luns, xaneiro 27, 2020

Alargascencia nos tempos do low cost, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei
[*]
27.01.2020


Alargascencia nos tempos do low cost

Non queda outra que artellar palavras para resgatar as conductas axeitadas do pasado, esas que aínda perviven nos países do Sul global. De aí o de alargascencia, esa ferramenta para alongar a vida dos produtos en procura dun aforro tanto económico como ambiental. Todos sabemos das vellas neveiras ou carros de Cuba ou das habilidades creativas dos povos nos países empobrecidos pola globalización. Eles han ser os nosos mestres, o espello onde lembrar o que perdemos co progreso e teremos de recuperar con urxencia no mundo que se achega ao colapso enerxético.

Porque o grao de desenvolvemento capitalista dun país é inversamente proporcional a autosuficiencia individual e colectiva. Nos tempos do low cost  prémianse os analfabetos no que podiamos chamar capacidades reparadoras e artes da resiliencia que diriamos no pensamento decrecentista.

Hai quen di que as grandes superficies tamén crean postos de traballo. Certo, de ínfima calidade. Mais cantos destruiron e destrúen?. En Ferrol, cantas tendas de deporte nos barrios pechou a multinacional francesa que todos coñecemos? Non esquezamos que máis barato incita a máis cantidade no consumo.

É sabido que o mercado no capitalismo non existe para cobrir as nosas necesidades senón para crearnolas. Mais quen nos crea unha necesidade fainos o seu escravo.

Xa Iván Illich nos alertava na súa História das Necessidades, que teriamos de educar nunha austeridade convivial para que a propiedade dos utensilios perdera o seu poder actual, así protexeriamos o valor de uso das mercadorías contra o enriquecemento incapacitante. Mestres do decrecemento como Carlos Taibo falaría de sobriedade. Carosa tarefa nunha sociedade onde as persoas perdemos a confianza para moldar os nosos propios desexos. Eles veñen enlatados de fábrica e homologados nos estándares da produción. Cando nada temos somos miserabeis, cando temos pouco somos pobres, cando temos demais somos infelices e insolidarios.

Certamente o consumismo, alén de estar inducido polo poder como motor do sistema capitalista, reflicte unha creba comunitaria e persoal. Hoxe a construción da personalidade afinca máis ca nunca no estatus e é máis dependente ca nunca da amósega dun xeito de vida onde a propiedade é lei e onde ser pobre xa non o mide a pertenza a unha clase social senón que depende do mérito individual co conseguinte sentimento de culpa. Sentimento que conduce á epidemia de doenzas psíquicas que van dende a ansiedade á depresión.

Así nace a aporofobia ou odio ao pobre. A obsolescencia nútrese desta fobia mentres que a alargascencia axuda á combater.

O veleno do consumismo abriuse coa explotación da muller no téxtil e os primeiros grandes almacéns para engordar o emporio da moda. Unha moda que aliena ainda máis á muller destinada ao rol da aparencia física.
 Xa dicía o grande pedagogo Herminio Barreiro que as modas son instrumentos de alienación ideolóxica disfrazados de liberación estética. Crearonnos a necesidade de ser alguén mediante o ter. E foron fagocitando todas as nosas vidas. Nunca antes a aparencia foi tan detrutora da nosa esencia. Nunca antes os medos se explotaron con tanto éxito comercial. A persecución ao diferente fixo de nós servos da homoxeneización. Entregados a lucrar á elite coa aparencia de igualdade que dá pasar de usuario a cliente.

O exceso de oferta, excedendo imperiosa e coactiva á demanda nas grandes superficies, róubanos o escaso tempo livre e así os centros de explotación global mudan en centros de ocio para educar na obsolescencia programada ás novas xeracións. A lonxanía destas superficies comerciais obríganos a usar o vehículo e arrédanos dos cascos antigos das cidades. É a alienación centrífuga que fecha o comercio local e crea minicidades gobernadas polas multinacionais. Que pasará cos novos clientes que só mercan online? Conseguirán as multinacionais movelos para recoller o mercado a distancia ou será a entrega a domicilio o novo nicho de mercado? Serán máis compulsivos os clientes online como parecen selo os xogadores que se agochan nos fogares dificultando as estadísticas de ludopatía?.

A alargascencia vén recuperar non só a vida dos utensilios e ferramentas senón tambén as nosas vidas de barrio. Alongar a vida duns zapatos, dun móbil ou dun eletrodoméstico alonga a un tempo as nosas vidas facéndonos  solidarios cos territorios do Sur global que sofren da explotación de recursos naturais e humanos,  reduce os vertedoiros innecesarios e axuda a frear o cambio climático.  Recuperemos a economía colaborativa que abrangue unha morea de posibilidades. Compartir ferramentas entre veciños como se facía de sempre nas aldeas sería un exemplo así como ter un banco de  intercambio a nível municipal. As tendas de troco son outro xeito de evitar o low cost, a ser posibel locais para evitar todo o transporte e a impersonalidade que xera a venda online.

Mais todo isto non fará mudar o sistema de despilfarro e inxustiza global se non vai acompañado dunha toma de conciencia que nos cambie o sistema de valores. Temos que entender que o Low Cost non é Baixo Custe, que pagar tres euros por unha camiseta implica explotación, en moitos casos infantil, mala calidade e esgotamento e contaminación de recursos naturais non renovabeis para satisfacer un desexo fugaz ou tapar unha carencia emocional. Temos que entender que a alargascencia non só alonga a vida dos obxectos que nos rodean senón as nosas propias vidas. No mundo dos podómetros, cronómetros, reloxos intelixentes...ainda non foron quen de nos vender un ociómetro, un trebello que mida o tempo e a calidade do noso ocio e igual que as básculas nos avisan dos nosos excesos calóricos cun programa de adelgazamento que nos evite unha doenza asociada como diabetes, colesterol, cardiopatía... poidamos iniciar un programa de divertimento no que ir de compras ou reunirmonos no centro comercial para pasar o tempo non sexa a nosa relixión. Rebelémonos contra o deus Mercado. Desmercantilicemos as nosas vidas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
26 de janeiro de 2020 22:26
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon