As persoas vulnerábeis e os dereitos básicos: o confinamento e o distanciamento social aumenta a precariedade e a exclusión das persoas con menos recursos económicos, volve-se fundamental o coñecer as medidas administrativas acordadas, os dereiros e como acceder aos mesmos
A responsabilidade e compromiso das alcaldias e das persoas que teñen ao seu cargo as políticas sociais nos diferentes concellos é fundamental, nestes tempos de crise sanitaria, económica e social, provocada polo novo coronavirus (Covid-19), mais que ás persoas vulnerábeis coñezan os seus dereitos básicos, as medidas que toman os concellos e outras administracións, e como acceder a todo isto, é fundamental para manter a súa vida diaria diante desta crise.
A curva de contaxios non deixa de subir, polo que aumentará o tempo de corentena e con el tamén aumentaran as nosas dificultades para cubrir necesidade básicas. É por iso que se necesitan medidas e políticas sociais para garantir unha vida digna. O pasado 16 de marzo demandabamos dos concellos un plan de choque social en cada concello, para atender as necesidades de maiores en soidade e pobres. Os concellos con máis ou menos medios e suceso, puxeron en marcha medidas para paliar a situación destes colectivos. Mais a dificultade está en primeiro lugar na difusión destas medidas para que chegue aos colectivos que necesitan acoller-se a elas, en segundo lugar como facer chegar as mesmas e por último se realmente poden satisfacer as necesidades básicas ou outras derivadas do confinamento e distanciamento social das persoas empobrecidas. Por poñer un exemplo, o móbil converteu-se nunha necesidade básica, e aínda que socialmente está moi estendido ate 90% da poboación, este necesita ter saldo suficiente para poder estar comunicado en igualdade de condicións. Por outra banda non todo o mundo ten computadores, nin internet na casa e hoxe en día por mor da suspensión das clases, estas fan-se a través das aulas virtuais, polo que moitos escolares quedan sen ese seguimento escolar e perdendo parte da súa escolarización que se pretende suplir con programas nas TVs, pero ademais de ser insuficientes, falta o seguimento do profesorado. Esta situación podería-se saber coa coordinación de titorías e centros por concellos, para saber o alumnado que necesita ese apoio escolar extraordinario.
Por outra banda son moitas as persoas que tendo ou non tendo unha pequena axuda ou subsidio, ao non poder acceder a un emprego, complementaba a súa economía con traballos non regulados nin declarados, limpeza de portais, empregada do fogar, coidados de maiores, pequenos traballos de pintura e outros amaños, recollida de chatarra e moblaxe ou outros obxectos, limpeza de rochos e casas, rozas e apaños en xardíns privados, ... toda unha economía somerxida que complementa as precariedades económicas de moitos fogares. É por iso polo que nos parece importante a demanda da concelleira de benestar social de Ferrol, Eva Martínez Montero, de solicitar á Xunta, a resolución urxente da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e a renovación durante ao menos seis meses de aqueles expedientes que foron suspendidos. Pensamos que se debería somar as solicitudes de pensións non contributivas (PNC) e outras axudas que dependen da xunta como Axudas de Inclusión Social (AIS) ou en materia vivenda.
Desde a Rede, apoiamos as xestións do Concello de Ferrol, para poder utilizar a hospedaría da Casa do Mar que o ISM ten na zona portuaria, mais que a súa parte residencial está cedida á Xunta de Galicia. Casa localizada na estrada Alta do Porto, onde estaba situado o antigo cargadeiro de mineral de Rodolfo Lama, que conta con vinte e dúas camas e outras dependencias. Isto ten-nos que facer pensar na cantidade de edificios de propiedade pública pechados en Ferrol, sen uso que se lle podería dar utilidade social, agardemos que despois desta crise se aborde esta situación ate chegar a unha solución que contemple a súa utilización para o ben común e necesidades sociais e culturais.
Agora ve-se a debilidade do movemento social e veciñal constituído, ao non ser capaz de dar respostas comunitarias e de apoio ás veciñas e veciños que o necesitan, sen nin tan sequera poder comunicar ao Concello, as necesidades básicas dos sectores sen recursos suficientes, do seu respectivo barrio, parroquia ou lugar. Pois agás o caso de Canido que respondeu ao noso corre-e, e que ten feito un traballo comunitario previo con outras entidades do barrio, para detectar as vulnerabilidades sociais e prestar-lles apoio ou ao menos pasar a información ao Concello, para que este actúe nos casos de necesidade. O resto das asociacións veciñais atenden só aos seus socios por teléfono, sen ter detectado as vulnerabilidades sociais con antelación, cousa que deixan en mans dos servizos sociais que sabemos das súas deficiencias, sen amosar maior interese polas dificultades que moitas familias e persoas que viven en soidade teñen.
Desde os movementos sociais reivindicamos unha medida xeral para quen non ten ingresos como é a Renda Básica de Corentena, agardemos que se teña en conta. Todas aquelas persoas que non poden cubrir as necesidades básicas, ou por outros motivos necesiten axuda, deben acudir aos servizos que os concellos dispuxeron.
As Unidades Básicas de Traballo Social, están pechadas, polo que se dispuxeron teléfonos de emerxencia nos diferentes concellos, son os teléfonos aos que hai que acudir, sexa por carecer de persoas que podan atender, para ir a farmacia ou comprar alimentos, ou sexa porque hai unha necesidade de recursos económicos, ou outras necesidades que se consideren, mesmo información sobre as medidas adoptadas ou onde dirixir-se. Ao mellor tardan en coller o teléfono, mais é importante insistir, seguro que están atendendo a outras persoas. No caso de non ter saldo pedir a calquera veciña ou veciño que deixe chamar. E o resto das persoas procurar preocupar-se por todas as persoas que viven na nosa contorna, para que a ninguén quede en soidade ou sen recursos.
CONCELLO DE FERROL.-
➤ Números de atención de Benestar Social: 981 944 234 e 981 944 230. Ambas dúas liñas
atenderanse desde o Edificio Social no horario habitual de apertura do
Concello, de 9 a 14 horas, para pór en contacto aos cidadáns coas áreas
de Maiores, Dependencia, Necesidades Básicas, Menores ou
Administracións, segundo corresponda. O Concello fai un chamamento ás persoas maiores para que chamen por teléfono ante
calquera necesidade, ofrece-se un servizo esencial a disposición das veciñas e veciños, en especial das persoas máis
vulnerábeis.
➤ “Se non podes, imos nós”, un novo servizo de axuda a quen non poida saír do seu domicilio para facer compras de alimentos o medicamentos durante o estado de alarma. Os teléfonos 981 320 000 e 698 126 700 recollerán chamadas de 10 a 18 horas de luns a venres e de 10 a 15 os sábados.
➤ Para as solicitudes de vales para alimentos, o Concello habilitou mecanismos para garantir que se sigan entregando alimentos a familias que xa os estaban a recibir antes da epidemia. En lugar dos voluntarios que se encargaban desa tarefa, optouse agora por canalizar esta axuda a través dos de Protección Civil. As solicitudes de vales faran-se a través dos números de teléfono de Benestar Social, 981 944 230 e 981 944 234.
➤ Horarios de Autobuses interurbanos mentres dure o Estado de Alarma. | Acceder/Baixar. | Máis info na web da empresa concesionaria. | Ir á Web |
CONCELLO DE NARÓN.-
➤ Na área de Servizos Sociais, todas as axudas de emerxencia se están canalizando a través dun novo sistema que permite axilizar os trámites, e en lugar de realizar achegas económicas as persoas ás que se lles concedan as axudas, disporán duns vales para cambiar en establecementos colaboradores, ofrecéndose no día de hoxe para colaborar Eroski-Familia e Froiz. O Concello habilitou a maiores un número de teléfono, o 647 622 245, que atenderá Protección Civil, e que a través dun equipo de voluntarias do citado Corpo atenderá ás persoas maiores, que estean soas ou enfermas e precisen algún tipo de axuda. O teléfono de Concello 981 337 700 e o correo-e: naron@naron.es. Para máis info dar-se de alta na conta de WhastApp, no número teléfono: 607 344 434. Tamén polo facebook. Decreto da Alcaldesa do 13 de marzo: Acceder/Baixar.
CONCELLO DE FENE.-
➤ O departamento de Servizos Sociais amplía a atención aos colectivos máis vulnerábeis por mor da crise sanitaria. A área municipal de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene acaba de publicar o seu protocolo de actuación para a atención domiciliaria tanto a persoas dependentes como a aqueloutras que se atopen nunha situación de vulnerabilidade incrementada pola crise sanitaria da COVID-19. O departamento xa informara hai uns días do dispositivo que ten en marcha en colaboración con Protección Civil para achegarlle alimentos, artigos básicos e medicamento a aquelas persoas que vivan soas e que non dispoñan de apoio familiar para cubrir esas necesidades. Agora dá un paso máis e impulsa novas medidas que teñen por obxectivo garantir unha atención que chegue a máis xente e con servizos ampliados. Se fose necesario mesmo se prescindirá dos procedementos administrativos correspondentes de cara a conseguir a axilidade e inmediatez asistencial que requiren as actuais circunstancias. Para obter máis información ou solicitar axuda débese contactar co departamento nos teléfonos 981 492 706, 981 342 607 ou 607 616 840. | Ir á Web.
CONCELLO DE NEDA.-
➤ Para atender as petición de axuda de persoas maiores, soas ou enfermas. Ante a situación de alerta sanitaria xerada polo coronavirus, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Neda ponse a disposición das persoas maiores, daquelas que están soas ou enfermas para que, en caso de precisar axuda, chamen ao número de teléfono 629 224 622. Bando do Alcalde do 13 de marzo. | A atención no departamento municipal de Servizos Sociais está limitada a casos urxentes con cita previa 981 38 00 39. | Web do Concello | Bando do Alcalde do 13 de marzo: Acceder/Baixar.
CONCELLO DE VALDOVIÑO.-
➤ O Concello vén de habilitar os números de teléfono 695 096 198 e 628 711 080 para atender as consultas e necesidades das veciñas e veciños maiores, daqueles persoas que viven soas e daquelas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade. Así, a través destas liñas telefónicas, o Concello tentará resolver as dúbidas que a veciñanza teña en relación ás medidas e restricións aprobadas para previr a expansión do COVID-19 (coronavirus). Ademais, e en coordinación coa Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, tentará dar resposta ás necesidades que xurdan no ámbito particular deste colectivo, como a entrega de medicamentos, produtos de primeira necesidade, desprazamentos a centros médicos… En todo caso, o Concello apela a un uso responsábel do servizo para garantir a súa eficacia en beneficio daqueles que máis o precisan. | Web do Concello. | Conta no twitter.
CONCELLO DE MUGARDOS.-
➤ No tempo de crise polo COVID19 a administración local antenderá vía telefónica ou a través das sedes electrónicas. Os servizos municipais básicos así como o servizo de axuda no fogar manteranse con normalidade.| Conta facebook. | Teléfono: 981 47 02 90.
CONCELLO DE ARES.-
➤ O Concello de Ares impulsará a axuda a persoas vulnerábeis para garantir a achega de alimentos, medicamentos e outros produtos de primeria necesidade durante a crise sanitaria do COVID 19. Aprobouse reforzar as axudas sociais destinadas a colectivos en situación de vulnerabilidade. As actuacións se engadirán ás que se ofrecen na actualidade a colectivos en situación de exclusión co reparto de alimentos da Cruz Vermella ou a maiores impedidos ou dependentes a través do servizo de axuda a domicilio. Canalizaran-se a través dos Servizos Sociais, coa entrega de artigos básicos e medicinas nos domicilios das persoas que non poidan realizar a súa compra directa, xa sexa por condicións médicas ou outras circunstancias que o impidan ou desaconsellen, tales como maiores enfermos ou con mobilidade reducida ou familias con fillos con problemas de conciliación sen rede social de apoio; así como outras persoas que poidan estar en situación xustificada de necesidade. Desde os Servizos Sociais municipais xa se iniciaron os contactos para ofrecer a axuda, ao tempo que se fai un chamamento para que todos aqueles que se atopen ante posibles situacións de emerxencia se dirixan ao Departamento de Servicios Sociais municipais, a través dos teléfonos 981448354 e 689242596. Coas valoracións dos seus equipos técnicos, o Concello facilitará a axuda pertinente para cada caso. | Web do Concello. | Conta de facebook. | Conta de twitter.
CONCELLO DE CABANAS.-
➤ O Cocello de Cabanas activa
un plan durante o tempo que dure o estado de alarma para achegar
medicinas ou alimentos de primeira necesidade destinado ás persoas que
teñan dificultades de movemento, especialmente maiores que vivan soas. Información nos teléfonos 674 258 970 (Servizos Sociais, horario de 9 a 14h) ou no 687 048 928 (Protección Civil). | Web do Concello. | Conta no facebook. | Conta no twitter.
CONCELLO DE SAN SADURNIÑO.-
➤ O Concello de San Sadurniño en canto á atención á veciñanza neses servizos esenciais, a resolución da alcaldía confirma que a atención presencial estará motivada unicamente por razóns e urxencia e sempre será obrigatorio chamar antes ao Concello 981 490 027 ou mandar un correo a correo@sansadurnino.gal para que o persoal municipal valore obxectivamente a petición e, de ser o caso, dea cita previa para facer o trámite do que se trate. | Bando Municipal: Ir á Web. Conta facebook.
CONCELLO DE MOECHE.-
➤ Facemo-nos eco desta nota do Concello de Moeche que dá a medida do compromiso e solidariedade da xente do común, nun peueno concello como é o de Moeche, onde os recursos municipais son escasos: "AGRADECEMENTOS
Desde o Concello queremos facer público o noso agradecemento aos veciños e ás veciñas que se puxeron en contacto con membros do Goberno municipal ou co Concello para prestar a súa colaboración con material ou traballo persoal, a quen ofreceu unha vivenda, a quen ofreceu sulfatadoras para os labores de desinfección, ás moitas persoas que se puxeron a disposición do Concello para axudar no servizo de facer a compra ás persoas maiores e soas e a quen hoxe, coñecedor de que estamos agardando polos traxes para a desinfección, trasladou a súa colaboración nestas tarefas de desinfección cun equipo de protección propio. Isto permitiranos adiantar as labores de desinfección mentres agardamos polo material solicitado á Consellería de Sanidade.
Mañá domingo 22 darase comezo coa limpeza desinfectante nalgunhas das zonas de maior afluencia de público. Grazas pola vosa solidariedade". | Conta no facebook. | Conta de twitter. | Web do Concello. Télefono de atención para casos urxentes: 981 404 006 , tamén en correo@moeche.gal. Pada dar-se de alta na conta de telegram do Concello, baixar o telegram ao móbil e logo poñer no buscador: @moecheconcello, dar-lle a entrar e xa está.
---
➤ COVID-19 e Servizos Sociais
O Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 elaborou un Documento técnico de recomendacións de actuación desde os Servizos Sociais de Atención Domiciliaria ante a crise por Covid-19. | Acceder/Baixar.
#PlanDeChoqueSocial
#FicoNaCasaMaisConRendaBasica
--
Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra - Stop Desafiuzamentos
→ Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
→ Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
→ No facebook
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra
Todos os luns (menos festivos), vemo-nos en Caranza (Ferrol), entre as 5 e 7 da tarde, no local da Fuco Buxán A.C. (Local Social Tino Deibe, na Rúa Armada Española, 32 Baixo). | Se queres participar achega-te! | POLO DE AGORA MENTRES DURE O TEMPO DE CONFINAMENTO, POR MOR DO ESTADO DE ALARMA, NON HAI XUNTANZAS PRESENCIAIS. | Teléfono para asuntos urxentes: 645158113
_______ _______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon