O clamor popular nas rúas, o pasado Primeiro de Maio, e os resultados electorais confirman a inaprazábel e urxente necesidade de que se derroguen as reformas laborais. Por iso a CIG convoca para o vindeiro día 6 de xuño asembleas e mobilizacións, en todas as comarcas, para exixir ao próximo Goberno do Estado que atenda estas demandas, porque agora xa non ten razóns nin xustificacións para non anulalas. Cada día que pasa sen que se derrogue a reforma laboral amosa un PSOE satisfeito coas políticas antiobreiras do PP.
Levamos anos loitando para recuperar os dereitos arrebatados á clase traballadora galega. Dereitos que foron conquistados tras anos, mesmo décadas, de loita, para poder vivir e traballar dignamente, e que nos foron roubados en cuestión de días.
A CIG, como primeira forza sindical do país, reitera que a mobilización é o único camiño para recuperar dereitos para avanzarDurante estes anos, coa escusa da crise, impuxéronse políticas que favoreceron a extensión de baixos salarios, aumentando gravemente a exclusión social e as discriminacións de xénero. Unha situación que se prolongou no tempo consolidando a precariedade e a pobreza laboral.
A negativa do PSOE a derrogar as reformas agrava as consecuencias da combinación explosiva que representa o sistema económico marcado pola UE –expresión da ditadura dos mercados e das grandes empresas– e o modelo de relacións laborais nacido das reformas de 2010 e 2012, que supuxeron un golpe de estado aos dereitos laborais, sociais, da negociación colectiva e do sistema público das pensións.
Vivimos unha situación de auténtica crise, desemprego, emigración, avellentamento da poboación. O desmantelamento industrial é o exemplo máis duro das consecuencias destas políticas: Alcoa, Ferroatlántica, Poligal, auxiliares do naval de Ferrol, Citroen, auxiliares do automóbil, centros de chamadas de Bosch e Unitono, Maderas Iglesias, Levantina, DIA, Pili Carrera ou o servizo de recollida de SOGAMA, son algúns exemplos.
Por iso a CIG, como primeira forza sindical, reitera que a mobilización é o único camiño para recuperar os dereitos para avanzar. As solucións non virán por concesión do poder económico e político que nos impón esta dura situación. Tampouco a través do diálogo social practicado por UGT e CCOO, como se ten demostrado ao longo dos anos e como recentemente fixeron co asinamento do IV Acordo Marco de Negociación Colectiva, que axuda a perpetuar a reforma laboral e o empobrecemento dos salarios.
Só coa loita poderemos forzar un cambio de políticas para que en Galiza teñamos industria, emprego, salarios e pensións dignas. Así o considera o secretario xeral, Paulo Carril, quen clama contra a precariedade e subliña que “son tempos de loita e compromiso, de practicar a solidariedade, de apostar por nos organizar e ter o convencemento de que, coa inmensa forza da mobilización social, faremos andar as rodas da historia”.
Asembleas de delegados/as e mobilizacións en todas as comarcas:
⏩ Lugo: Subdelegación do Goberno, 12:30h.
⏩ Pontevedra: Subdelegación do Goberno, 12h.
⏩ Vilagarcía: Diante do INEM, 12h.
⏩ Compostela: Praza de Galiza, 12h.
⏩ Vigo: Manifestación desde Os Capuchinos até a sede da ONCE, 12h.
⏩ A Coruña: Delegación do Goberno, 12:30h.
⏩ Ferrol: Edificio Xunta (Praza Amada García), 12h.
⏩ Ourense: Subdelegación do Goberno, 11:30h.
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon