domingo, marzo 08, 2020

8M: Ecofeminismo, a muller e o territorio, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
08.03.2020

No seu imaxinario, as mulleres teñen medo, moito máis cós homes, a tomar o seu poder. Apropiándose del, provocarían, como Prometeo, a vinganza dos deuses míticos e arcaicos que persisten en cada un de nós, deses deuses do que o máis arrepiante é a figura materna”. Di Micheline Colin. Por que precisamente a figura materna? Pergúntase Xosé Chao Rego nese maravilloso livro: 'O sexo, a muller e o crego'. Sen dúvida pola súa capacidade de xerar. Diante desta carencia fundamental, o home deféndese co seu poder sobre o mundo exterior e preñando de tabú todo o que se refire á maternidade. A partir do Neolítico as mulleres adquiriran unha relevancia social como propietarias da terra asociándose así fertilidade da terra e fecundidade da muller. Por sorte, o descubrimento serodio da paternidade permitiu un longo periodo no que as mulleres tiñan o poder sobre a reprodución e onde a herdanza era matrilineal. Segundo a vella lei céltica irlandesa, as mulleres tiñan o privilexio de posuir a terra e con ela, a obriga de a defender. Eran mulleres guerreiras cuia lembranza podemos pescudar nas deusas da soberanía; territoriais ou deusas virxes. Entendendo por virxe, muller livre e con poder de dispor do seu corpo o mesmo que da súa terra. Non a virxindade como representación masculina da muller no seu papel de nai sumetida ao poder dos homes. Porque a muller pagá difrutava dunha liberdade vedada á das relixións monoteístas como a cristiá. As mulleres guerreiras eran tamén as iniciadoras sexuais dos homes e a guerra era a luita pola defensa do seu territorio e da supervivencia da familia ou clan. Eran tempos de nomes matronímicos e de mulleres druidesas. Enorme liberdade comparada coa dos mosteiros de monxes e monxas arredados uns dos outros no mundo cristián, cando a sexualidade e a soberanía da muller sobre o seu corpo e territorio devalaran. Xa pasaran os tempos dos mosteiros dúplices da Galiza na Alta Idade Media, tralo fracaso do priscilianismo contra o patriarcado imposto por Roma. A castidade centrada na relación sexual  e o celibato fixeron do cristianismo o aparato represor da sociedade occidental. Nacía a dobre moral simbolizada en Eva nai e costela de Adán e Lillith a muller livre que muda en demo promiscuo e perigoso da noite roubando naipelos. O século XII inaugurarase coa proibición dos mosteiros dúplices por Bula Papal. O crecemento das cidades empoderou a Igrexa que de feminina só tiña o nome,  co que a institución da misoxinia ficou como a principal propietaria do solo urbano. Xa non havería máis abadesas nen mosteiros laicos. Malia que xa daquela o poder das mulleres nos mosteiros patrimoniais non foran quen dunha sororidade que crevara coas diferenzas de clase social, pois as señoras nobres recollíanse neles coas súas servidoras sen mudar a xerarquía para se facer irmás. Febleza da sororidade cando bate coa diferenza de clase social. Idéntica á da fraternidade ao bater coa propriedade.

Porén, o poder das mulleres ainda se espellava na época isabelina cando a mariña británica tivo que recoñecer a soberanía da pirata irlandesa Grainne ni Malley nos mares da Irlanda.

Mais o empoderamento das mulleres realmente interesante non foi individual senón colectivo e desde abaixo. A dizer de Silvia Federici no clásico Calibán e a bruxa, na loita antifeudal atopamos o primeiro indicador da existencia dun movemento de base de mulleres oposto á orde estabrecida que contribuiu ao artellamento de modelos alternativos da vida comunal na historia europea. Tambén os primeiros intentos organizados de desafiar as normas sexuais dominantes e establecer relacións máis igualitarias entre mulleres e homes. A persecución e queima das bruxas durante tres séculos fundou a contrarrevolución capitalista na que nos atopamos.

Hoxe a servidume non é da gleba a un señor feudal senón a unhas multinacionais amas do planeta. As grandes empresas do Capital son os terratenentes que someten á cidadanía livre arruinada polo espallamento do traballo escravo que procura proteción neses señores do Mercado Global.

Os traballos de produción (chamados empregos) seguen convintemente arredados dos traballos de reprodución e coidados que non entran no PIB e que seguen reservados maioritariamente ás mulleres.

A luita feminista deste século ha ter como prioridade derrubar dúas muradelas:

1/ A que arreda produción e reprodución poñendo a vida no centro da sociedade.

2/ A reapropiación das comunidades dos seus territorios expropiados polo Estado e polas empresas transnacionais.

O empoderamento das mulleres dentro do sistema de valores dominante, eis o feminismo da igualdade, só resolverá parte da problemática. Crebar o teito de cristal para exercer un poder fálico a remedar ao deus dos mil testículos coa súa omnipotencia máxica narcisista non deve ser o obxectivo do feminismo.

A distribución do traballo con criterios de equidade e de xénero recuperando as redes comunitarias e a resiliencia así como relocalizar a produción eliminando as actividades e consumos innecesarios terá de ser a nosa política de solidariedade coas mulleres do sul.

O ecofeminismo reclama esas dúas dévedas: a de Coidados co Sul (coas mulleres inmigrantes que traballan naqueles traballos femininos das mulleres emancipadas do norde) e a déveda ecolóxica (co expolio dos recursos do planeta) e a destrución dos territorios.

Mais isto clama por algo máis que pequenas mudanzas ou por mudar micromachismos. Clama por un cambio radical no sistema de valores e nas relacións interpersoais no tocante a dominio-sumisión, nas relacións de produción e no sistema de clases. Eis, unha revolución que organice a sociedade en torno aos coidados e non ao lucro duns poucos. E esta revolución implica derrubar os valores nos que se fundamenta a violencia xeráquica na familia e na escola como institucións fundamentais de socialización. Aí ten de estar a pedagoxía feminista do século XXI.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.


Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
6 de março de 2020 22:38
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon