luns, xullo 22, 2019

A Sección Sindical da CIG en Mercadona denuncia que a corporación do comercio de alimentación, ameza con sancións ao persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta


Na rolda de prensa participaron @s delegad@s da CIG en Mercadona d'A Coruña.

Entre eles a presidenta do comité de empresa María López Alejos, e André Abeledo, delegado de persoal da comarca de Ferrolterra.

Abeledo indicou que "non podemos permitir que se sigan a vulnerar dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores", "a actitude da empresa é arcaica e esta fora de lugar nos tempos que vivimos".

Mercadona ameza con sancións ao persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta.

A sección sindical da CIG denuncia que esta persecución atenta contra os dereitos das/os traballadoras/es.

Prohibidas as tatuaxes visíbeis e os piercings. Esa é a consigna que Mercadona instrúe a todo o seu persoal chegando mesmo a ameazar coa imposición de sancións a aquelas traballadoras e traballadores que non oculten estes adobíos. Así o denunciou este venres en rolda de prensa a sección sindical da CIG, quen advirte que esta persecución atenta contra os dereitos individuais e constitúe unha manifestación máis da política de férreo control que Mercadona exerce sobre as súas traballadoras e traballadores.

"Aínda que de momento non pasou do apercibimento verbal, o persoal que ten tatuaxes visíbeis está recibindo todo tipo de presións e ameazas para que as tapen", explica a presidenta do comité provincial da Coruña, María López Alejos, quen cualifica esta política laboral como totalmente extemporánea, vulneradora de dereitos e irrespectuosa co persoal.

Sinala que, no camiño de adaptarse aos tempos actuais, no último convenio colectivo se retiraron aqueles puntos que facían referencia as sancións por incumprir o aspecto físico esixido as traballadoras e traballadores. "Non obstante, a realidade é que en Mercadona están prohibidas as tatuaxes, ao igual que o piercings, e que a empresa ameaza con sancionar a quen as loce".

A este respecto, engade a presidenta do comité, Mercadona ten incluso un código de como ocultar as tatuaxes, dependendo da parte do corpo na que estean: no pescozo con maquillaxe, no brazo cunha venda, etc. "A clientela nunca se queixou porque algunha traballadora ou traballador teña unha tatuaxe. Ao contrario, chámalles moito máis a atención que vaiamos cun pegote de maquillaxe ou cunha venda", subliña.

Situación especialmente grave na tenda de Marineda City.

Pero esta persecución non ten a mesma intensidade en todos os centros de traballo, e mentres nunhas tendas a prohibición tómase con maior lasitude, noutras como o supermercado de Marineda City, as ameazas son constantes. Tanto é así, explican, que un día, aproveitando a ausencia das delegadas da CIG, a encargada reuniu nas dúas quendas laborais a todo o persoal para reiterarlles que non se poden levar á vista as tatuaxes e lembrarlles que quen non cumpra esta obriga pode ser obxecto de sanción.

"Ao día seguinte, un  traballador non cubriu a tatuaxe que ten no brazo e foi rapidamente chamado á oficina. Alí a encargada, con dúas testemuñas, díxolle que tiña que tapala porque esa é a política da empresa. Cando o traballador lle respondeu que o convenio non recolle nada sobres este asunto, a encargada díxolle que se dera por informado e lanzoulle ameazas veladas".

Para a CIG, que se poida chegar a sancionar a unha compañeira ou compañeiro por este motivo non só resulta inconcibíbel nos tempos actuais, senón que atenta contra o dereito á propia imaxe e ás liberdades individuais. Por iso, advirten que "non imos amedrentarnos ante ningunha ameaza e seguiremos a defender a dignidade e os dereitos do persoal". E engaden que, atrás desta persecución, o que en realidade se agocha son os intentos de Mercadona por dobregar e controlar ao seu persoal.

A CIG tratou esta prohibición nas reunións trimestrais coa empresa.


A sección sindical da CIG levou esta problemática nás reunións trimestrais do comité e a empresa, que se limitou a asegurar que esta orde forma parte da política interna de Mercadona. "Cando lle pedimos que nos mostraran onde está recollida a obriga de tapar as tatuaxes, a resposta foi que hai que respectar a uniformidade, a neutralidade e a seguridade alimentaria e que, presuntamente, nos informan de palabra cando nos contratan".

Dende a CIG pídeselle a empresa que avance canda a sociedade e permita ensinar as tatuaxes se non teñen contido ofensivo, "pero até o momento non nos contestaron e continuamos igual". De feito, ao persoal con tatuaxes nos brazos Mercadona nin sequera lle entrega o uniforme de verán, polo que teñen que traballar todo o ano en camisa de manga longa.

A obsesión de Mercadona pola imaxe do seu persoal chega até o punto de que se prohibe ás traballadoras e traballadores asistir ás reunións de empresa con pantalón vaqueiro, pantalón curto, chándal, sandalias ou zapatillas deportivas.

Agardando que sexa do voso interese.

Un cordial saúdo.

A Coruña, a 19 de xullo de 2019

Sección Sindical da CIG en MERCADONA.

Enviado por:
CIG en Mercadona
-cigmercadona@gmail.com-
21 de julho de 2019 15:28

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon