xoves, maio 30, 2019

O ‘sorpasso’ en votos do BNG ao PP abre a porta ao primeiro goberno de esquerdas en Barreiros - Ana Ermida, nº1 da candidatura: 'A sensación é de alivio e liberdade por rachar con tantos anos da dereita en Barreiros'

Ana Ermida nº1 da cabndidatura do BNG, a máis votada no concello de Barreiros (A Mariña). AXM

Candidatura do BNG de Barreiros, liderada por Ana Ermida. AXM

O ‘sorpasso’ en votos do BNG ao PP abre a porta ao primeiro goberno de esquerdas en Barreiros. |
Os nacionalistas empatan a cinco concelleiros cos populares e o PSOE obtén un edil.

Barreiros deparou a gran sorpresa das eleccións municipais 2019 na Mariña Lucense co empate a cinco edís entre o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Popular (PP). A candidatura nacionalista, liderada por Ana Ermida, superou aos populares como a forza máis votada con 941 votos (46,47%), o que lle outorgará a posibilidade de formar un executivo de esquerdas por primeira vez en toda a democracia.

O PP de Alfonso Fuente Parga, alcalde desde 2005, obtivo 877 apoios, o 43,31% do escrutado, mentres que o PSdeG-PSOE de Carmen Veiga sumou 178 para acadar un edil. Unha coalición de esquerdas podería poñer fin a unha etapa de mandatos conservadores que duraba desde 1979, con Manuel Díaz Sampedro, Luis Fraga Leiro e o propio Fuente Parga.

RESPONDEREMOS AO APOIO

A líder da lista do BNG barreirense agradeceu o apoio dos votantes. “Aínda nos costa crelo, puxemos moito esforzo e moitas ganas neste proxecto e ser a primeira forza é algo impresionante. A sensación é de ilusión e de ganas e responderemos a este respaldo da cidadanía”, concluíu Ermida.


“A sensación é de alivio e liberdade por rachar con tantos anos da dereita en Barreiros”. | Ana Ermida, do BNG, será a alcaldesa do municipio barreirense despois da vitoria dos nacionalistas nas eleccións municipais do pasado domingo.

Ana Ermida (Barreiros, 1983) ten unha leve afonía, probablemente produto da campaña electoral e tamén da celebración dun fito histórico: por primeira vez, o Bloque Nacionalista Galego (BNG), a candidatura que liderou, gobernará o municipio barreirense, poñendo fin así a mandatos conservadores desde as primeiras eleccións municipais trala ditadura, no 1979.

Como está despois da vitoria deste domingo?


Aterrizando (risas). Estamos recibindo moitas chamadas para felicitarnos, xente que pola rúa nos dá a noraboa. Isto danos moito ánimo, ilusión para o que temos por diante.

Barreiros terá por primeira vez un goberno de esquerdas desde 1979. Imaxino que haberá xente maior que non coñeceu máis ca primeiro a ditadura e despois executivos de dereitas no municipio. Que lles di a xente?


Pois creo que a sensación xeral é de alivio, dunha certa liberdade. Rachamos co que case poderiamos chamar unha tradición. Vai haber un cambio total: haberá un goberno de esquerda, nacionalista e cunha muller á fronte.

“vai haber un cambio total: haberá un goberno de esquerdas, nacionalista e cunha muller á fronte”

No 2015, a primeira vez que se presentou como candidata, quitou 699 votos (catro edís), por 377 de 2011 (dous). Agora alcanzou os 941, para sumar cinco actas. Cando se deu conta de que o BNG podía alcanzar o goberno?

Pois a verdade é que eu non o crin ata que se pechou o escrutinio, mesmo agora me custa crermo. É certo que viñamos nun ritmo ascendente e que fixemos un traballo importante ao longo dos anos, cun grupo de xente plural e diverso, que traballa moitísimo, con xente nova e con moita ilusión.

Creo que a campaña foi determinante, porque foi limpa e dinámica, falamos de nós e do que tiñamos que ofrecer aos barreirenses, sen entrar en descualificacións. E conforme avanzaron os meses si que percibimos un aire distinto, xente que de súpeto non tiña medo de posicionarse.

“a campaña foi limpa, centrámonos no programa e creo que iso foi determinante. de súpeto, a xente non tiña medo de posicionarse”

Foi a primeira candidata en anunciarse da Mariña Lucense e quizais unha das máis madrugadoras de Galicia.

Si, en xullo. Queriamos demostrar que había un proxecto definido, cunha cabeza visible, preocupado só en chegar á xente. Tentamos levalo á veciñanza polas parroquias e creo que fixemos o que tiñamos que facer; ser positivos, falar do noso programa e dunha serie de medidas para sacalas adiante. Creo que a xente percibiunos como unha alternativa real.

Como interpreta o resultado e que cre que é o prioritario en Barreiros?


Interpretamos que os barreirenses votaron a favor dun cambio da maneira de facer as cousas. Cremos que ese voto tivo que ver co noso traballo por estar en contacto permanente coa veciñanza e por iso adquirimos un compromiso de goberno de que a cidadanía teña a súa participación na política e que estea enterada de como e por que se fan as cousas, de que haxa un executivo transparente. Queremos levar a cabo unha auditoría das contas municipais para que todo o mundo saiba o que hai e tamén para nós, para saber de que partimos.

“queremos transparencia. faremos unha auditoría de contas para mostrarlle á veciñanza de onde partimos”

Por outra parte, aspiramos a gobernar cunha planificación que teña en conta os recursos cos que contamos. Non estamos para un ano senón para catro, polo que hai que facer un plan a medio prazo. Queremos ser un punto e aparte do que se fixo ata agora.

Falaba antes da súa condición de muller. Foron poucas as candidatas na Mariña Lucense nestas eleccións xerais.

Isto é importante para que a sociedade confíe cada vez máis en nós e tamén para que se goberne cun punto de vista diferente, máis feminino. Somos a metade da poboación e tradicionalmente fomos esquecidas. Hai que dar voz e representación a quen non a ten, penso tamén nas persoas maiores. Ogallá algún día non falemos disto e ser alcaldesa entre dentro dunha normalidade, pero por agora lamentablemente segue a ser unha nova.

Imaxino que, para unha estabilidade de goberno, buscarán un pacto co PSOE barreirense, que sumou un edil. Xa conversou con Carmen Veiga, a edil socialista?

Aínda é cedo para conversar con outros partidos porque nin sequera conversamos entre nós (risas). Por suposto queremos un goberno estable, e temos o compromiso de responder á confianza maioritaria da cidadanía cun executivo que respecte e leve adiante o programa que se lle ofreceu aos votantes.

“ogallá os resultados do bloque dean confianza á nosa xente. penso que gañamos en credibilidade cada día”

Tamén é a responsable comarcal do Bloque. Que valoración fai dos resultados?

As eleccións serían positivas aínda que non se desen resultados coma os desta vez polo traballo da nosa xente. Temos persoas que traballaron arreo durante a campaña para cambiar as cousas. Obviamente, os resultados son bos, gañamos unha alcaldía que non tiñamos e mantemos a de Ribadeo. Subimos en moitos concellos e é posible que entremos en gobernos de coalición.

Penso que demostramos que onde gobernamos, facémolo ben. Temos un exemplo ao lado. Cada día gañamos en credibilidade e creo que a xente nos ve xa como unha alternativa real para gobernar. Ogallá que este apoio lle dea confianza á nosa xente para seguir.

Resultados Eleccións Locais 2019 en Barreiros. | Acceder.

Publicado no Xornal da Mariña. | Para a entrevista:  Ramón González Rey. | 26 e 27 de maio de 2019. | Xornal da Mariña é o primeiro gran xornal dixital en galego do norte da provincia de Lugo e comarcas do Eo.
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon