Asemblea de Canido - Martes 3 de decembro de 2019 |
Asemblea de Caranza - Mércores 4 de decembro de 2019 |
Asemblea de Ultramar - Xoves 5 de decembro de 2019 |
Os actos discorreron cunha pequena introdución de carácter cronolóxico, onde se trataron os aspectos máis relevantes da situación actual, despois da sentenza do TSXG a favor de Socamex, o goberno municipal renunciou a continuar co procedemento xudicial, polo que ten a intención de non presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo. A Plataforma é partidaria de continuar co procedemento, polo que chama ao goberno municipal a recorrer a sentenza ante o Supremo, ademais non hai escusa para non face-lo, hai que defender os intereses da veciñanza até o final. Mais, independentemente de que o Supremo admita ou non o recurso, a solución a este conflito non vai vir pola vía xudicial, vai ter que ser política, porque dun xeito ou outro o diñeiro para pagar o mal goberno, vai saír de onde sae sempre, dos tributos e taxas que pagamos o conxunto das veciñas e veciños. O debate é canto diñeiro e como se paga. A empresa mixta -Emafesa- terá que presentar, canto supuxeron, os gastos xustificados e auditados, no sitema de saneamento e depuración, neste longo período de 31 meses de posta en marcha, onde non se prestou o servizo. Unha parte da veciñanza de Ferrol, non podemos costear o que tiña que ser contribuído pola Administración Central, a Xunta de Galicia e os concellos de Ferrol e Narón. Mais tampouco temos que ser unha parte da veciñanza a que pague o que é un sistema de depuración, para todas as veciñas e veciños de Ferrol e Narón, e nun futuro tamén de Neda. Son máis de 7,1 milhóns de euros (Incluído o IVA) que nos están cobrando a unha parte da veciñanza de Ferrol por un servizo que non se prestou. Unha verdadeira fraude, unha estafa á veciñanza.
Nas asembleas foron numerosos os veciños e veciñas que expuxeron as súas denuncias ante os abusos da empresa mixta, polo trato e as lecturas estimadas abusivas. Tamén a veciñanza entrou a fondo do problema da depuración e saneamento, até presentaron propostas e chamaron á concienciación e mobilización.
A Plataforma quere unha mesa de diálogo co goberno municipal, onde tamén participen as asociación veciñais. Que se recorra a sentenza do TSXG e se anulen as liquidacións e padrón municipal que permiten o cobro da facturación dos supostos atrasos que teñen previsto pasar ao cobro no 2020 e principios de 2021. Que se cuantifiquen os gastos reais de Emafesa no período dos 31 meses de posta en marcha e se distribuían entre as diferentes administracións responsábeis. Que se renoven as conversacións co concello veciño de Narón, para buscar unha solución conxunta ao sistema de saneamento e depuración. Que se derogue a actual taxa de depuración e a que se estabeleza, ten que ser unha taxa explicada, xusta e participada.
Mentres a Plataforma chama a non pagar o vindeiro recibo polos supostos atrasos de depuración das augas residuais que pretenden cobrar entre os meses de xaneiro e febreiro do vindeiro ano 2020, desta vez polo período que vai de 1 de xullo a 17 de setembro de 2015. Son 79 días, anteriores ao acordo de suspensión da taxa, polo Pleno celebrado o 18 de setembro de 2015, onde non estaba nin o persoal, nin a enerxía eléctrica contratadas, balsas e tanques con fisuras, laboratorio embalado, un baipás para deitar as augas residuais sen depurar directamente ao mar... Todo isto segundo o informe do enxeñeiro municipal[1] da inspección realizada o 25 de agosto de 2015 e denunciado en comparecencia pública do goberno municipal os días 28 e 31 do mesmo mes de agosto.[2] E vai preparar modelo de recurso para presentar coa devolución do recibo.
A Plataforma vai iniciar accións, directa ou indirectamente, ante diferentes organismos de control das administracións e organizacións de consumidores, como son:
💧 Valedora do Pobo.
💧 Comisión Nacional dos Mercados da Competencia.
💧 Consello de Contas de Galicia.
💧 Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación.
💧 Facua.
💧 Acouga.
A vindeira Asemblea Veciñal e acto informativo terá lugar en Esteiro, no local da súa asociación veciñal, na rúa Fernando VI, Bloque 1, Baixo, o mércores 11 de decembro, ás 6 das tarde. [Cartaz B/N e Cartaz a Cor]
[1] Informe do Enxeñeiro Municipal despois da inspección ao Edar de Cabo Prioriño do 25 de agosto de 2015. | Carencia de Depuración das Augas Residuais que saen da estación depuradora - | Ir ao Documento.
[2] Web do Concello de Ferrol - venres, 28 de agosto de 2015. | O Goberno local de Ferrol destapa unha fraude a veciñanza na EDAR de Prioriño, onde non se depurou integramente nin un metro de agua desde 2014. | Ir á Web. | Web do Concello de Ferrol - luns, 31 de agosto de 2015. | O Goberno de Ferrol chegará ata o final na exixencia de responsabilidades a Urbaser polo engano na EDAR. | Ir á Web.
Documento de interese:
⏩ Detalle da acta do pleno ordinario celebrado o 28 de agosto de 2014, punto: 6.Proposta de aprobación definitiva da “Ordenanza fiscal reguladora da taxa de depuración de augas residuais para o ano 2014" | Acceder/Baixar.
PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol | Twitter: @municipalizarFT
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon