Por unha enerxía ao servizo do pobo galego. | A recollida de sinaturas en apoio da ILP entra na súa fase final.
A recollida de sinaturas para levar ao Parlamento a ILP de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza”, impulsada pola CIG, entra na fase final. O prazo para a súa presentación remata no mes de xullo e a central sindical anima a asinala para reclamar que a Xunta de Galiza recupere as concesións dos saltos e centrais hidroeléctricas, nas concas nas que ten competencias, para fins de utilidade pública e interese social e que pase a ser xestionado directamente, ou a través de empresas mixtas, o aproveitamento público destes recursos.
O sector enerxético é estratéxico para Galiza. Temos 166 centrais hidráulicas: 121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica, cunha produción, nun ano normal, de aproximadamente un 20% da total no conxunto do Estado e unha potencia instalada de 3.700 megavatios, que nos sitúa á cabeza.
A CIG defende a necesidade de poñer en marcha medidas para garantir que a enerxía sexa un auténtico servizo públicoSomos pois subministradores de enerxía eléctrica para o resto do Estado e malia os custos sociais e ambientais do seu espolio, os nosos recursos non están ao servizo nin do pobo galego, nin do desenvolvemento industrial. Por iso a CIG defende a necesidade de pór en marcha iniciativas reais para garantir que sexa un auténtico servizo público que reverta no desenvolvemento económico e industrial do noso país, permita a creación de postos de traballo e combata a pobreza enerxética.
A central sindical lembra que as concesións hidráulicas son públicas e teñen que ter un final no que, segundo di a Lei de Augas, “as instalacións teñen que estar en perfecto estado de uso para que as xestione a administración pública, ben directamente, a través dunha empresa pública galega de electricidade, que sería o noso obxectivo, ou a través da administración, con empresas mistas. Pero en calquera caso xestionadas pola administración pública galega”.
Concesións desde o século XIX
Hai centrais hidráulicas cuxa concesión data do século XIX e que aínda hoxe seguen en mans privadas, logo de sufrir varias renovacións de concesións neste tempo. É o caso da concesión da central hidráulica de Fecha, no río Tambre, en Trazo, que foi concedida en 1895, s. XIX, e que vencía en 2017, pero foi ampliada en 2016 a través do subterfuxio de ampliación de potencia. Subterfuxio ao que “recorren as empresas eléctricas cando ven que lles vai rematar a concesión” e que consiste en “solicitar unha ampliación de potencia ou de caudal” para ir enlazando progresivamente os anos de concesións.
Por iso a CIG defende, a través desta ILP, reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.
O constante incremento dos prezos da electricidade “demostra que o actual marco regulatorio e tarifario común está sometido aos desexos das empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio”. Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen denuncia que isto “coloca na incerteza o futuro de moitos postos de traballo, provoca o aumento de familias que non poden pagar as facturas da enerxía e impide un desenvolvemento industrial en Galiza que cree postos de traballo e free a sangría da emigración”.
O plan de peche de Alcoa para a fábrica da Coruña é para a CIG “unha das máis claras, dramáticas e actuais manifestacións” desta situación. Está en risco unha factoría con preto de 400 postos de traballo, nun sector estratéxico como o do Aluminio. Máis tamén Ferroatlántica (que teima en especular coas centrais hidroeléctricas que explota) ten formulados ERTEs e pende a ameaza sobre o complexo industrial de Alcoa San Cibrao.
Unha situación que revela a urxente e inaprazábel necesidade de contarmos cunha regulación máis xusta e equitativa, que pasa pola aprobación dun estatuto do consumidor electrointensivo que rache coa incerteza que provoca a poxa do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base.
Rescate dos saltos hidráulicos
Por iso a central sindical propón a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas, baixo o cumprimento dunha serie de requisitos, que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía.
Fonte: Avantar. | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5.
Novas relacionadas:
➤ A CIG rexistra no Parlamento de Galiza unha ILP para rescatar para o público os saltos e aproveitamentos hidroeléctricos. - 12.11.2018
➤ A CIG impulsa unha ILP para rescatar os saltos e aproveitamentos hidráulicos para o sistema público galego. - 25.10.2018 ____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon