Un día que o público non daba chegado, un tal Leo de Matamá empezou a facer versións de cantautores míticos mentres non comezaba o espectáculo do 'performer' punk máis famoso do país, Leo i Arremecághona. Uns cantos anos despois, aquel rapaz publica, en fita, 'Sé [mente de vencer]', reivindicación optimista da canción protesta.
POÉTICA OPTIMISTA DA IMPERFECCIÓN
Leonardo Fernández Campos é un home en guerra. Fala da arte, da situación do galego, de escribir e gravar cancións, en fin, de política, cun discurso inzado de metáforas bélicas. Un soldado máis no “exército de punks” que para el debe ser a cultura, preséntase nas múltiples frontes con disfraces varios -de axitador, de filólogo, de poeta, de docente- pero a peito descuberto, sen máis escudo que o humor. Ao (pen)último campo de batalla vai como O’Leo de Matamá, reivindicación, ao seu xeito, da figura do cantautor clásico, de Woody Guthrie e de Suso Vaamonde. Vén de publicar en internet Sé [mente de vencer], que en formato físico só sairá en cintas de casete, soporte no que foi gravado, e que hoxe mesmo comeza a presentar en directo.
“Á derrota nin un pensamento lle dedico”, proclama o home que hai máis de 20 anos se deu a coñecer baixo o nome de Leo i Arremecághona ao pouco de comezar a entrevista, para a que nos citou no Quiosco das Almas Perdidas. Como para non ser optimista; se ese primeiro luns de decembro brillaba o sol logo dun mes de dioivo, será que outro mundo é posible. Chega ao local en bicicleta tras achegarse en tren á súa cidade natal dende Vilagarcía, onde agora dá clases. A gravadora rexistra a conversa e un barullo de fondo impropio do baleiro que está o bar a esas horas da tarde. Tamén Sé [mente de vencer] está atravesado por un zoar constante, neste caso analóxico, que dá continuidade a estas 10 (máis unha oculta) cancións protesta para os anos 20.
“O disco máis famoso deste sistema debe de ser o Nebraska, de Bruce Springsteen, que tamén ten ese ruído. Se non o tivese botaríao de menos, mólame que estea. Remíteche á cinta. Imos acabar botando de menos a sucidade”. El reivindica esa impureza coma “un instrumento más” neste traballo. Ata agora, conta, todas as súas gravacións parecíanlle limpas de máis, inda que el as emporcase coa súa forma de tocar nos instrumentos baratos que utiliza. “Quería que tivese esa calor, esa textura analóxica” que tanto se leva, pero, por custos, desbotou a fórmula de gravar en dixital e envorcalo logo en cinta magnética e apostou por un vello catro pistas (para os interesados, máis detalles técnicos en https://arremecaghona.bandcamp.com). Co ánimo de Marcos Paino -”de el fíome moitísimo, é un crack”- botouse á piscina e logo deixou a mestura en mans de Mig Seoane, ao que esperou a que volvese de África. Conclusión: “Marabilla, estou moi contento”.
A fita -”non sei como chamarlle; deume un punto diferencialista, coma á Xeración Nós, debe de ser porque estou explicando iso no instituto. Todo son apóstrofes, e veña fita, veña face a, veña face b... Frikismo filolóxico puro e duro”- non soa a vello, soa atemporal. Coma esas primeiras gravacións dos bluesmen, metidos sos no estudio coa súa guitarra, coa súa voz e cun micro. O’Leo (de Matamá), nunhas poucas tomas en directo, canta profundo e toca a acústica ás veces con urxencia punk, outras con intención ruidista, sen máis recurso que un slide. Completa a ‘monobanda’ con harmónica, asubío e o pequeno kit de batería que armou el mesmo e que fai soar cos pés. Reivindica unha poética da imperfección, que fai comezar en Bob Dylan e que se consagra a finais dos 70 cos Sex Pistols e compañía. “Como é posible que Dylan cante? Todo deus cantaba guai antes ca el. Iso ábrelle as portas ao punk, a que desafinemos, tamén a propósito (...) A cousa vai máis cara a aí, a técnica tamén é fetichista. Ata que que punto o avance non consiste en desafiar os canons retóricos anteriores?”
O’Leo está satisfeito con Sé [mente de vencer], conta, pero tivo que ser á segunda. Despois do “desesperante combate” que lle supón sentarse a escribir as letras completas logo de ir anotando ideas, atopouse con que no primeiro intento no estudio os temas non funcionaban. “As cancións eran inéditas, apetecíame sacar algo que a xente non coñecese. Foi un fracaso”, admite. Así que volveu ao seu vello sistema de tocar as pezas ao vivo e agardar que o feedback do público as acabase de “tornear”. Entón xa estivo preparado para outra loita máis, a de se pechar a gravar.
A alusión ao papel do oínte suscita a cuestión da autoría no música popular. Catro das cancións da fita son versións, outras seis orixinais, un concepto que el matiza. Para O’Leo todas foron “armadas polo pobo” e os autores –Phil Ochs, Herminda Miramontes, Leonard Cohen, el mesmo- non son máis que elos dunha cadea (onde empeza esa cadea xa é outra cuestión). “As rodas de acordes son moi poucas e limitadas na música popular. Todas as cancións teñen outra detrás, incluso tamén nas ideas. Creo na autoría do creative commons, que todo vai sumando, sumando, sumando, e destilando”.
Á marxe dese substrato inevitable, explica, o autor comeza a se diluír no momento no que comenta o seu traballo coa súa xente. “Coa miña compañeira falo mogollón das cancións, dáme un feedback brutalísimo. Coma Tom Waits, que ten moitas das súas composicións asinadas coa súa muller [Kathleen Brennan]”. Máis adiante retoma a cuestión, con outro enfoque. “Para min a poesía non é de quen a escribe. Quen a escribe está a roubar un momento de poesía da realidade, do que se deu de conta. Coidado, que estivo atento. E a lectora que o queira gozar ten que ter a ollada educada para que non lle pase desapercibido ese momento de maxia. Entón, de quen é? De quen a escribiu? De quen a leu? Ao fin ao cabo o poema son palabras mortas se ninguén as enche de significado ao longo dos séculos”.
Malia todas estas disquisicións, reivindícase cantautor. O cal tamén ten os seus paradoxos retranqueiros: “Un cantautor de esquerdas é un ghicho que quere mover a comunidade, pero é un tío só. Hai unha contradición aí nos medios de produción que intentamos solucionar dalgunha forma”, chancea. Como por exemplo coa súa xuntanza, baixo o nome de Os tres pés, con Roberto Sobrado e Pepe Constenla, cos que vai sacar un disco de homenaxe a Suso Vaamonde. Tampouco desbota O’Leo retomar algunha das bandas nas que militou: Labregos no tempo dos Sputniks, que argallou onda MC García, e Das Kapital, máxima expresión do desacougo subversivo en tempos nos que ata a dereita chamaba a “refundar o capitalismo”. “Deixámolo por unha cuestión de concepto. Despois de chamar a revolución con tres discos e que non viñese...” Con Marcos Paino, que tamén estaba no comando, encetou agora outro proxecto que mestura música tradicional e electrónica. “É un concepto guai, unha especie de factoría no que se xunten colegas e xente da música para sacar EP coma churros, probar e experimentar”.
Por se alguén non o sabía, todo esta actividade -nin falamos doutro dos seus heterónimos, o cantante pop En-Riquinho, que tamén ten un disco pendente- é no seu tempo de lecer. Noutra vida, Leonardo Fernández Campos é filólogo e docente de galego. Algún problema tivo pola súa dobre (ou quíntupla) condición -un pai queixouse do profe ese que saía co cú ao aire no vídeo de ‘Rural love’, alguén tivo a ben colocar o aviso de que a peza é para maiores de idade- pero os rapaces reaccionan ben. “Intentei escondelo, pero sempre hai algún cun primo ou un tío que me coñece, córrese a voz e... Entenden rapidamente a diferenza entre persoa e personaxe. Dalgunha forma rompe coa cuarta parede; senten que son tan pallaso coma eles”.
A praza de mestre de secundaria tamén é unha boa atalaia para observar a situación do idioma. “Está fastidiado, pero non son derrotista nunca, nin cos datos en contra, e neste caso parece que tampouco están en contra de todo”. Conta que viviu como unha traxedia o pertencer á primeira xeración da historia que ve como a porcentaxe de falantes iniciais en galego baixou do 50%. Mais agora albisca unha certa mellora. A súa tese é que a nova onda de emigración a causa da crise fortaleceu o vínculo coa casa. “Temos este paradoxo tamén, somos da idea radical e progresista de conservar”. E a música, considera, tamén xogou o seu papel, con toda a “enxurrada” de bandas que dende mediados dos 2000 empregou a lingua propia en calquera estilo, non só no folk ou no bravú. “O crecemento en calidade e en cantidade está a ser exponencial. Esa é unha das claves, é dos poucos ámbitos de uso -cita tamén a internet- que si estamos conseguindo cubrir”.
A estas alturas pouca xente con interese na música popular en Galicia vaise escandalizar por algunha das intervencións do Leo, en calquera das súas facianas, pero en tempos de redes sociais ás veces pasan cousas sorprendentes. Por exemplo, que unha canción interpretada na TVG se volva viral en Cataluña. Ocorreu hai unhas semanas no Land Rober, onde cantou a daquela sen nome -púxollo sobre a marcha, na proba de son botara outra- ‘Outubro ‘17’, sobre o movemento independentista, con homenaxe a Lluis Llach e citas de Els Segadors. Rematou cun ‘Visca Catalunya lliure’, un lema que nestes tempos soou case revolucionario. “É que é moi tolo que non se poida facer iso. A performance consiste niso, en evidenciar os niveis paupérrimos nos que está a liberdade de expresión nos medios públicos deste país”. (O vídeo está dispoñible en Youtube cunha búsqueda sinxela).
Cando O’Leo de Matamá comezaba a telonear a Leo i Arremecághona -unha idea, por certo, que tomou de El Chaval de la Peca- estaba en auxe o programa Apologhit, un concurso que contribuíu a dalo a coñecer. “Todo o mundo podía participar, era marabilloso. Estou moi a favor diso, o punk somos todos. A cultura ten que ser un exército de punks”. Cree que ese modelo horizontal estase a impor, por exemplo, en plataformas como Bandcamp. “A música e a arte, como dicían os situacionistas, ten que servir para liberarse, cada unha. Creo niso, nun exército de peña facendo o que lle gusta e intentando chegar á xente que lle poida prestar”.
Quen é?
O'Leo: voz e 'monobanda'
Leonardo Fernández Campos (Matamá, 1974) aprendeu a tocar na guitarra coas cancións de Silvio Rodríguez, pero á hora de subir aos escenarios optou polo disfrace de cantautor punk, co nome de Leo i Arremecághona. Con ese heterónimo sacou Suspiros de Kaña (1998), Aghomita, campión! (2007), Sigho (vivo) (2007), A neurona na patineta (2012) e Ostia (2015).
Sé [mente de vencer] (2019) é o primeiro traballo como O'Leo de Matamá, e ten pendente un do fillo pop, En-Riquiño. Formou Labregos no tempo dos Sputniks con MC García e puxo voz a Das Kapital.
Publicou o libro de poemas Hai cu (Editorial Xerais, 2007).
Próximos concertos
➤ Venres, 6 de decembro: O'Leo de Matamá presenta Sé [mente de vencer] na ➤ Sacabeira, en Sargadelos (Cervo). Ás 22:00.
➤ Xoves, 19 de decembro: O'Leo de Matamá + TNT, na sala Moon, en Santiago de Compostela.
➤ Venres, 20 de decembro: O'Leo de Matamá presenta Sé [mente de vencer] na Taberna do Rikitrí, en Vigo. Ás 21:00.
➤ Sábado, 21 de decembro: O'Leo de Matamá presenta Sé [mente de vencer] na Casa do Taberneiro, en Santiago de Compostela. Ás 12:00.
Play List
➤ sé [mente de vencer]
➤ A neurona na patineta
➤ face b
➤ arremecaghona ostia
Videoclip do segundo sinxelo de Ostia, d'O Leo i Arremecághona!, Rural Love. 'Gravado e mesturado por Tomás Ageitos nos Estudios A Ponte de Villestro en maio de 2015 e masterizado por Dr. Chou. O vídeo gravárono Sara Iglesias, Miguel Gómez e O Leo a finais de outubro en Matamá e Samil, en dominios do antigo concello de Bouzas. Editouse no vran de san Martiño.
https://youtu.be/brfeeZkIKnE
---
Publicado en Faro de Vigo - Música por Alberto Leyenda. | musicavigo@farodevigo.es
_________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon