Desde o pasado 29 de marzo, despois dunha rolda de prensa onde se fixo un pequeno balance da actividade, a Plataforma mantívose só en actitude de observación, até que pasaron as eleccións xerais do 28 de abril e as municipais do 26 de maio. Nestes últimos anos, en referencia aos servizos públicos, e en concreto a inxusta situación do servizo de saneamento e depuración, coas correspondentes taxas, mantivemos, dentro das nosas posibilidades, informada á veciñanza, e por varias veces requirimos a súa mobilización. O tema é que aínda está todo por resolver e ao novo goberno municipal que veña, queda-lle unha situación que hai que tratar con dedicación, reflexión, transparencia e participación.
O recibo de Emafesa é un recibo complicado que conten catro facturas nun só recibo.[1] Son varios os servizos que pagamos. Tamén o Canon da Auga, que é unha Taxa que todo fogar ou local de entidade xurídica ou persoa, paga a Augas de Galicia (Xunta de Galicia), segundo está estabelecido por Lei.[2]
A principios de 2015 cando iniciamos a campaña de non pagar o recibo da depuración, correspondente aos meses de Setembro, Outubro, Novembro e Decembro de 2014 (Período no que non se depuraba), cando era Alcalde José Manuel Rey Varela, o recibo polo servizo de depuración era único, tiña unha periodicidade semestral, e mesmo tiña unha cor sepia. Durante o mandato de Jorge Suárez, volveron a pasar un recibo das mesmas características, para un período só de 45 días entre novembro e decembro de 2017, logo do Pleno onde foi levantada a suspensión da Taxa de Depuración. O recibo seguía sendo o mesmo, con carácter semestral. Mais con posterioridade a depuración foi incluída na mesma factura de Emafesa xunto ao abastecemento e o saneamento (recibo verde/azul claro).
Como antes mencionamos, o goberno de José Manuel Rey Varela pasou ao cobro o período de setembro a decembro de 2014 (catro meses), do recibo de depuración. Este recibo foi recorrido, por máis de 2.500 persoas (Entre xaneiro e febreiro de 2015). Segundo fontes municipais, moita xente deixara de pagar. E o goberno de Jorge Suárez asinou, nos últimos meses de mandato, a liquidación desde xaneiro de 2015 a marzo de 2017, para que Emafesa o puidera cobrar, pasadas as eleccións locais, entre o 1 de xuño de 2019 e o 31 de agosto deste mesmo ano, (Unha media duns 200 euros por vivenda). Ambos os dous períodos, correspóndense co tempo no que non se depuraba.
Jorge Suárez alegaba que se non asinaba a liquidación destes recibos, a empresa entraba en concurso de acredores. Hai que ter en conta que a parte privada de Emafesa (Socamex), que agora pertence a un fondo de inversións de capital chinés (Firion Investments), demandou ao Concello por non asinar, no seu momento, a liquidación deste período. Socamex, gañou en primeira instancia e o Concello recorreu ao TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), aínda sen sentenza firme. Esta nova sentenza aínda por ditar, podería-se recorrer, por ambas partes, ao Tribunal Supremo. Polo que imos pagar unha taxa que aínda está nos tribunais e, probabelmente, por algún tempo. Son sobre uns 5,5 millóns de euros, co 10% de IVA supera os 6 millóns. Unha cantidade desorbitada para un período onde non se depuraba e que Emafesa ten as mans libres para cobrar-nos á veciñanza.
Desde o 3 de abril de 2017 o sistema de depuración entrou en marcha, mais non se levantou a suspensión da taxa, (Que é a mesma taxa avultada de Rey Varela), até o 15 de novembro de 2017, despois de varios intentos do goberno municipal de aprobar unha nova taxa, aínda avultada. Como Plataforma, só chamamos a non pagar a taxa en xaneiro e febreiro de 2015 (a do período de setembro a decembro de 2014), cousa que fixeron máis de 2.500 persoas (período que tamén está reclamando Emafesa mediante escrito). Lembrar que había un número de persoas que si pagaran aquel recibo e que Jorge Suárez se comprometera a devolver aqueles 800.000 euros, en diferentes ocasións, e que nunca se devolveron.
O do recurso que fixeramos do período do 15 de novembro de 2017 a 31 de decembro do mesmo ano (45 días), aínda que xente da Plataforma e outras persoas non pagamos, non fixemos un chamamento público a non pagar, pois as condicións de mobilización, co nulo apoio das asociacións veciñais en xeral, non eran as de principios de 2015. Sen un "non pago" masivo, non habería presión, e ademais xa estaba en funcionamento o sistema de saneamento desde abril de 2017.
O que si fixemos, foi un recurso contra o levantamento da suspensión da taxa, por considera-la inxusta. Mesmo o propio informe encargado polo Concello así o manifestaba, tamén recoñecido polo informe do concello de Narón, e polo propio Goberno Municipal de Jorge Suárez.
Este recurso foi resolto xenericamente nun informe do Secretario do Concello. Non se aceptou por tratar-se do levantamento dunha taxa xa aprobada entre o 29 de maio e o 28 de agosto de 2014. Polo que non se tiveron en conta os argumentos que dabamos. Aínda sendo inxusta e non ser conforme co custe real do mantemento do sistema de saneamento e depuración.
No actual recibo están-nos cobrando unha parte da taxa do período comprendido entre 1 de abril de 2017 e o 15 de novembro do mesmo ano, que foi cando se levantou a suspensión da taxa (Por un acordo entre o PP e FeC). Foi un período que quedaba á espera do que ditaminara o 'Consello Consultivo de Galicia'. Mais este organismo non se pronunciou, alegando que non era da súa incumbencia. Jorge Suárez acordou a liquidación deste período, con efectos retroactivos, para que Emafesa o puidera cobrar, cousa que fixo a empresa mixta de augas de Ferrol, enviando-nos unha carta na que dicía que ese período o ía cobrar en fraccións nos seis seguintes recibos.
É o que aparece no recibo como "Fracción Tasa Depuración (Atrasos)", sobre uns 7 euros por recibo (Dependendo do consumo dos recibos dese período de cada fogar, uns menos e outros máis), máis o 10% de IVA. Pensamos que este xa é o sexto recibo, e último, para pagar os atrasos dese período (No que si estaba funcionando o sistema de saneamento e depuración).
Unha vez asinadas polo alcalde Jorge Suárez, as liquidacións dos recibos pendentes, a empresa (Emafesa), pode pasar ao cobro estes recibos, dentro da legalidade. Non é xusto mais é legal. Foi acordado en pleno (Levantamento da suspensión da taxa), e resolto polo Alcalde, asinando as liquidacións, polo tanto legal. No caso de non pagar no prazo sinalado no escrito, de xeito voluntario, Emafesa pasará os recibos ao Concello, e daquela irán por vía executiva[3], pode que con recargo. Polo tanto paga a pena paga-los dentro de prazo.
Outro asunto será a liquidación dos 5,5 millóns de euros (Máis de 6 millóns co 10% de IVA), correspondentes ao recibo da depuración do 1 de xaneiro de 2015 ao 31 de marzo de 2017 que asinou Jorge Suárez, para que Emafesa os puidera cobrar agora, durante estes tres meses (De xuño, xullo e agosto de 2019). Este é un asunto que o goberno que se constitúa agora tería que abordar, pois moitas familias non poderían asumir un recibo duns 200 euros de media. Ademais de ser un abuso, pasar a pago unha factura por unha depuración que non existía. Tería que buscar-se unha solución que non pase por cobrar á veciñanza por unha depuración que non se fixo (Falta de feito impoñíbel).
Na última xuntanza da Coordinadora da Plataforma, tratamos todos estes temas e preparamos unha táboa reivindicativa para expoñer nunha próxima rolda de prensa. Estamos elaborando un dossier para entregar ao novo Goberno Municipal e intentar acordar unhas reunións de traballo, onde lles expliquemos as nosas propostas, para que sexan unhas taxas participadas, xustas e axeitadas; ademais dun plano para fiscalizar a actividade de Emafesa, e evitar os seus abusos, e en última instancia iniciar un proceso de remunicipalización do servizo.
[1] Abastecemento de Auga e Saneamento (Emafesa), Canon da Auga (Xunta de Galicia), Recollida e Transporte de Lixo (Urbaser) e o seu Tratamento na Planta de Cerceda (Sogama).
[2] O Canon da Auga e un dos novos tributos que foron creados pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. Non obstante, o inicio da súa aplicación non tivo lugar ata o 1 de xullo de 2012, momento no que entrou en vigor o Decreto 136/2012, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais. O Canon da Auga veu sustituir ao Canon de Saneamento regulado na Lei 8/1993, de 23 de xuño, reguladora da Administración Hidráulica de Galicia. Unha taxa para a construción e mantemento de infraestruturas hidráulicas de Galicia. Artigo de interese.
[3] Detalle do Artigo 14 da Ordenanza Fiscal Xeral. .../... En período executivo, a recadación hase realizar coercitivamente por vía de constrinximento sobre o patrimonio do obrigado que non cumprise a obrigación ao seu cargo nos períodos sinalados no parágrafo anterior.
Regulamento e Ordenanzas Relacionadas.-
➤ Regulamento de Auga Potábel Concello de Ferrol. | Acceder/Baixar.
➤ Ordenanza Fiscal nº17 Reguladora da Taxa Depuración e Augas Residuais. | Acceder/Baixar.
➤ Ordenanza Reguladora da Prestación Patrimonial de Carácter Público Non
Tributaria da Rede de Sumidoiros . | Acceder/Baixar.
➤ Ordenanza Fiscal nº16 Reguladora de Submistración de Auga Poábel. | Acceder/Baixar.
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces | Alexandre Carrodeguas |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon