PRIMEIRO DE MAIO PARA A REFLEXIÓN
A crise do coronavirus veu remover os cimentos do sistema. Veu cuestionalos e, a estas alturas, deberiamos celebrar este primeiro de maio cun exercicio de reflexión, non só sobre o mundo do traballo, como a data require, senón tamén sobre o modelo de sociedade que compartimos ata hoxe, e o que queremos para o futuro. Os sindicatos non naceron só para mellorar as condicións laborais e salariais da clase traballadora, naceron tamén para mellorar as condicións de vida da sociedade na que se insiren.
A reflexión sobre a cuestión laboral propiamente, obrigada e habitual na celebración do primeiro de maio, pasa nestes momentos por cuestións esenciais, pero non novas para CCOO: seguridade e prevención de riscos laborais, defensa dos servizos públicos de calidade, dignificación do traballo das persoas que exercen as funcións básicas: sanidade, educación, seguridade, limpeza, abastecemento, transporte, coidados de maiores e dependentes, etc. CCOO debe apostar como fixo sempre por estas prioridades. Nesta situación de urxencia revélanse como traballadoras e traballadores esenciais, persoas con contratos e salarios precarios. Persoas que agora están en primeira liña e ás que pedimos que nos saquen deste pesadelo. Agora que vemos ás coidadoras das nosas nais, pais e avós traballando en precario e con salarios de pobreza, ten máis sentido que nunca a frase “O contrario da pobreza é a xustiza”.
A reflexión, neste caso obrigada polas circunstancias, a cerca do sistema económico e social en que vivimos ata hoxe, pasa por analizar a fraxilidade dese modelo que, criamos asentado nunha globalización que hoxe é parte do problema e non parte da solución.
Desde CCOO apostamos desde sempre por un sistema onde os servizos públicos vertebren o benestar social. Ademais, nestes días, moitas persoas comparten un dos nosos eixes de actuación; ese que se basea en que só a unidade, a solidariedade e a cooperación fan avanzar a sociedade. A grandes males, grandes remedios, di a sabedoría popular, a historia demostra que a solución aos grandes problemas faise sempre de xeito colectivo. O que, de tanto repetirse, tomábase como unha consigna oca, é hoxe o mellor valor que podemos transmitir ás nosas fillas e fillos.
Feliz 1º de maio
Vivan as CCOO
Santiago Eloy Díaz Gómez
Secretario da Unión comarcal de CCOO Ferrol.
Primeiro de Maio de 2020 - Traballo e servizos públicos: outro modelo social e económico é necesario
Celebramos o 1.º de Maio, Día Internacional do Traballo, en pleno confinamento motivado polo COVID-19, virus que percorre o mundo e que se manifestou con especial incidencia no noso país. Todo se ve afectado pola extensión da pandemia; miles de persoas faleceron, o noso tecido produtivo quedou gravemente danado, millóns de postos de traballo están en perigo e centos de miles de persoas atópanse sen recursos fronte á crise.
O 1.º de Maio, xornada de solidariedade internacionalista
O COVID-19 está afectando a todo o mundo, aínda que o faga con diferente intensidade, e en todo o mundo se puxo de manifesto a fraxilidade e inxustiza do modelo social e económico imperante. O 1.º de Maio é a mellor ocasión para reivindicar unha nova orde mundial máis xusta e solidaria que sitúe as persoas e o seu benestar por diante dos intereses económicos duns poucos. É tamén a ocasión de recordar a memoria dos e das sindicalistas que son perseguidos, despedidos, ameazados ou asasinados en calquera lugar da Terra por defenderen ese mundo máis xusto, onde a repartición da riqueza, o valor do traballo e a liberdade sindical van da man.
Enfrontar a crise desde as institucións europeas
Europa debe ter o protagonismo que ata agora non deu asumido. A crise é de tal magnitude que está poñendo en dúbida os alicerces do logro máis importante do noso continente: a Unión Europea.
As institucións europeas deben aceptar que as políticas de austeridade que impuxeron na pasada crise debilitaron os mecanismos de protección social e laboral nos que se está cebando a pandemia, e renunciar a elas definitivamente para enfrontar a crise de forma verdadeiramente solidaria.
Ata agora, malamente se alcanzou un acordo para liberar unha primeira partida de medio billón de euros destinados a afrontar os efectos máis perniciosos da crise. Pero cómpre máis decisión e vontade política. Necesitamos unha verdadeira ferramenta unitaria de investimento en Europa e unha iniciativa fiscal coordinada. Nesta conxuntura urxe impulsar a capacidade para emitir débeda común que axude a financiar un gran plan de choque europeo contra a crise e pola reconstrución económica. Os sindicatos españois, xunto coa Confederación Europea de Sindicatos, traballamos nesa dirección, porque non está en xogo unicamente a recuperación das economías nacionais: está en xogo o futuro da Unión Europea.
Unha vía diferente. Enfrontar a crise no noso país
Desde o primeiro momento, as organizacións sindicais presentamos propostas para evitar que a crise destrúa emprego e deixe na pobreza máis absoluta amplas capas da nosa cidadanía: a promoción e primacía dos mecanismos de axuste temporal, as suspensións e reducións de xornada —a través do mecanismo dos ERTE—; as prestacións por desemprego a contador cero para todas as persoas afectadas, tivesen ou non adquirido o dereito a elas; as axudas e subsidios extraordinarios, etc., son, en gran parte, o resultado da esixencia sindical no marco do diálogo social. Son instrumentos aínda insuficientes, pero que sitúan a resposta á crise nunha vía diferente, centrada na atención aos problemas das persoas e nunha nova forma de percibir as necesidades deste país.
Queda moito por facer
Agora, é necesario prorrogar os mecanismos de axuste temporal do emprego, deseñados para o estado de alarma, o tempo que sexa preciso para soster o noso tecido produtivo e a supervivencia digna das persoas traballadoras. É imprescindible cubrir as necesidades daquelas que carecen de calquera tipo de prestación. Con esta finalidade, o movemento sindical esixe a regulación urxente dun ingreso mínimo vital, como xa fixemos na lexislatura anterior promovendo unha iniciativa lexislativa popular. E debe garantirse que a recuperación da actividade económica se leva a cabo sen poñer en risco a saúde dos traballadores e as traballadoras.
Pero hai que ir máis alá e determinar as liñas dun novo modelo produtivo e social que sempre reivindicamos e que a crise do coronavirus demostra que é inadiable. Máis e mellores servizos públicos: sanidade, atención ás persoas maiores e ás dependentes, educación, etc. Intervención pública nos sectores estratéxicos (enerxía, subministracións, servizos financeiros, industria) que garanta, asemade, a resposta ante situacións críticas e unha maior eficiencia e menor dependencia dun mercado que se articula baixo o principio do máximo beneficio e que carece de sensibilidade ante os problemas das persoas. Investimento en ciencia, tecnoloxía e innovación, que oriente a recuperación cara a un modelo de desenvolvemento económico xusto e ambientalmente sostible.
Para todo iso é necesario un gran pacto. Un pacto ao que as organizacións sindicais estamos, sen dúbida, dispostas, pero que para que teña éxito debe contar co compromiso do conxunto de forzas políticas. Estamos nun momento transcendental na historia do noso país. Todas as forzas políticas, económicas e sociais deben actuar unidas se se quere estar á altura das circunstancias.
Un 1.º de Maio dedicado ás persoas traballadoras que están en primeira liña
As persoas que, a pesar do risco de contaxio e dos deficientes medios de protección, están salvando vidas, axudando as persoas maiores, dependentes e con discapacidade, as que garanten o funcionamento dos servizos esenciais que require a nosa economía son as verdadeiras protagonistas desta crise. Tamén o son aquelas que teletraballan e as que se reincorporaron á actividade, as que perderon o emprego ou non o tiñan e lles vai ser máis difícil atopalo. Todas elas son un exemplo para este país e non debemos esquecelo cando isto pase. Para lembralo hoxe e sempre, neste Primeiro de Maio o movemento sindical réndelles homenaxe.
As nosas reivindicacións neste 1.º de Maio
Como organizacións internacionalistas e solidarias, somos conscientes de que só unha resposta global pode ser a solución a unha crise global. A solidariedade e a colaboración sindical internacional teñen neste momento, neste Día Internacional, máis importancia ca nunca. Conscientes de que este é un 1.º de Maio especial, atrapados polo coronavirus e o confinamento, sen manifestacións nas rúas e sen actos públicos, faremos da mobilización das ideas en centros de traballo, medios de comunicación e redes sociais a nosa principal manifestación:
1. Reivindicamos un novo modelo económico e social que teña como prioridade os dereitos e o benestar das persoas.
2. Reivindicamos o traballo como principal factor de cohesión social, exemplificado neste tempo polas traballadoras e traballadores dos sectores esenciais e dos servizos públicos, de maneira singular por todo o persoal sanitario.
3. Reivindicamos condicións de traballo dignas e salarios suficientes, e denunciamos as reformas que se fixeron para desvalorizar e precarizar o emprego.
4. Reivindicamos o papel da muller traballadora nunha sociedade máis igualitaria e xusta. Moitos dos sectores laborais que hoxe están salvando vidas, facilitándonos a provisión de alimentos ou evitando que se estenda a pandemia son sectores feminizados, nos que moitas destas traballadoras non chegan nin a mileuristas.
5. Reivindicamos, hoxe con máis forza se cabe, unha Unión Europea máis social e politicamente máis unida e máis solidaria.
6. Reivindicamos algo que de sempre consideramos un piar esencial do estado de benestar: os servizos públicos, que sufriron os recortes durante a xestión neoliberal da crise de 2008 e cos que algúns poderes autonómicos se asañaron e que deben ser considerados un ben social agora e sempre.
7. Reivindicamos, ante o drama humano, social e económico que está causando o coronavirus, que as políticas públicas (e tamén privadas) atendan sobre todo as persoas e sectores máis vulnerables. Neste sentido, hai que poñer en marcha canto antes un ingreso mínimo vital.
8. Reivindicamos un pacto de Estado para combater o COVID-19 e reconstruír a estrutura económica e produtiva do noso país, garantindo que non deixamos a ninguén atrás. Sindicatos e organizacións empresariais estamos chamados a desempeñar un papel determinante neste proceso.
9. Reivindicamos o pulo de políticas sectoriais a curto prazo nos sectores que máis van sufrir a caída de actividade, así como a recuperación dunha base industrial para o noso país que garanta o aprovisionamento de bens básicos. Tamén o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación, que no ámbito sanitario, pero non só nel, vólvense demostrar imprescindibles para un país.
10. Reivindicamos unha estratexia económica e social de desescalada e saída da crise acompañada dun cambio de modelo produtivo, respectuoso co medio ambiente e asentado no emprego estable e con dereitos.
Viva o 1.º de Maio!
Vivan as traballadoras e os traballadores de todo o mundo!
SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/
Unión Xeral de Traballadores - UGT - Galicia
https://www.ugtgalicia.org/
Yolanda Quintía Salido
Área de Administración
Unión Comarcal de CC.OO. de Ferrol
rúa María, 42-44 baixo // 15402 // Ferrol
Tfno: 981 369300 RPV 71314
Fax : 981 350353 RPV: 71104
ucferrol@galicia.ccoo.es
yquintia-ferrol@galicia.ccoo.es
Info baseada na enviada por:
YOLANDA QUINTIA SALIDO
-yquintia-ferrol@galicia.ccoo.es-
30 de abril de 2020 11:57
_______
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon