Por Estrela Gómez Viñas [*]
04.05.2019
Xogar ao despiste
Esta semana o Parlamento Andaluz cedeu ante a intención aberta da ultradereita de atacar o centro do sistema de atención a vítimas de violencia de xénero. Foron entregados datos estatísticos sobre a formación destes equipos. A argumentación da ultradereita baséase en que ao ser, supostamente, persoal pouco formado os informes destes equipos estarían danando xudicialmente aos homes acusados de violentos. Bo intento, pero vai ser que non.
En primeiro lugar, as asociacións que loitamos contra a violencia de xénero e a violencia sexual hai anos que reclamamos a necesidade de que se dote de persoal especializado a todos os equipos que actúan en procedementos xudiciais nos que participan vítimas. Reclamámolo porque é un dos principios establecidos normativamente a nivel internacional para garantir o acceso a unha xustiza efectiva para a vítima. Considérase imprescindible para evitar a vitimización secundaria (que sofre a vítima) e para facilitar que (a vítima) poida ofrecer o seu testemuño coa maior calidade posible, así como para identificar a necesidade de protección urxente (que a vítima) poida ter. Todos os estudios coinciden en que a falla de formación diminúe a posibilidade de que o procedemento penal chegue a bo porto, así como de que a vítima atope protección e reparación.
A formación profesional adecuada é, primeiramente, un dereito e unha necesidade da vítima e un requisito para unha xustiza de calidade. Por suposto, esta obriga de formación non alcanza unicamente aos equipos específicos de violencia de xénero, senón que abarcaría aos equipos forenses, xuíces-as, fiscais, letrados-as, é dicir, a todos os axentes que entran en acción no procedemento.
Con esta nova parecemos pasar por alto datos máis relevantes. En primeiro lugar, que na análise dun caso, entre os resultados dos servizos específicos de violencia de xénero e os que aportan os equipos de avaliación forense dos xulgados, os tribunais inclínanse maioritariamente cara aos segundos. Por outra parte, a presunción de inocencia fai recaer a dúbida a favor do reo. A vítima queda entón fóra do sistema de protección. O informe do Defensor do Pobo do ano 2014 déixao claro: os equipos forenses dos xulgados non se seleccionan con criterio de especialización. No caso galego, por exemplo, a Xunta de Galicia establece como único requisito estar en posesión da Licenciatura de Psicoloxía. Significa que todas as mulleres, nenos e nenas que deban ser escoitados-as por medio destes equipos non terán a garantía de que o seu testemuño se recolla coa calidade á que obriga a normativa internacional. A miúdo, non se recolle o relato dos nenos e nenas porque, segundo certos equipos forenses, non poden entrevistar a menores de 6 anos. En realidade si que existen instrumentos adecuados para estas idades, pero hai que coñecelos, por suposto. Collida textualmente a argumentación destes equipos forenses, sería como dicir que os delitos que se cometen contra menores de 6 anos non teñen cabida no sistema xudicial. A súa palabra, sen dúbida, non a ten.
A estratexia que está levando a cabo a ultradereita é sinxela: xogar ao despiste. Por unha parte, a mentira a partir dun feito supostamente probado. Aínda sen entrar a discutir se en Andalucía estes equipos profesionais posúen ou non a formación adecuada, a falla de formación o que ocasiona é desprotección para a vítima e impunidade. Por outra parte, a maioría das resolucións relativas á necesidade de protección dunha vítima de violencia de xénero ou violencia sexual finaliza na fase de instrución. Para mostras o dato de Save the Children: o 70% das denuncias de abuso sexual infantil non chegan a xuízo. Presumir que o sistema prexudica aos acusados de violencia é unha falsidade. O gran problema da violencia de xénero e a violencia sexual continúa sendo a escasa credibilidade que se concede á vítima como parte do procedemento, a incapacidade por parte dos axentes xudiciais para recoñecer algúns indicadores relevantes de violencia, así como para entender a linguaxe verbal e non verbal da vítima.
Unha cosa si debemos dicir a favor dunha parte moi importante dos e das profesionais destes equipos específicos é o seu interese por reciclarse e manterse en constante coordinación. A estratexia dos ultra é agora cargar contra os e as profesionais que acompañan ás vítimas, que fan os informes de risco, que recollen o testemuño. Observamos como certos sectores que senten a lei de violencia de xénero como unha ameaza para os seus privilexios dirixiron a campaña contra aquelas que se converten na canle de transmisión da voz das vítimas: psicólogos-as, pediatras, letradas-os,… e agora os equipos específicos de violencia de xénero. Deixar inoperativos os servizos estratéxicos nos que pode apoiarse a vítima, ese é o obxectivo do momento. É un discurso interesado concordante coa ideoloxía da que fai alarde esta dereita ultra e descabezada. Teñamos coidado de non permanecer pasivas ante a mentira como estratexia. Tócanos mover.
Asociación galega contra o maltrato a menores
[*] Estrela Gómez Viñas. Coordinadora de AGAMME, Asociación Galega contra ou Maltrato a Menores. Profesora de educación secundaria. Mediadora social en prevención do abuso sexual infantil. Ponente e autora de artigos en distintos foros e medios sobre dereitos de infancia.
AGAMME: Asociación afincada en Galicia, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente.
Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
4 de maio de 2019 18:03
__________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon