Amosando publicacións coa etiqueta UGT. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta UGT. Amosar todas as publicacións

luns, maio 30, 2022

Contra a represión, solidariedade obreira - As centrais sindicais chaman a apoiar o indulto para Pintos - CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación en Ferrol o 31 de maio, ás 8 datarde, dende a Praza Amada Garcia (diante do edificio da Xunta) - Vídeo


MANIFESTACIÓN EN FERROL, EN SOLIDARIEDADE CON SUSO PINTOS, MARTES 31 DE MAIO, ÁS 8 DA TARDE, NA PRAZA AMADA GARCIA, DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA

Contra a represión, solidariedade obreira. As centrais sindicais chaman a apoiar o indulto para Pintos CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación o 31 de maio, ás 20h, dende o edificio da Xunta en Ferrol Ferrol indulto lei mordaza loita obreira persecución sindical represión Xesús Anxo López Pintos.

Ante a represión, unidade. Esa é a consigna que os responsábeis comarcais de CIG, CCOO, UGT e CGT de Ferrol lanzaron este luns para demandar o apoio de toda a clase traballadora á solicitude de indulto para o compañeiro Xesús Anxo López Pintos. Os catro representantes sindicais animaron tamén a participar na manifestación que o 31 de maio sairá ás 20 horas do edificio da Xunta en demanda de xustiza para Pintos, evitar a súa entrada no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical.

Manuel Anxo Grandal (secretario comarcal da CIG-Ferrol), José Hurtado (secretario comarcal da CCOO en Ferrol), Jorge Ulla (da xestora de UGT de Ferrol) e Xaquín García (secretario da sección sindical da CGT en Navantia Ferrol) coincidiron en criticar a desmesura actuación da que foi vítima Pintos, tanto no relativo á súa detención como ao proceso xudicial posterior, valéndose da aplicación máis humillante da chamada lei mordaza, que a día de hoxe segue vixente.

"Unha vez máis temos que denunciar que se converteu a vítima en verdugo", aseverou Grandal, quen sostén que estamos ante unha "actuación teledirixida cun obxectivo claro para o Goberno naquel momento". Lembrou que na altura de outubro de 2012 había unha enorme conflitividade derivada das políticas austericidas e dos recortes de dereitos e liberdades e "esta foi unha das maneiras de exemplificar como ir contra a loita dos traballadores e das traballadoras". Porén, afirmou, "a represión non vai parar a loita obreira e menos aínda nesta comarca onde temos unha longa historia de represión".

O responsábel da CIG de Ferrol pediu solidariedade e que a cidadanía se mobilice para evitar que o compañeiro Pintos poida entrar na cadea. Unha posibilidade que cualificou de "inxusta e surrealista" e contra da que, adiantou, "chegaremos a todas as instancias que sexa necesario".

Aclarou Grandal que, tras emitirse a resolución do Tribunal Supremo que ratifica a condena da Audiencia Provincial, presentáronse as alegacións correspondentes para evitar que Pintos poida entrar no cárcere, pois aínda que foi condenado por un delito de atentado á autoridade a unha pena de seis meses de prisión, a situación do ex secretario da CIG de Ferrol agrávase porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos.

Solicitude de reunión coa ministra de Xustiza

Sobre a campaña polo indulto, explicou que a recollida de sinaturas se fará tanto nos locais sindicais, onde se poden recoller os pregos, como nos centros de traballo e tamén está prevista a colocación puntual de mesas nas rúas. Ademais, como o indulto "é unha decisión política que ten que decretar o Consello de Ministros e Ministras", as centrais sindicais van pedir unha reunión co delegado do Goberno en Galiza e audiencia coa ministra de Xustiza porque "se algún indulto se debe conceder e é de xustiza, é o de Pintos". Ademais, levaranse mocións de apoio aos plenos municipais dos concellos da comarca.

Intento de coartar a mobilización social

Pola súa anda, José Hurtado valorou que a sentenza de Pintos constitúe un ataque ao mundo sindical e un intento de coartar a resposta sindical, fronte á que chamou á unidade e á solidariedade de clase. Na mesma liña Jorge Ulla cualificou esta sentenza de "condena a todos os traballadores e traballadoras", rememorou a situación de crise na que se fixo a mobilización de outubro de 2012 e enmarcou o proceso de Pintos no contexto das "receitas de recortes" do Goberno de Mariano Rajoy. Para Xaquín García esta campaña a prol do indulto debe servir ademais como recordatorio "do que supuxo o Goberno do PP de ataque aos dereitos laborais e democráticos, que ten o máximo expoñente na lei mordaza".

NOVA RELACIONADA: Arrinca a campaña de recollida de sinaturas en apoio ao indulto de Pintos: Asina.

Ultima hora:

"A suspensión da pena é un paso importante pero cómpre que se faga xustiza co compañeiro Pintos" - As centrais manteñen a campaña polo indulto e a manifestación do 31 de maio en Ferrol | 25 de maio de 2022. | Ir á nova.


Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
26 de maio de 2022 10:53

_______

venres, abril 29, 2022

CCOO e UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade, para que a clase obreira 'non pague os pratos rotos» desta crise'


UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade

UGT e CCOO convocan manifestacións en toda Galicia, en Ferrol partirá desde o Inferniño ás 12 do mediodía.

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto á secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, presentaron hoxe en Santiago en rolda de prensa o 1º de Maio que este ano vaise celebrar baixo o lema “A solución: subir salarios, conter prezos e máis igualdade”.

Segundo Amelia Pérez, "reivindicamos que o centro das políticas deste país siga sendo o factor traballo, porque é o verdadeiro elemento transformador da sociedade". Neste sentido, as políticas que se adoptan na materia "son o que ao final mellora a vida das persoas", apuntou a dirixente sindical.

José Antonio Gómez, destacou que "este 1º de Maio vai ser unha data para a celebración, orgullo polo conseguido froito da concertación e diálogo social, para defender e esixir que o conseguido se cumpra pero tamén para poñer enriba da mesa vellas reivindicacións non acadadas e novas demandas".

O Secretario Xeral de UGT-Galicia, fixo fincapé en que "a celebración deste 1º de Maio no pode escapar ó contexto, abafado pola guerra en Ucraína que está a levar a unha situación de crise económica a nivel mundial pero tamén ao sufrimento inxusto do pobo ucraíno e de moitos cidadáns rusos que están a ser perseguidos polo súa postura en contra desta inxusta guerra". Neste senso, manifestou a solidariedade do Sindicato con todos eles e con "moitos outros pobos onde celebrar esta data e mesmo facer sindicalismo no día a día é causa de represión e persecución".

A secretaria xeral de CCOO reiterou o apoio dos sindicatos de clase ao pobo ucraíno, rexeitando tanto a invasión rusa como a represión por parte do Goberno de Putin contra os manifestantes que piden a paz; tamén ao pobo saharauí, criticando o cambio de postura do Goberno de España, "que non compartimos".

Amelia Pérez, amosou a súa preocupación polo avance da extrema dereita no Estado español e en Europa: "Estase banalizando e normalizando de xeito alarmante", e puxo como exemplo a recente entrada de Vox no Goberno autonómico de Castela e León.

A secretaria xeral de CCOO defendeu a importancia de subir os salarios, debate que ten lugar cunha guerra en Ucraína e cun aumento aínda maior da inflación, que xa viña subindo nos últimos meses. "Estase falando dun pacto de rendas, que ten que ser como asumamos entre todos e todas, e non só a clase obreira, o custo da crise que se está producindo", advertiu.

José Antonio Gómez, destacou "a bagaxe positiva coa se concorre a esta edición do 1º de Maio, cos acordos en materia de pensións, o SMI, teletraballo, ERTE`s ou reforma laboral, froito todos eles do diálogo social e dunha ardua tarefa de negociación e concertación. E, precisamente, isto debe animar ós galegos e galegas a saír ás rúas para defender o conseguido".

"Pero a cara negativa deste 1º de Maio é unha conxuntura económica marcada por un IPC na contorna do 10% que se non vai acompañado dunha suba de salarios e non se garante a suba das pensións, como algúns xa están a suxerir, conducirá ó empobrecemento das familias deste país".

Finalmente, Amelia Pérez, reclamou máis igualdade, "porque iso significa máis xustiza social". Neste sentido apelou a "aproveitar os plans de igualdade e as novas normas en materia de igualdade que se aprobaron nos últimos anos para reducir os desequilibrios que se rexistran nas empresas".

O Secretario Xeral de UGT-Galicia, manifestou que "a postura da CEOE, en relación ó AENC, ten que mudar. Ten que apostar por garantir cláusulas de revisión salarial que aseguren o mantemento do poder adquisitivo das familias. O contrario vai supoñer o conflito e o país, na conxuntura actual, require de pacto e negociación. Pero a cerrazón da patronal pode conducir ó contrario porque non se pode consentir que sexan os traballadores, cos seus salarios, os que paguen as consecuencias. Xa hai a día de hoxe sectores, como o do telemarketing ou o do alimentación e comercio da provincia da Coruña que xa están nunha situación de conflito aberto ata que non se lles garanta ós seus traballadores e traballadoras o mantemento do poder de compra".

José Antonio Gómez, recoñeceu que tanto o Goberno central como o da Xunta adoptaron medidas para paliar a situación, "medidas que UGT saúda pero que considera insuficientes. Urxe un maior soporte para os máis vulnerables. Hai en España 9.500.0000 persoas con salarios de 1.000 euros ou menos, desempregados, perceptores de pensións non contributivas ou con complementos a mínimos. Cifra que en Galicia sitúase nas 500.000 persoas, que, de seguro, teñen serias dificultades para chegar a fin de mes. Por iso, urxe habilitar outro tipo de achegas para os máis vulnerables".

Na súa intervención, o Secretario Xeral da UGT-Galicia, tamén rexeitou a receita, para combater esta crise, das rebaixas fiscais que, "de seguro traerían consecuencias negativas no eido internacional e traerían consigo consecuencias moi negativas no eido do investimento público".

A secretaria xeral de CCOO envioulle unha mensaxe ao Partido Popular e á Xunta, advertíndolles aos seus dirixentes que "Galicia non pode pagar as consecuencias desta longa interinidade". A situación actual "esixe tomar medidas e as familias non poden agardar aos tempos dos partidos políticos. A Xunta ten que traballar xa", afirmou Amelia Pérez.

Finalmente, José Antonio Gómez, explicou que neste 1º de Maio vanse levar ás rúas unha serie de reivindicacións como a suba do SMI a finais de ano para que este se sitúe no 60% do salario medio do país; seguir avanzando en materia de igualdade; poñer en marcha un plan de loita contra a lacra da sinistralidade laboral; as 32 horas semanais; unha transición ecolóxica xusta; e a reforma dun ET para o século XXI.

Santiago, 26 de abril de 2022

✔ Manifesto 1º de Maio conxunto de UGT e CCOO de Galicia. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto 1º de Maio do S.N. de CCOO de Galicia. | Acceder/Baixar.


UGT Galicia
https://www.ugtgalicia.org/


S.N. de CCOO de Galicia
https://www.ccoo.gal/
_______

martes, xuño 22, 2021

Que non nos rouben o noso Futuro !! - Mobilización Comarcal o domingo 27 de Xuño - Marchas desde as dúas ribeiras d'As Pias, ás 11:30hs - Temos que reaxir - Convocan: CIG, CCOO e UGT


TEMOS QUE REAXIR.

Levamos moito tempo demandando solucións e futuro para nosas comarcas, mobilizando-nos, cunha folga comarcal o pasado día 10 de marzo, mais a realidade é que por parte das administracións non atopamos resposta

Ferrolterra Eume e Ortegal estamos a sufrir unha situación sen parangón noutras zonas do Estado. A maior perda de poboación, a media de idade máis alta e a menor taxa de natalidade. Clara consecuencia da perda continua de postos de traballo e falta de oportunidades.

Unhas comarcas onde o paro incrementouse durante o ano 2020 ao 19%, catro puntos por riba da media galega, sobre todo na Industria. Cifra que medrou un 40% nos menores de 30 anos e onde o 78% son parados de longa duración.

Así, atopámonos con que a taxa de pobreza medra por riba da media e o madre de familias con dependencia das axudas sociais é cada vez maior.

O naval sen carga de traballo, e inminente peche de ENDESA, Noa, Gamesa, a riada de ERTES e ERES, etc, que estamos a padecer e que se aveciñan, están a agravar unha situación que, de non poñerlle freo, vai camiño de converterse en irreversíbel.

E ante esta, atopámonos unhas administracións que, ao igual que en tempos pasados, no canto de artellar solucións adícanse a botarse as culpas uns ao outros, tratando de quitar rédito político da nosa miseria.

Non eran capaces de concretarnos un só proxecto para as nosas comarcas, todo futuríbeis, a longo prazo e dependentes de decisións alleas. Ese é o resumo de todas as xuntanzas que tivemos. Isto é gobernar? Pódese-lle chamar a esta responsabilidade política e institucional en Ferrolterra? Dende hai máis de seis meses vimos reclamando a constitución dunha mesa con representación de todas as institucións e aínda non foron quen de acordala, a cal dá a medida do interese que amosan.

Por todo isto temos que obrigalos a que entendan que existimos, que temos dereito a un futuro, a compartir a vida coas nosas familias, cos nosos veciños e veciñas, aquí, onde queremos seguir vivindo.

O 27 DE XUÑO
FAGÁMONOS OUVIR !!
ENCHAMOS A PONTE DAS PÍAS !!!


Domingo 27 de xuño, ás 11:30 hs, sairán dúas marchas simultáneas unha desde San Valentín (Estrada de Astano) e a outra desde O Montón (Antiga Gasolineira).

#SOSFerrolterra

Convocan: CIG, CCOO e UGT
_______

mércores, xuño 09, 2021

Por unha Transición Xusta - Manifestación este xoves 10 de Xuño, ás 19:30 hs, con saída desde a Casa do Concello d'As Pontes.


Mobilización n'As Pontes por unha Transición Enerxética Xusta

Manifestación este xoves 10 de Xuño, ás 19:30 hs, con saída desde a Casa do Concello d'As Pontes.


Chamado á cidadanía para que se sume a esta defensa no noso futuro, e polo que é xusto!!

NA DEFENSA DO EMPREGO, POLO FUTURO DAS PONTES

Logo duns dous anos de mobilizacións, nas que conseguimos garantía de emprego até o 30 de xuño deste ano, vemos como o Ministerio e a Xunta, co beneplácito de Endesa, xogan co noso futuro, enfróntanse entre elas, buscando pasarse a responsabilidade dun a outro; falan moito pero nunca aportan solucións concretas, para estas Administracións o tempo é o de menos.

Endesa, coa desculpa da tramitación ordinaria do peche da Térmica, que alonga os prazos, tampouco concreta cal é o futuro que lles agarda aos traballadores e traballadoras da Central Térmica.

Así as cousas, a partires deste 30 de xuño, este pobo pode volver a perder nóminas, ou dito doutro xeito, ingresos económicos. Xa temos anunciado un Ere nunha compañía auxiliar e, no que afecta á principal, tamén se reactivan os traslados fóra de As Pontes.

É dicir, semella que o camiño que nos deixan é o paro ou a emigración; atrás quedan as consignas baleiras de “Transición Xusta” ou “non imos deixar ninguén atrás”, unha auténtica farsa.

Non queda outra que mobilizarnos, e para iso necesitamos o apoio de toda a cidadanía, da vila das Pontes e das nosas comarcas, temos como obxectivo a defensa do emprego e do futuro das Pontes.

Está en xogo que As Pontes non se empobreza aínda máis.

Os que anunciaron unha Transición Xusta que cumpran.

Participa na MANIFESTACIÓN

As Pontes, 8 de xuño de 2021

CIG, CCOO e UGT

✅ cartas remitidas esta semana desde as centrais sindicais ao presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, e as ministras de Emprego e Transición Ecolóxica, Yolanda Díaz e Teresa Ribera, respectivamente, para solicitarlles con urxencia unha xuntanza 'antes da inminente chegada de despedimentos e a fin de concretar alternativas laborais ao peche da central térmica das Pontes. | Acceder/Baixar.

--
Yolanda Quintía Salido
Área de Administración
Unión Comarcal de CC.OO. de Ferrol
Tfno: 981 369320    Fax: 981 350353
Tfno RPV: 71334     Fax RPV: 71104
ucferrol@galicia.ccoo.es


Enviado por:
ucferrol
-ucferrol@galicia.ccoo.es-
8 de junho de 2021 13:07

_______

venres, xuño 04, 2021

As tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT) cualifican de 'desastrosa' a Mesa para a Transición Enerxética Xusta para As Pontes


OS SINDICATOS CALIFICAN DE “DESASTROSA“ A XUNTANZA DA MESA DE TRANSICIÓN XUSTA DAS PONTES DO PASADO DÍA 2 DE XUÑO.

Dende a Centrais Sindicais criticamos que na reunión da Mesa non se garantise o mantemento de emprego na industria auxiliar e a paralización dos traslados da empresa principal mais aló do 30 de xuño, compromiso conseguido anteriormente polas continuas mobilizacións realizadas e que agora xa está en cuestión.

Nesta xuntanza vimos e padecemos a confrontación entre MITECO, Xunta de Galiza e Endesa, no que se refire ao proxecto de biocombustibles. Neste sentido criticamos que despois de ano e medio con probas, e cando na reunión de xaneiro se quedara en concretar o proxecto en quince días, atopámonos cunha proposta presentada pola Xunta de Galiza, sorprendentemente a noite anterior á reunión deste día 2, onde se solicita unha prima de 30 €/megavatio/hora para facer viable o proxecto.

Os sindicatos consideramos de irresponsable a actitude da Administración Galega ante esta situación, que só busca na súa proposta poñerlle “deberes” ao Ministerio e a Endesa, sen asumir, como Goberno Galego ningún compromiso, nin sequera a presentación dunha proposta empresarial alternativa a Endesa que acepte levar a cabo a súa propia iniciativa sobre biocombustibles, e iso que se lle solicitou repetidas veces.

Tampouco podemos calar ante a postura do Ministerio (Miteco) e da propia Endesa que, alegando o trámite ordinario de impacto ambiental para o peche formal da Térmica, que prolonga os prazos da súa execución, se poñan de
perfil” e non aporten ningunha solución, só o silencio, ante o inminente impacto que vai ter no emprego. Así non temos nin Transición Xusta nin se mantén a consigna de “non deixar ninguén atrás”. Con estas actitudes os efectos sobre o emprega van ser demoledores.

Ante esta situación estamos a ver como os traballadores/as están a ser abandonados, sen garantirlles alternativas, mais desta situación teranse que responsabilizar a Xunta de Galiza, Miteco e Endesa.

Dende as Centrais Sindicais esiximos medidas inmediatas que garantan unha Transición Xusta, que garantan o emprego durante o proceso administrativo que se agora vaise prolongar polas alegacións presentadas ao procedemento medioambiental por parte da Xunta de Galiza e da administración local.

Tamén esiximos que se deixen de anuncios e se concreten proxectos de futuro que sexan reais e que garanta a continuidade do emprego.

Demandamos, dende as Centrais Sindicais, a sinatura do Protocolo de Transición Xusta, para posteriormente formalizar o Convenio de Transición Xusta para As Pontes, pero unha vez máis atopámonos co enfrontamento Ministerio-Xunta, sobre cuestións de cogobernanza e formación, sen que ao final quedase claro tampouco se íamos a avanzar da creación deste instrumento para impulsar unha Transición Xusta.

Para nós, o tempo real remata o 30 de xuño, e a partir desa data estamos na maior das indefensións.

As Pontes, 3 de xuño de 2021.

CIG - CCOO - UGT

Enviado por:
ucferrol
ucferrol@galicia.ccoo.es
3 de junho de 2021 11:09

_______

venres, abril 16, 2021

Intensa xornada de mobilizacións e encontros para esixir que se tomen 'as decisións políticas que precisa Ferrolterra' - As centrais sindicais trasladaron aos partidos medidas concretas 'para termos emprego xa'


Ferrol, Eume e Ortegal acolleron este mércores unha xornada reivindicativa para esixir respostas e solucións urxentes por parte do goberno español e galego ante a gravísima crise económica, industrial e social que atravesan estas comarcas. No marco desta xornada desenvolvéronse tanto mobilizacións como unha intensa rolda de xuntanzas con diversos colectivos, que incluíu unha reunión cos partidos políticos "porque as solucións que necesitamos dependen de decisións políticas e de que haxa vontade política".

O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal Anca, sinalou que a decisión de convocar os diferentes partidos políticos tomouse ante o "fracaso das xestións das alcaldías". E neste senso, considerou moi relevante "que na reunión desta tarde foramos capaces de desbaratar, sobre todo no caso do PP e do PSOE, ese discurso de botarse as culpas uns aos outros". Por iso, Grandal adiantou que nun prazo de 15-20 días, as centrais sindicais volverán convocar os partidos para "que rendan contas do que fixeron, porque non imos permitirlles entrar en debates que non nos solucionan nada".

O máis urxente: ter traballo

Abundando neste punto, o responsábel da CIG-Ferrol reiterou que o "máis urxente que precisamos é ter traballo. E esa demanda centrámola en cuestións moi concretas e básicas que dependen de decisións políticas que se poden tomar no próximo Consello da Xunta ou no próximo Consello de Ministros/as".

Entre esas reivindicacións urxentes, puxo o exemplo da necesidade de facer a transformación do buque Galicia nos estaleiros da ría de Ferrol, que se asine de inmediato o convenio de transición para As Pontes (pois é a única localidade do Estado afectada polo peche das centrais térmicas no que aínda non se puxo en marcha), que se traballe a serio para buscar o financiamento do dique de reparacións (que ademais é unha infraestrutura fundamental para garantir o futuro das instalacións), ou a gratuidade da AP-9 no tramo Ferrol-A Coruña.

"Todo isto son decisións políticas e así llo reiteramos durante a xuntanza. As forzas políticas terán que responder, porque desta crise sáese con máis investimentos públicos e nós temos claro que imos seguir mobilizándonos até que os gobernos atendan as nosas reivindicacións", concluíu.

Unhas comarcas representativas da crise que vive Galiza

Na mesma liña pronunciouse o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen participou na marcha a pé desta tarde que saíu do mercado de Caranza, ao cualificar de "intolerábel o menosprezo dos gobernos ás demandas destas comarcas”.

Unhas comarcas que, indicou, son representativas da crise industrial e social que padece Galiza, advertindo que, canto "máis tarden os gobernos en pór en marcha as medidas necesarias máis difícil será encarar unha saída”. Por iso Carril valorou que canto máis demoren en actuar os gobernos español e galego, "a pouca credibilidade que teñen irá máis en descenso”.

O secretario xeral da CIG reiterou a urxencia de atender “no inmediato” cada unha das reivindicacións que se trasladan dende as comarcas “porque o que está en xogo é a súa supervivencia”.

Mobilizacións do naval e nos concellos

A xornada reivindicativa deste mércores comezaba coas xuntanzas que as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT mantiveron con representantes das asociacións de hostalería na casa do Concello de Ferrol, á que lle seguiron encontros coas asociacións empresariais.

De xeito paralelo, traballadores e traballadoras do naval saían en manifestación sobre as 10:30h dende o estaleiro até a Praza de Armas para demandar carga de traballo inmediata que deteña a sangría de desemprego na industria auxiliar, que se potencien departamentos tan importantes como carenas, turbinas ou a eólica mariña e se consigne financiamento para construír o dique cuberto que estaba previsto no plan estratéxico de Navantia. Pois esta é unha infraestrutura imprescindíbel para garantir a continuidade produtiva das instalacións da ría de Ferrol.

Ao mediodía tocaba a quenda das concentracións cidadás diante dos distintos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Pola tarde, a rolda das xuntanzas proseguiu coas asociacións de comerciantes, praceiros e confrarías e a seguir tocou a quenda cos partidos políticos que forman parte das corporacións locais. Posteriormente houbo encontros coas entidades veciñais e culturais.

Ás 18h, a xornada reivindicativa volvía ás rúas nas dúas marchas que discorreron dende o Mercado de Caranza e a Praza da Gándara de Ferrol para rematar na Praza de Armas. Alí, os secretarios comarcais das tres organizacións sindicais fixeron unha valoración global do día e deron conta do abordado nas distintas xuntanzas.

Fonte: Avantar. | Ferrol - 14 Abr 2021

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
16 de abril de 2021 07:50

_______

domingo, abril 11, 2021

Xornada Reivindicativa SOS FERROLTERRA, convocada polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT en demanda de diálogo ante a crítica situación socioeconómica e laboral das comarcas do noroeste galego - Concentracións e marchas o mércores 14 de abril


O vindeiro mércores 14 de abril, na Xornada Reivindicativa SOS FERROLTERRA, convocada polas centrais sindicais, ás 12 do mediodía nas prazas diante dos Concellos e ás 6 da tarde nas marchas que rematarán na Praza de Armas de Ferrol, mobilizacións en continuación da pasada Folga Xeral Comarcal do pasado 10 de marzo.

As diferentes administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia, Ministerio de Facenda como responsable da SEPI e Navantia, e o Ministerio de Transición Ecolóxica, seguen sen contestar á solicitude dos sindicatos de manter xuntanzas para abordar a crítica situación que estamos a padecer nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Ao mesmo tempo que seguen a pechar empresas e engordando as listas de desemprego as diferentes administracións xogan a botarse a culpa unhas ás outras nun espectáculo abafante e lamentábel.

O vindeiro día 14, temos convocada unha XORNADA REIVINDICATIVA, con diferentes accións, entre as que están:

CONCENTRACIÓNS DIANTE DOS CONCELLOS DAS TRES COMARCAS ás 12 do mediodía.

MARCHAS ATE A PRAZA DE ARMAS saíndo, ás 18 horas de:

✔ Praza da Gándara.

✔ Mercado de Caranza.

AGARDÁMOS A VOSA PARTICIPACIÓN!!!

#SOSFerrolterra

Convocada polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT
_______