A Plataforma decideu acudir ao Pleno de Ferrol do xoves 28 de novembro, para continuar na denuncia do cobro da taxa por un período de 31 meses nos que non se depuraba e ademais estaban sen conectar a maior parte dos interceptores e colectores xerais. Son máis de 7,1 millóns (iva incluido) que estamos pagando máis que as veciñas e veciños de Narón. Tamén fumos para demandar que se recorra a Sentenza do TSXG, aínda que sabemos que a solución é política. Aproveitando que se ía aborda unha "Proposta de desestimación das alegacións presentadas polo Concello de Narón en materia de saneamento ..." e unha moción do grupo municipal do BNG relativa á Sentenza do TSXG e á taxa de saneamento, a Plataforma decideu intervir no Pleno.
Intervención de Lupe Ces, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, no Pleno Ordinario do Concello de Ferrol do 28 de novembro de 2019
Sr. Alcalde, señoras e señores concelleiras e concelleiros:
Tomo a palabra neste pleno no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización. E o facemos ademais estreando estes petos amarelos co lema “EMAFESA 100% pública”, porque nestes últimos días já vimos que a sentenza que hoxe motivou a moción do BNG, vostede a vai estar utilizando como escudo para non resolver un problema importante que temos nesta cidade: a empresa SOCAMEX que xestiona o 100% da empresa mixta EMAFESA. Por iso decidimos identificarmo-nos con estes petos, sabemos que esta loita vai ser longa, como o foi a loita pola Praza de Sartaña, na defensa da Fraga de Menáncaro, ou a do Edificio de 21 metros na Praza de España entre outras que poderíamos mencionar. Non imos desaparecer, estaremos na rúa, no pleno, petando na porta da alcaldía… porque estamos a falar dun roubo, dunha estafa, dun engano político, dunha discriminación… en fin, dunha inxustiza. E contra as inxustizas cumpre rebelar-se para non perder a condición de cidadanía e pasar a ter a condición de súbdito ou súbdita.
Vimos a solicitar-lle que cumpra as súas promesas. Ofreceu unha mesa para tratar o tema de EMAFESA, unha empresa xestionada por SOCAMEX, a súa parte privada, que mantén unha actuación irregular, e mesmo ilegal ao longo destes 19 anos de presenza na nosa cidade: lecturas estimadas abusivas e masivas; lecturas lineais en barrios enteiros; falta de investimento, falta de control na auga que bebemos “trialometanos”; cortes de agua ilegais…, e agora, desde hai uns anos, xestiona unha depuradora sen contrato, o que fai que aumente de xeito ilegal o seu volume de negocio (sobre un 50%), vulnerando a Lei de Contratos do Sector Público. Como verá hai razóns suficientes para sentar-se, falar e chegar a acordos sobre EMAFESA.
Vimos a informarlle que a sentenza non resolve a inxustiza que se comete contra unha parte de veciños e veciñas de Ferrol. Esa parte á que se lle reclama o pago do servizo de depuración desde setembro de 2014 até marzo de 2017 (31 meses), cando a depuradora non depuraba. Si, non funcionaba, como así o demostran os informes tanto externos como internos, como o demostra a data de conexión dos interceptores, abril de 2017, e como o demostra a data na que comezaron a pagar polo servizo de depuración os veciños e veciñas de Narón, abril de 2017. Mesmo así o recoñece Socamex na demanda e na proba documental e interrogatorio no procedemento xudicial, di que se non se realizaba a depuración “era por causas que non eran responsabilidade de Emafesa, senón que a existencia de fisuras e defectos construtivos eran responsabilidade da empresa construtora e da administración que contratou a obra”, e que a falta de caudal de augas residuais “era responsabilidade de ACUAES por non ter finalizado os interceptores xerais”.
Ao anterior podemos chamar-lle posta a punto, posta en marcha, probas da depuradora… o que queiramos. Mas só se conducía á depuradora o 1,5% da súa capacidade. E se os veciños e veciñas temos que pagar a reparación e posta a punto dunha depuradora recepcionada en mal estado por o daquela alcalde Rey Varela, porque non o teñen que pagar veciños e veciñas do rural, ou da conca da Malata (ao redor de 4.000 fogares abonados), se esa depuradora vai-lles dar servizo nalgún tempo próximo? Porque non o pagan os veciños e veciñas de Narón, sendo unha instalación de carácter supramunicipal, que co tempo tamén vai dar servizo ao concello de Neda?
O exalcalde Jorge Suárez asinou as liquidacións do período que se nos reclama, sabendo que non se dera o servizo, sabendo da historia rocambolesca do rosario de encomendas-contrato con baleiros legais inadmisíbeis, de EMAFESA-SOCAMEX para continuar coa xestión da depuradora; sabendo que o concello de Narón retirou dos xulgados a demanda contra o concello de Ferrol porque ía amañar-se con diálogo político e unidade de acción… E agora vostede… sabe que a taxa está avultada e pretende que a paguemos, non só aumentada, senón por un período que non se nos daba o servizo.
Vimos tamén a reclamar que esta sentenza non serva de cortina de fume para tapar a ringleira de irregularidades desta empresa e o mal goberno. Que o pleno municipal, o mesmo que acordou no seu día, presente agora recurso ante o Tribunal Supremo. Que se defendan os intereses da veciñanza até o final. Sendo conscientes de que a solución a todo este conflito é política. Ao igual que o conflito co concello veciño de Narón.
A ninguén nos gosta que nos digan o que temos que facer, mas teña en conta que isto non llo está a dicir un familiar, unha amiga, unha compañeira de traballo…, estamos-llo a dicir unha parte de veciñas e veciños de Ferrol que levamos tres mandatos defendendo os nosos dereitos fronte os abusos de Emafesa e os malos gobernos. Vostede como alcalde de Ferrol, ten que defender-nos. Ademais os nosos dereitos non entran en contradición cos dereitos doutros veciños e veciñas, senón cos privilexios dunha multinacional que ven a esta cidade a xestionar, mal, un servizo básico, e levar-se beneficios por elo. No caso que nos ocupa, pretende cobrar-nos mais de 7,1 millóns de euros por ese período de 31 meses cando non se prestaba o servizo.
Rey Varela en declaracións á prensa en maio de 2014 cando visitaba a depuradora fantasma, prometeu que os veciños e veciñas de Ferrol non iamos pagar nin un céntimo máis que a veciñanza de Narón, polo servizo de depuración. Ese céntimo converteu-se en 7,1 millóns.[1]
Jorge Suárez en declaracións públicas, en comparecencia de todo o goberno municipal, dixo que se ía devolver a depuradora à Augas de Galicia, denunciar a SOCAMEX na fiscalía,… Pola contra asinou as liquidacións e todo o acordado no verán de 2015 ficou esquecido no seu caixón.[2]
E agora vostede, presentou-se por un partido político que ten unha postura clara fronte aos abusos de EMAFESA e tamén sobre as decisión do mal goberno neste tema. Agora vostede o ignora, pensando que con esta actitude pecha un capítulo non desexado da xestión municipal. Desde a nosa opinión esta actitude vai facer todo o contrario, continuar no conflito. Dixo que ía facer unha mesa para tratar este tema, e agora quere escudar-se nunha sentenza para consolidar un trato discriminatorio entre a veciñanza de Ferrol e en relación coa veciñanza do concello de Narón, defendendo os intereses de Socamex e dos seus moi ben pagados executivos da multinacional da auga en Ferrol.
Nós imos propor-lle que tome outro camiño:
➤ Poña a votación, pois ten a maioría dos votos, presentar recurso ante o Tribunal Supremo.
➤ Abra unha mesa de diálogo con esta Plataforma e as asociacións veciñais, para buscar unha solución política para este tema, que non pase por saquear á veciñanza.
➤ Non agarde dous anos para revisar a taxa, avultada tanto no computo dos caudais como en custes eléctricos, e que ademais inclúen os gastos de mantemento dos interceptores que non leva Emafesa, senón Acuaes.
➤ Busque o apoio do concello de Narón para encontrar unha solución mancomunada á xestión da depuradora, e mentres, devolva-a a quen deveu xestiona-la desde o principio: Augas de Galicia.
Nese camiño que lle propormos terá o noso apoio e colaboración, mentres seguiremos identificando-nos cos petos amarelos, informando e organizando á veciñanza sobre como se están a vulnerar os nosos dereitos, coa complicidade dun terceiro alcalde, Vostede. E ao longo deste mes volveremos a solicitar-lle aos veciños e veciñas que non paguen o recibo de supostos atrasos de depuración que Emafesa pretende pasar a cobro nos meses de xaneiro e febreiro de 2020.
Notas.-
[1] La Voz de Galicia - ROCÍO PITA PARADA FERROL 29/05/2014 19:39 h | El alcalde de Ferrol asegura que el de Narón «falta a la verdad» sobre el saneamiento. | Rey Varela garantiza que los ferrolanos no pagarán «ni un céntimo más» que los naroneses. | Ir á Web.
[2] Web do Concello de Ferrol - venres, 28 de agosto de 2015. | O Goberno local de Ferrol destapa unha fraude a veciñanza na EDAR de Prioriño, onde non se depurou integramente nin un metro de agua desde 2014. | Ir á Web. | Web do Concello de Ferrol - luns, 31 de agosto de 2015. | O Goberno de Ferrol chegará ata o final na exixencia de responsabilidades a Urbaser polo engano na EDAR. | Ir á Web.
PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol | Twitter: @municipalizarFT
Enviado por:
Plataforma Remunicipalizacion
-remunicipalizacion.plataforma@gmail.com-
29 de novembro de 2019 12:51
---
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon