPERADORES DE MERCADOS E MODEPEN

A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea - Compromiso por Europa ás eleccións europeas do 26 de maio, estivo este luns pola tarde en Ferrol, no local da Marea de Ferrol, acompañada por membros da candidatura municipal, onde mantivo dúas reunións: Unha primeira con operadores dos mercados da cidade (A Magadalena, Caranza e Recimil) e unha segunda con membros do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN).

En declaracións aos medios, Lídia Senra aproveitou para facer un chamamento ao voto para este domingo e cualificou de moi importantes as eleccións europeas, xa que o 80% das decisións políticas que afectan directamente ás persoas tómanse na UE.

A europarlamentaria e candidata defendeu que para o mercado local é preciso un impulso da comercialización do produto local e de proximidade.
Desde Marea de Ferrol, recollimos tamén as diferentes demandas que se realizaron sobre a deplorable situación na que se atopan os mercados de Recimil e Caranza, e salientaron a ausencia de convocatorias da Mesa Local de Comercio por parte do goberno municipal durante todo o anterior mandato.

Nese sentido, e como vimos facendo en todas as xuntanzas que estamos realizando co movemento asociativo, Bernardo Lorenzo fixo a proposta en firme de crear mesas de traballo con representación tanto do concello como dos diferentes sectores do comercio ferrolá, para recoller demandas, e pensar xuntas o modelo de cidade que queremos.

Desde Marea de Ferrol, consideramos a necesidade de potenciar a capacidade competitiva e o comercio local e de proximidade.

Por outro lado, tivo lugar unha moi enriquecedora xuntanza con MODEPEN, na que se dialogou e compartiron demandas e preocupacións con respecto ás pensións e outros dereitos sociais. Lidia Senra comprometeuse a seguir loitando duramente, igual que fixo neste mandato, na defensa dos sistemas públicos de pensións e das pensións dignas para que ningunha persoa entre na pobreza unha vez que chega ao remate da súa vida laboral.

Desde Marea de Ferrol, recordamos a importancia que ten para unha candidatura municipalista e veciñal como a nosa, manter lazos de colaboración con organizacións a nivel galego e neste caso europeo, dado que hai moitas competencias que están fóra do ámbito municipal pero que inciden fortemente sobre a vida das persoas, que nós propoñemos acompañar con propostas a nivel local como a Renda Mínima Municipal.

En Marea - Compromiso por Europa | Ir á Web.

Marea de Ferol
Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
Twitter | Facebook

Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
21 de maio de 2019 11:26

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon