A Marea de Ferrol ante a falla de acordo no goberno local
Perante a falta de acordo para formar un goberno tripartito no concello de Ferrol,entre PSOE, FeC e BNG; Marea de Ferrol quere manifestar o seguinte:
O último goberno municipal de FeC -no primeiro ano en coalición co PSOE, e despois en solitario- foi nefasto para o conxunto da cidade. As consecuencias deses catro anos faranse sentir durante moito tempo, e calquera que sexa o novo goberno terá que facer un sobreesforzo considerable para superar a situación. Isto significa que precisaremos, máis que nunca, un goberno forte, capaz e moi traballador.
Pero ademáis do dano infrinxido ao conxunto do concello, FeC foi unha auténtica máquina de desmobilización do voto da esquerda. Só as excepcionais circunstancias nas que se celebraron as eleccións locais, que favoreceron moi considerablemente o voto ao PSOE, evitaron a maioría absoluta do PP.
Pero cremos que hai outro factor que influíu decisivamente en que o voto á esquerda sume o suficiente como para garantir a alcaldía. E ese factor foi que todas as candidaturas de esquerdas transmitimos ao electorado a mensaxe clara de que Ferrol non podia permitirse outros catro anos de goberno inestable e precario e que por iso desde a responsabilidade comprometiamosnos a garantir un goberno que revirta a situación.
Nós compartimos a opinión de que era imprescindible facer un esforzo que garantise esa estabilidade, que hai moitos elementos programáticos que poderían permitir ese acordo e que precisabamos altura de miras para conseguilo. Que ninguén o dubide, nós teriamos chegado a un acordo.
Pois ben, é evidente que PSOE, FeC e BNG estaban mentindo. Aquelo da altura de miras, a responsabilidade, o de pensar primeiro no concello e despois no partido… durou o que durou a campaña electoral.
A “carta aos reis magos” con eses puntos de acordo que nos contaron o PSOE e FeC non engana a ninguén. Non garante estabilidade nin avance de ningún tipo, e só quere transmitir unha idea de responsabilidade que insulta a intelixencia das persoas máis despistadas.
Con respecto ao BNG vai sendo hora de que actúen en positivo e que non esixan para a nosa cidade o que non cumpren onde governan
Tan só intereses personalistas ou partidistas poden explicar a incapacidade destes tres partidos para chegar a un acordo
Namentras, Ferrol seguirá esmorecendo por mor da falla de responsabilidade, unha vez máis, desta esquerda que antepón os seus intereses aos do conxunto da cidadanía.
Non todo vale, evitar que a dereita goberne na nosa cidade non se pode pagar con catro anos máis de inestabilidade, non facer, parálise e decepción dos e das cidadás de Ferrol.
Así as cousas só queda agardar a que sexan quen de construír acordos puntuais nunha aritmética municipal moi clara que indica que, con 12 concellerías do PP, o PSOE só ten dúas opcións: ou chega a acordos co PP, ou chega a acordos con todos os demáis.
Temémonos que continuarán os malos tempos para Ferrol. Estaremos pendentes.
Ferrol, 05 de xullo de 2019
A Coordenadora de Marea de Ferrol
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
Twitter | Facebook
Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
5 de julho de 2019 18:32
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon