luns, maio 13, 2019

O BNG de Ferrol gañou o debate sobre o modelo deportivo para a cidade por incomparecencia do PP


O BNG de Ferrol gañou o debate sobre o modelo deportivo para a cidade por incomparecencia do PP


O BNG de Ferrol gañou hoxe o debate que lle propuxo ao PP para confrontar ideas sobre o modelo deportivo para a cidade. Os populares decidiron non comparecer pese que a súa candidatura está conformada por profesionais do deporte, tanto do baloncesto coma de outros ámbitos. Os nacionalistas estiveron presentes no día de onte no partido do Basketmi Ferrol e puideron comprobar  as dificultades que teñen, por exemplo, de acceso ao propio pavillón.

A realidade desta cidade é que tanto neste mandato coma no anterior dirixido polo actual candidato do PP, José Manuel Rey Varela, os fondos públicos consignados para o deporte se destinaron fundamentalmente a promocionar o deporte de elite a través de convenios nomitativos, que supoñen por exemplo, que o propietario privado do Rácing de Ferrol (ao cal este Concello vendeu as accións) teña xa recuperado todos os seus cartos mediante ditos convenios “a dedo” durante os últimos catro anos, grazas á complicidade do PSOE, PP e FEC. “Este non é máis que un exemplo da maneira de repartir un diñeiro que dende o BNG pensamos se debería xestionar de xeito totalmente diferente, establecendo criterios transparentes e de concorrencia competitiva, para que o deporte de base na cidade de Ferrol poida ter o desenvolvemento que precisa”, afirmou o candidato nacionalista, Iván Rivas.

Neste sentido, Rivas apuntou que hai escolas de Surf que teñen necesidades básicas sen cubrir, cando se trata dunha especialidade deportiva en alza que cada vez conta con máis usuarios e usuarias sobre todo nas épocas estivais. “O único que están a atopar na actualidade son atrancos por parte das administracións locais”, indicou. Doutra banda, os clubes de remo e deportes náuticos, que seguen a carecer das mínimas infraestruturas, como pode ser un pantalán de acceso á ría ou vestiarios para poder traballar con normalidade cos nenos e nenas que acoden a diario as súas instalacións.

Tamén os que desenvolven a súa actividade nos campos de fútbol base que existen na cidade, carecendo da regulación e da ordenación necesarias, en moitas ocasións coas necesidades básicas sen cubrir.

Existen ademais moitas especialidades deportivas que seguen ocultas, que se desenvolven exclusivamente polo esforzo dos propios integrantes de ditos clubes. “É necesario comezar a asumir que o deporte de elite ou profesional non debe ser a prioridade do Concello e que a súa xestión debe desenvolverse en paralelo á xestión do deporte base na cidade. O Concello debe ademais de facilitar o acceso aos nenos e nenas á practica deportiva que consideren oportuna, permitir a socialización, o lugar de encontro e fomentar os valores de compañeirismo e deportividade entre a mocidade”, apuntou Rivas.

Ferrol, 12 de maio de 2019.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
BNG - Ferrol


Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
12 de maio de 2019 17:54

____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon