O vindeiro venres, 13 de marzo, AGAMME organiza a segunda parte das súas VII Xornadas, baixo o título “Ludopatía en infancia e adolescencia”. Terá lugar no Ateneo Ferrolán, a partir das 18:00 h.
O evento comezará cun relatorio a cargo de Antonio Rial Boubeta, profesor de psicoloxía da USC, experto en adiccións na infancia e na adolescencia. A continuación, darase paso a unha mesa redonda na que participarán representantes dos partidos políticos. Finalizará cunha quenda aberta para que o público presente poida trasladar preguntas e propostas. Contaremos coa presenza de (por orde alfabética):
➤ Prado, polo Partido Popular.
➤ Rodil, polo Bloque Nacionalista Galego.
➤ Solla, pola coalición Galicia en Común.
➤ Torrado, polo Partido Socialista.
➤ Representante de En marea, (pendente de confirmación).
Lembramos que o aumento alarmante do número de locais de xogo e apostas en territorio galego e o seu impacto na poboación máis nova, así como a existencia de plataformas dixitais de apostas deportivas e outros tipos de xogo on line, están causando gran preocupación na cidadanía. Nos últimos meses creáronse en Galiza diversos colectivos que se opoñen á proliferación de salóns de xogo e máquinas de apostas en puntos próximos a centros educativos, bibliotecas, etc.
Por outra banda, numerosos xogos electrónicos, que non presentan a primeira vista formato de xogo de azar ou de apostas, están supoñendo a vía de entrada neste universo de moitos rapaces e rapazas, cada vez de menor idade. Esta modalidade de xogo presenta dificultades específicas de regulación polo seu carácter electrónico e deslocalizado.
Durante o ano pasado estivo a trámite unha nova lei do xogo que modificaría a do ano 1985. Sen embargo, o texto recibiu fortes críticas por supoñer unha regulación frouxa do negocio do xogo en Galiza, favorecendo así ás empresas e non priorizando a protección da cidadanía e en especial os nenos, nenas e adolescentes como colectivo especialmente vulnerable.
http://www.agamme.org/
FACEBOOK | TWITTER
Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
8 de março de 2020 19:50
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon