Nos actos de peche das “Marchas”, intervirán familiares dos usuarios das residencias.
CONVOCATORIA DE “MARCHAS CÍVICAS”: por uns Servizos Sociais 100% Públicos, Contra a Privatización, e en Solidariedade coas Vítimas da Covid'19 nas Residencias.
O xoves, 11 de xuño, terán lugar “MARCHAS CÍVICAS”nas sete principais cidades galegas: Vigo, Pontevedra, Santiago, Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense. As “Marchas” están organizadas polo colectivo de pensionistas “Movemento Galego pola Defensa das Pensións e Servizos Públicos” (MODEPÉN), e o grupo de “Traballadoras das Residencias Galegas” (TReGA). As “Marchas” contan co apoio de familiares de usuarios das residencias de maiores, e representantes deses familiares tomarán tamén a palabra nos actos finais das “Marchas”.
MODEPÉN, TReGA, e os familiares dos usuarios das residencias, veñen traballando xuntos desde hai case 1 ano na denuncia das precarias condicións nas que estas se atopan. O forte exceso de mortes polo COVID'19 que houbo nas residencias, sobre todo nas de xestión privada, son unha proba máis da necesidade de introducir profundos cambios no modelo de residencias actualmente existente.
Os OBXECTIVOS das “Marchas” son os seguintes:
▪ DENUNCIAR A FORTÍSIMA PRIVATIZACIÓN das residencias e demais servizos galegos da dependencia: só o 15,6% das prazas das residencias galegas son plenamente públicas, é dicir de titularidade e xestión públicas.
▪ EXIXIR UNS SERVIZOS SOCIAIS 100% PÚBLICOS: precisamos residencias, servizos de atención no fogar, centros de día, ..., de titularidade e xestión plenamente públicos, e caracterizados por ser universais, centrados nos coidados no domicilio, e de calidade. Debemos superar o modelo actual de servizos públicos para os maiores e dependentes marcado pola súa enorme privatización, prezos moi caros, e calidade de atención moi mellorábel.
O dereito ao correcto coidado no solpor da vida debe ser garantido polos poderes públicos, como sucede nos países nórdicos; e como xa sucede no caso do ensino ou a sanidade pública.
▪ SOLIDARIZARSE COAS VÍTIMAS DA COVID-19 NAS RESIDENCIAS e demandar xustiza e reparación para as mesmas.
A HORA E LUGAR DE saída das “Marchas”, serán as seguintes:
▪ VIGO: ás 20:00 horas, no cruce de Rosalía de Castro con García Barbón
▪ OURENSE: ás 20:30 horas, na Praza Maior
▪ SANTIAGO: ás 20:00 horas, na Alameda
▪ PONTEVEDRA: ás 12:00 horas, na Praza da Peregrina
▪ CORUÑA: 12:00 horas, no Obelisco
▪ FERROL: 12:00 horas, na Praza de Armas
▪ LUGO: 12:00 horas, na Praza do Concello,
Nos actos de peche das “Marchas”, intervirán familiares dos usuarios das residencias. Coa denominación de “MARCHAS CÍVICAS”queremos facer fincapé nos seguintes aspectos:
▪ As marchas só se realizarán se contan con todos os permisos legais preceptivos nestes tempos da Covid'19;
▪ Pedímoslle a todos e todas as participantes nas marchas que se organicen en ringleiras mantendo a distancia de seguridade de 2 metros entre as persoas, que leven máscaras de protección, e que sigan as instrucións do servizo de orde;
▪ As persoas do servizo de orde irán con chaleques identificativos, levarán máscaras de protección, disporán de solucións hidroalcóholicas para hixiene de mans, e repartirán entre os participantes cintas de 2 metros para axudar a manter a distancia de seguridade.
▪ En cada unha das 7 marchas, haberá unha única pancarta inicial co seguinte texto: “Contra a privatización e por uns servizos sociais 100%públicos”;
▪ Solicitámoslle a todas e todos os participantes nas ‘Marchas’ que respecten o seu carácter plural e transversal, e non utilicen faixas ou bandeirolas específicos dos colectivos dos que poidan facer parte;
▪ Pedímoslles a todas as persoas que estean de acordo cos obxectivos das ‘Marchas Cívicas’ que participen nelas, e esa petición estendémoslla tamén a todos os colectivos sociais, veciñais, sindicais, políticos, profesionais... que tamén os compartan.
01/06/2020
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon