Traballadores/as de Poligal volven saír en manifestación ao berro de "peche non" A marcha partiu do polígono da Gándara en Narón e rematou no edificio da Xunta en Ferrol
Os traballadores e as traballadoras de Poligal, arroupados/as por familiares e veciños/as da comarca, manifestáronse na tarde deste xoves dende as instalación da fábrica no Polígono da Gándara até o edificio da Xunta en Ferrol en defensa do mantemento dos empregos e a actividade produtiva. Con esta mobilización queren presionar ao Goberno galego para que axilice ao máximo posíbel o proceso de busca de inversores para a fábrica e que os proxectos formulados no marco da mesa técnica creada no IGAPE "se transformen en alternativas reais e viábeis de futuro".
Neste senso, a CIG-Industria apuntan á oportunidade que supón a decisión de xuíz do mercantil de Barcelona de suspender de maneira temporal o ERE de extinción, mentres resolve a demanda trasladada pola central sindical reivindicando a presenza na mesa de negociación dunha representación das fábricas de Portugal e Polonia, "xa que entendemos que constitúen un grupo laboral". A este respecto, dende a representación da CIG en Poligal "agardamos que o xuíz nos dea a razón e que se resolva o concurso no ámbito das tres empresas".
Sobre esta cuestión, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, puxo en valor durante a súa intervención ao remate da manifestación, a pelexa dos traballadores e as traballadoras “quen están a facer un labor que lle corresponde á Administración. Se o ERE hoxe está paralizado é porque eles e elas coa súas actuacións conseguiron que o xuíz tomara esta decisión”.
Apuntou á ausencia de lexislación no Estado español que impida que unha empresa como Poligal, que naceu ao abeiro dos programas e axudas públicas, se serva da ‘enxeñaría financeira’ para xustificar a súa deslocalización. “Pero como van actuar estes gobernos, se son quen lexisla para estes especuladores que actúan desta maneira”, preguntou.
Denunciou que foron estes mesmos gobernos os que aprobaron as reformas laborais "cuxas consecuencias hoxe padecen non só os compañeiros e compañeiras de Poligal, senón o 80% dos traballadores e traballadoras da nosa comarca".
Falta de actuacións das Administracións
O secretario comarcal da CIG criticou con dureza a falta de actuacións e o desinterese do Ministerio de Industria neste conflito, xa que dende a reunión que a representación do persoal mantivo co director xeral de Industria, Galo Gutiérrez, o pasado mes de marzo, non volveu pórse en contacto co persoal para informar se está a realizar ou non as xestións ás que se comprometera, entre elas, buscar alternativas ao peche.
Tampouco faltaron palabras de reproche para a Xunta de Galiza, "verdadeira responsábel da política industrial do noso país, que se comprometeu a buscar saídas e único que temos son reunións e máis reunións, pero sen unha solución enriba da mesa", afirmou.
A este respecto, chamou a atención sobre o desembarco político na comarca con motivo da campaña electoral, cualificando de "ter pouca vergoña a quen nos ven prometer que vai crear emprego e non fai nada para evitar a deslocalización e peche desta fábrica e a destrución de máis postos de traballo". "Nin a ministra de Traballo nin o presidente da Xunta fixeron unha soa mención a Poligal na súa visita á Ferrol e estas mesmas persoas son as que din que veñen crear postos de traballo e a salvar a comarca".
Por iso, insistiu en que hai que seguir na mobilización para esixirlles ao goberno español e ao galego que dean a cara e "porque xa é tempo de dar solucións. Que saiban que Ferrolterra está en disposición de combater con unllas e dentes o peche de Poligal, que non o imos permitir, que vexan claramente que esta loita é a loita de toda a comarca. E dende a CIG imos deixarnos a pel na defensa de Poligal e na defensa desta comarca", concluíu.
Poligal é viábel e ten futuro
A central reitera que a fábrica de Narón é viábel, pero Poligal está apostando polas outras plantas que ten en Portugal e Polonia, nas que fixo investimentos millonarios nos últimos anos, mentres deslocalizaba a produción e incumpría o compromiso de investir cinco millóns de euros as instalacións galegas. Nesta liña, os delegados da CIG teñen denunciado en numerosas ocasións a maraña empresarial creada polo Grupo Peralada (propietario das instalacións), a través da que descapitaliza Poligal Narón para xustificar o peche e levar a produción fóra.
De feito, un 70% da débeda alegada por Poligal para xustificar o peche son con outras plantas do grupo que á súa vez teñen pendente de abonarlle á fábrica de Narón contías por valor de case oito millóns de euros.
Nesta liña, a CIG segue a reivindicar a necesidade de que, dentro do proceso concursal, se dea o tempo suficiente para atopar unha saída na mesa técnica aos despedimentos e ao peche que busca o Grupo Peralada. Por iso, xa se lle demandou ao administrador concursal que o período de consultas do expediente (agora paralizado) non se limite aos 30 días que marca a normativa de aplicación, de cara a facilitar a continuidade dos empregos e a actividade produtiva.
Por esta mesma razón tamén se pediu incorporar o administrador concursal na mesa técnica e viceversa, que unha representación da Administración participe nas negociacións do ERE, "porque todo o que pasa neste ámbito inflúe de maneira directa no traballo da mesa técnica".
Fonte: Avantar - 24.05.2019 | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5.
___________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon