A CIG-Saúde vén de reforzar a súa posición como primeira forza nas eleccións sindicais celebradas este xoves no SERGAS, aumentando en votos en todas as áreas sanitarias e incrementando a súa representación ao pasar de 57 a 66 delegadas e delegados. Un resultado histórico co que a central sindical consolida a súa hexemonía na mesa sectorial da que, ademais, quedan fóra os sindicatos médicos corporativos.
A secretaria nacional, María Xosé Abuín, valora moi positivamente os resultados que considera consecuencia do traballo desenvolvido durante estes anos; da súa defensa inquebrantábel da sanidade pública; do seu combate constante contra as políticas do Partido Popular, que recortou os orzamentos provocando un grave deterioro non só das condicións laborais, senón tamén do propio servizo e impuxo unhas taxas de reposición que derivaron nunha grave falta de persoal. Unha situación que foron paliando as e os profesionais a custo de incrementar a súa carga de traballo para garantir a maior calidade na atención das e dos doentes.
Enfrontar a precariedade na sanidade pública
A CIG-Saúde leva anos alertando das graves consecuencias que a precariedade laboral ten na sanidade pública. Afecta directamente ao persoal que a sofre, porque se ve obrigado a sobrevivir con contratos por días ou por horas, cunha mobilidade e rotación constante por distintos servizos. Unhas condicións laborais que impiden ter un proxecto de vida, porque están a expensas de ser chamados para unha nova contratación.
Mais esta precariedade laboral tamén ten consecuencias no persoal fixo, porque ao non se dar cobertura a todas as ausencias aumenta a súa carga de traballo, provoca desprazamentos dentro dos hospitais, dun servizo a outro, e dificulta o seu traballo.
Tanto a rotación do persoal eventual, como os desprazamentos do persoal fixo teñen tamén consecuencias para o conxunto da poboación, usuarios e usuarias da sanidade pública. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denuncia que se racha a continuidade asistencial “porque te atende persoal de atención primaria, facultativos de familia ou persoal de enfermería diferentes cada día” e matiza que “afecta especialmente á atención primaria onde a falta de persoal provoca non só sobresaturación e listas de agarda, senón tamén impide que se realicen tarefas propias como atención domiciliaria ou traballos na comunidade importantes”.
Por todo iso a CIG-Saúde avoga por un sindicalismo forte que defenda non só os dereitos das traballadoras e traballadores, senón tamén os intereses das galegas e galegos e, para iso, comprométese a seguir combatendo a precariedade, as taxas de reposición, os recortes impostos polo PP e a súa política de privatizacións. Unha loita que continuará, agora co respaldo reforzado do persoal, ao que agradece que teña depositado novamente a súa confianza na organización sindical.
Fonte: Avantar 24.05.2019 | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5.
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon