sábado, febreiro 01, 2020

Esta semana que entra a Plataforma volve coa campaña de difusión do Recurso contra o pago da 'Taxa de Depuración das Augas Residuais' do período onde non se prestaba o servizo, con mesas informativas que se instalarán nos barrios ferroláns do Ensanche, Caranza, Inferniño, Recimil e a Madalena


Estes días máis 30.000 fogares ferroláns, dos máis de 35.000 abonados domésticos que hai en Ferrol, están recibindo unha factura da Empresa Mixta de Augas de Ferrol, SA (EMAFESA), baixo o epígrafe xeral de “Facturación Servizo Depuración”. Dita factura é unha parte do período xullo-decembro/2015, mais só corresponde a un trimestre (79 días comprendidos entre o 1 de xullo e o 17 de setembro de 2015), este recibo que se está pasando a cobro da "Taxa de Depuración de Augas Residuais" corresponde a un período onde non se prestaba o servizo, ademais de ser discriminatorio con outra parte da veciñanza de Ferrol e de Narón. Ese período non foi de posta en servizo, nin de prestación do mesmo, foi un período de arranque, posta en marcha ou fase de proba, mentres non se puxo a funcionar o sistema de saneamento, interceptación e depuración, que a todos os efectos, como é público, comezou o 3 de abril de 2017.

Un sistema de saneamento e depuración que supón unha infraestrutura supramunicipal que tanto vai beneficiar á veciñanza de Ferrol, como á de Narón, e nun futuro á de Neda, non pode ser sufragada a súa posta en marcha, arranque e probas, só por unha parte da veciñanza de Ferrol. Non podemos costear, un período de 31 meses desde setembro de 2014 a marzo de 2017, cando a depuradora non funcionaba como tal, e o sistema non estaba conectado, uns custos dun período que tería que ser sufragado pola Administración Central, a Xunta de Galicia e os concellos de Ferrol e Narón.

A Plataforma chama a non pagar este recibo da depuración, polo que continua poñendo mesas informativas e de distribución do modelo de recurso.

Este é o novo calendario de mesas informativas para a semana que entra:

Luns 3 de febreiro, no Ensanche, volvemos á Praza da Ilustración, nas inmediacións de Emafesa.
Martes 4, en Caranza, diante do Centro Cívico.
Mércores 5, no Inferniño, perto da Farmacia.
Xoves 6, en Recimil, diante do edificio da Xunta.
Venres 7, na Madalena, na rúa María, detrás do Concello.

Todos os días desde as 10:30 a 12:30 horas.

Ademais de face-lo a través das mesas informativas por barrios, a Plataforma difunde nas redes sociais a campaña de NON PAGAR e o texto do Recurso que se deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello, ao mesmo tempo que non se fai efectivo o recibo e mesmo se este está domiciliado, pedir a súa devolución na entidade bancaria, tamén se pode facer a través da banca online, para a devolución dos recibos a Lei prevé que hai 8 semanas de prazo, para notificar á entidade bancaria esa vontade de devolución (Artigos 48 e 49 do Real Decreto-lei 19/2018, de servizos de pago e outras medidas urxentes en materia financeira).

Modelo de Recurso. | Acceder/Baixar.

PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon