Predición dos refachos máximos de Miguel, que poderán superar os 100 km/h, para o mediodía do xoves. Fonte: MeteoGalicia. |
Case ninguén esperaba a Miguel, pero parece que vai chegar con bastante forza a Galicia ás portas do verán, nun momento no que as cicloxéneses explosivas son moi pouco habituais. “É raro que se produzan nesta época do ano”, explica desde Galicia Juan Taboada. Engade que “estas borrascas explosivas sacan a súa enerxía do encontro das masas de aire polar (moi frío) co aire subtropical (moi quente); e a estas alturas, o normal é que as masas polares estean xa confinadas a latitudes moi altas”, expón o meteorólogo.
Non en tanto, o meandro da corrente en chorro ou jet stream, que adoita afectar en diversas ocasións a Galicia, ben sexa con aire frío ou cálido, sitúase nesta ocasión bastante ao sur, o que provoca a formación de Miguel. A súa intensidade, tal e como acordaron varias axencias meteorolóxicas europeas desde 2016, obriga a bautizala cun nome propio, co fin de advertir a poboación dos seus posibles efectos.
Mañá xoves teremos un temporal ocasionado por unha borrasca explosiva que pasará preto de #Galicia. É unha situación moi inusual nesta época do ano provocada polo descendo dunha masa de aire frío dende zonas polares. Atentos aos avisos @112Galicia https://t.co/795Ol1Dc28 pic.twitter.com/yQILYWoZ1P
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) 5 de xuño de 2019
Miguel, pequeno pero intenso
“Todos os factores conspiran“, resume Juan Taboada. Non en tanto, o pequeno tamaño de Miguel, a pesar da súa profundidade, obrigou a aumentar os niveis de aviso segundo os modelos foron afinando a súa exactitude. “Se non chega a pasar preto, nin nos teriamos enterado, pero ao achegarse máis, vaise notar”, contan desde MeteoGalicia.
A Axencia Estatal mesmo emitiu unha nota informativa na que eleva a predición de vento aos 120 quilómetros por hora “nas zonas máis expostas” que tamén se deixarán sentir no Cantábrico en canto Miguel continúe cara ao leste. Con todo, segundo a Aemet, “non se prevé que o centro da borrasca chegue a alcanzar a costa, sendo probable que a súa traxectoria pase a 150 quilómetros do litoral galego, dirixíndose posteriormente cara á Bretaña francesa e o sur de Inglaterra”. Advirte ademais a Aemet do “grao de incerteza” de Miguel pola súa propia natureza de cicloxénese explosiva.
Proceso de cicloxénesis explosiva no Atlántico (Cantábrico) que dará pé á xeración e rápida penetración da #borrascaMiguel que afectará mañá xoves e venres a primeiras horas ao norte peninsular. Avisos: https://t.co/ALPYQVKKbJ pic.twitter.com/MkoHc7vvzv
— SINOBAS (@AEMET_SINOBAS) 5 de xuño de 2019
Polo tanto, o paso de Miguel será notable. MeteoGalicia e Aemet elevaron na mañá do mércores o aviso ao nivel laranxa en todo o territorio das provincias de Pontevedra e A Coruña entre as 12 do mediodía e as 6 da tarde do xoves. Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Emerxencias, declarou a situación de alerta laranxa, polo que se recomenda extremar as precaucións durante este lapso de tempo.
Os refachos superarán os 100 quilómetros por hora en bastantes zonas. Ademais, hai aviso amarelo no oeste da Coruña e toda a provincia de Pontevedra por chuvias que poderían superar os 15 litros por metro cadrado nunha hora ou, no caso do occidente coruñés, os 40 litros en 12 horas.
Fonte: GCiencia - 05.06.2019 (Ciencia+Xornalismo+Divulgación). | Un sitio na rede de moito interese e en galego, non deixar de visitar.
https://www.gciencia.com/
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon