Amosando publicacións coa etiqueta CGT. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CGT. Amosar todas as publicacións

luns, maio 30, 2022

Contra a represión, solidariedade obreira - As centrais sindicais chaman a apoiar o indulto para Pintos - CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación en Ferrol o 31 de maio, ás 8 datarde, dende a Praza Amada Garcia (diante do edificio da Xunta) - Vídeo


MANIFESTACIÓN EN FERROL, EN SOLIDARIEDADE CON SUSO PINTOS, MARTES 31 DE MAIO, ÁS 8 DA TARDE, NA PRAZA AMADA GARCIA, DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA

Contra a represión, solidariedade obreira. As centrais sindicais chaman a apoiar o indulto para Pintos CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación o 31 de maio, ás 20h, dende o edificio da Xunta en Ferrol Ferrol indulto lei mordaza loita obreira persecución sindical represión Xesús Anxo López Pintos.

Ante a represión, unidade. Esa é a consigna que os responsábeis comarcais de CIG, CCOO, UGT e CGT de Ferrol lanzaron este luns para demandar o apoio de toda a clase traballadora á solicitude de indulto para o compañeiro Xesús Anxo López Pintos. Os catro representantes sindicais animaron tamén a participar na manifestación que o 31 de maio sairá ás 20 horas do edificio da Xunta en demanda de xustiza para Pintos, evitar a súa entrada no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical.

Manuel Anxo Grandal (secretario comarcal da CIG-Ferrol), José Hurtado (secretario comarcal da CCOO en Ferrol), Jorge Ulla (da xestora de UGT de Ferrol) e Xaquín García (secretario da sección sindical da CGT en Navantia Ferrol) coincidiron en criticar a desmesura actuación da que foi vítima Pintos, tanto no relativo á súa detención como ao proceso xudicial posterior, valéndose da aplicación máis humillante da chamada lei mordaza, que a día de hoxe segue vixente.

"Unha vez máis temos que denunciar que se converteu a vítima en verdugo", aseverou Grandal, quen sostén que estamos ante unha "actuación teledirixida cun obxectivo claro para o Goberno naquel momento". Lembrou que na altura de outubro de 2012 había unha enorme conflitividade derivada das políticas austericidas e dos recortes de dereitos e liberdades e "esta foi unha das maneiras de exemplificar como ir contra a loita dos traballadores e das traballadoras". Porén, afirmou, "a represión non vai parar a loita obreira e menos aínda nesta comarca onde temos unha longa historia de represión".

O responsábel da CIG de Ferrol pediu solidariedade e que a cidadanía se mobilice para evitar que o compañeiro Pintos poida entrar na cadea. Unha posibilidade que cualificou de "inxusta e surrealista" e contra da que, adiantou, "chegaremos a todas as instancias que sexa necesario".

Aclarou Grandal que, tras emitirse a resolución do Tribunal Supremo que ratifica a condena da Audiencia Provincial, presentáronse as alegacións correspondentes para evitar que Pintos poida entrar no cárcere, pois aínda que foi condenado por un delito de atentado á autoridade a unha pena de seis meses de prisión, a situación do ex secretario da CIG de Ferrol agrávase porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos.

Solicitude de reunión coa ministra de Xustiza

Sobre a campaña polo indulto, explicou que a recollida de sinaturas se fará tanto nos locais sindicais, onde se poden recoller os pregos, como nos centros de traballo e tamén está prevista a colocación puntual de mesas nas rúas. Ademais, como o indulto "é unha decisión política que ten que decretar o Consello de Ministros e Ministras", as centrais sindicais van pedir unha reunión co delegado do Goberno en Galiza e audiencia coa ministra de Xustiza porque "se algún indulto se debe conceder e é de xustiza, é o de Pintos". Ademais, levaranse mocións de apoio aos plenos municipais dos concellos da comarca.

Intento de coartar a mobilización social

Pola súa anda, José Hurtado valorou que a sentenza de Pintos constitúe un ataque ao mundo sindical e un intento de coartar a resposta sindical, fronte á que chamou á unidade e á solidariedade de clase. Na mesma liña Jorge Ulla cualificou esta sentenza de "condena a todos os traballadores e traballadoras", rememorou a situación de crise na que se fixo a mobilización de outubro de 2012 e enmarcou o proceso de Pintos no contexto das "receitas de recortes" do Goberno de Mariano Rajoy. Para Xaquín García esta campaña a prol do indulto debe servir ademais como recordatorio "do que supuxo o Goberno do PP de ataque aos dereitos laborais e democráticos, que ten o máximo expoñente na lei mordaza".

NOVA RELACIONADA: Arrinca a campaña de recollida de sinaturas en apoio ao indulto de Pintos: Asina.

Ultima hora:

"A suspensión da pena é un paso importante pero cómpre que se faga xustiza co compañeiro Pintos" - As centrais manteñen a campaña polo indulto e a manifestación do 31 de maio en Ferrol | 25 de maio de 2022. | Ir á nova.


Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
26 de maio de 2022 10:53

_______

venres, abril 29, 2022

A CGT no 1º de Maio: 'Nin nos farán crer, nin nos farán calar' - Os dereitos conquístanse loitando !!


Nin nos farán crer, nin nos farán calar

O que se prometía como a solución aos problemas da clase traballadora non supuxo máis que un novo e enorme fracaso; a nova reforma supón a definitiva lexitimación e consagración, por parte do autoproclamado goberno máis progresista da historia, daqueles aspectos máis lesivos que xa se avanzaron nas reformas laborais de 2010 (goberno Zapatero) e de 2012 (goberno Rajoy).

Entre outras cuestións, mantéñense os mecanismos que facilitaban os despedimentos (non se recuperan indemnizacións nin os salarios de tramitación), quedan as razóns intanxibles das previsións económicas (perdas previstas ou futuras) para poder levar a cabo despedimentos colectivos, ou a non intervención da autoridade laboral nos ERE.

Dos convenios de empresa, unicamente garántese a igualdade salarial, pero non o demais. E en materia de subcontratación, vai haber que loita-la nos xulgados sen dúbida, xa que non se dá unha solución clara a quen realiza igual traballo pero non reciben igual salario.

Mentres tanto, o custo da vida segue encarecéndose a toda velocidade, sen que as rendas da clase traballadora crezan ao mesmo ritmo. Nuns casos, coa complicidade activa dos sindicatos maioritarios. Noutros, por culpa dunha estudada pasividade por parte de quen goberna. Bens de primeira necesidade alcanzan o seu prezo récord un mes tras outro. Nin os salarios nin as rendas básicas teñen unha actualización que se equipare ao encarecemento do custo da vida. En todas as frontes podemos observar o mesmo: pensións que non se revalorizan, convenios que quedan conxelados... Agora, ademais, cando apenas empezamos a pagar as consecuencias da crise do Covid 19, avecíñanse as da guerra de Ucraína. O sistema capitalista xa puxo a funcionar a súa maquinaria para que de novo sexamos as traballadoras e traballadores quen asuma os sacrificios e vano a facer como sempre, coa complicidade dos sindicatos maioritarios, que sen dúbida nos van a vender unha vez máis, como xa o fixeron coas reformas laborais, co chamado Pacto de Rendas.

Á CGT nin a farán crer nin a farán calar, por máis operacións propagandísticas que leven a cabo quen prometía asaltar os ceos. As conquistas sociais conséguense na rúa e non nas urnas. As verdadeiras conquistas sociais, as que supoñen unha verdadeira transformación, xamais xurdiron dun pacto entre oligarquías.

Os dereitos conquístanse loitando !!

1º de Maio de 2022

Confederación Xeral do Traballo

CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/
_______

xoves, novembro 25, 2021

A CGT de Ferrol mantén a concentración de hoxe xoves 25 ás 8 da tarde na praza de España (edificio da Xunta), en solidariedade coa loita obreira do metal de Cádiz


Hoxe pola tarde está convocada unha concentración por diferentes asociacións, partidos e a CGT, en solidariedade coa loita do metal en Cádiz. Loita que pola súa contundencia e a represión exercida contra a mobilización obreira, tivo repercusións mediáticas internacionais. Mais ao final conseguise un preacordo no convenio colectivo provincial, o que podería desmobilizar a concentración convocada para hoxe en Ferrol, ante o que a CGT fai un chamamento a manter a convocatoria, para hoxe ás 8 da tarde na Praza Amada Garcia, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia.

A CGT de Ferrol mantén a concentración de hoxe xoves 25 ás 8 da tarde na praza de España (edificio da Xunta).

O preacordo alcanzado por CCOO e UGT nas negociación do convenio do Metal de Cádiz é moi insuficiente.

1) O incremento salarial (2% cunha revisión anual do 80% do IPC) queda lonxe dunha das reivindicacións máis sentidas polos traballador@s.

2) Aceptan que ós eventuais non se lles aplique o incremento salarial mes a mes, senón que se lles pague acumulado cando finalicen o contrato ou remate cada ano natural.

3) Aceptan unha ultractividade de 2 anos (é dicir, que unha vez rematada a vixencia do convenio, se non se asina outro nun prazo de dous anos, o convenio desaparecerá).

4) Aceptan que a folga “quedará desconvocada inmediatamente” cando os órganos de dirección dos sindicatos aproben o preacordo. A opinión dos traballador@s non parece importar moito.

A CGT de Cádiz e a Federación estatal do Metal rexeitan este preacordo e propoñen continuar a folga. Por tanto:

A CGT DE FERROL MANTÉN A CONVOCATORIA DE CONCENTRACIÓN DESTA TARDE EN SOLIDARIEDADE CO METAL DE CÁDIZ.

CONFEDERACIÓN XERAL DO TRABALLO - Sección sindical unitaria en Navantia-Ferrol    Telf. int.: 1213    Móbil: 623 044 900    cgt.fe@navantia.es
_______

domingo, abril 12, 2020

O Grupo transnacional Zena/Alsea (Vips, Starbucks, Domino´s...) condena a 22.000 familias á miseria - Soluciones xa! - Plataforma en Loita


Desde a plataforma ALSEA/ZENA en Loita xunto ás seccións sindicais de clase CIG Domino's Pizza, CGT Starbucks, CNT-AIT Madrid, Co.bas ALSEA e COS estamos recollendo firmas a través desta ferramenta para denunciar ante toda a sociedade a situación limite á que nos está levando este gran grupo empresarial do que formamos parte máis de 22.000 traballadores e traballadoras das distintas marcas que engloba (Domino´s Pizza, Burger King, Starbucks, Vips, Canas e Tapas...)

Trala crise desatada polo coronavirus, a empresa presentou rapidamente un ERTE para garantir os seus beneficios multimillonarios. A súa penosa xestión do mesmo supuxo que agora non podamos sequera cobrar o desemprego ate maio. ALSEA/ZENA desentendeu-se por completo dos traballadores/as. Unicamente ingresáronnos o salario dos 13 días traballados en marzo, ¡200 ou 300 euros de media! Como imos sobrevivir así durante todo un mes? É inaceptábel que unha multinacional que factura máis de 2.000 millóns de euros ao ano deixe sen ingresos aos seus traballadores.

Esiximos ao Ministerio de Traballo, dirixido por unha sindicalista, e á Administración Pública que tome xa cartas no asunto e obrigue a esta multinacional a pagar aos seus traballadores/as ate que teñamos acceso á prestación por desemprego e que revise a validez deste ERTE inxusto e abusivo. Non podemos permitir as nosas condicións de vida máis básicas sexan atacadas. Necesitamos un Plan de urxencia para que esta crise non a paguemos as traballadoras senón as grandes empresas e os seus propietarios

Esta denuncia/petición vai dirixida ao:
- Ministerio de traballo e económia social
- GRUPO ZENA DE RESTAURACION ALSEA IBERIA

Ministerio de Traballo e Economía Social: ALSEA (Vips, Starbucks, Domino´s...) condena a 22​.​000 familias á miseria ¡Solucións xa!"

Para asinar a petición aquí:

http://chng.it/65G28QjZx2

#Coronavirus
#Covid19
#Galiza

Avantar: Denuncian que o ERTE no grupo Zena-Alsea deixará a milleiros de traballadores/as con até o 50% do salario | Delegados/as da CIG critican que CCOO, UGT e FETICO estean dispostos a asinar o acordo. | Ir á Web.

Info baseada na enviada por:
xuliamiron
-xuliamiron@gmail.com-
12 de abril de 2020 09:22

_______

domingo, decembro 28, 2014

Que veñen os anarquistas, ... Por Puri Eisman

Por Puri Eisman [*]
28.12.2014


Existe un descoñecemento xeral ao redor do pensamento anarquista e só esta palabra produce certo pavor a quen a pronuncia, debido á escasa información que posúe sobre ela. Pero este descoñecemento non é reprochábel, porque durante moitos anos esta ideoloxía quedou secuestrada pola ditadura deste país e, xa que logo, invisíbel na historia e libros de texto.

A CNT (cun millón de afiliados no seu día) xunto coa esquerda formaron goberno neste país, até que a dereita dese un golpe de Estado o 18 de xullo de 1936. A nosa intención non é contar esa parte da historia, que sen dúbida coñecemos, pero si vemos necesario contar o que se ocultou durante moitos anos, para que non nos sigan enganando. E o que parece prudente é coñecer un pouco mellor o pensamento anarquista, ou polo menos, para que cando se refiran a alguén en particular, non se poña por diante a palabra "presunto" coma se dun crime tratásese, e o que é máis grave, que non se persiga a ninguén por iso.

Pero existen demasiados intereses por medio para que siga sendo a anarquía a gran temida e, polo tanto, descoñecida. Este verán dirixirnos nos á RAE pedíndolles que fixesen unha revisión da definición desta palabra, porque as acepcións que recolle o dicionario non corresponden á verdade e creemos que, como institución, debe ser honesta e rigorosa e, ademais de preservar a lingua, debería ensinar e non confundir. Pero contestáronnos que eles reflectían a historia e non a ían a cambiar.

Pois remitíndonos á historia, no século XIX, esa versión de anarquía, relacionada co caos e a desorde, viña dos gobernos corruptos e explotadores que, ante o auxe que espertaba esta ideoloxía, sobre todo entre intelectuais e a clase obreira, utilizaron de forma inxusta todo tipo de adxectivos despectivos, para desprestixiar e frear esa corrente. Durante ese século e o seguinte, foron vítimas de múltiples acusacións pagando ata coas súas vidas, atribuíndolles, moi habilmente, episodios violentos que xamais cometeron, como posteriormente quedou demostrado, así acababan cos seus líderes, transmitían o temor e lanzaban a mensaxe que os anarquistas eran xente perigosa.

Hoxe, desde a transición española, nos momentos máis difíciles, os gobernos tamén recorreron aos anarquistas como chivos expiatorios, para identificalos cos peores males e así distraer á cidadanía respecto de os verdadeiros problemas que eles mesmos xeran.

A Lei de Seguridade Cidadá (disfrazada con eufemismos) vai dirixida a perseguir, atemorizar e criminalizar a unha poboación cada vez máis empobrecida, para inhibir a súa rebeldía e presenza nas rúas, ante o Goberno con máis casos de corrupción coñecidos na historia da democracia. Tamén pretende perseguir ás ideas, como na madrugada do 16 de decembro, que coma se dunha película de acción tratásese, patrullas policiais entraron en domicilios e ateneos libertarios dos barrios de Barcelona, rompendo portas con cámaras en man, para vincular ao terrorismo, as accións culturais que se veñen desenvolvendo nestes centros, e atribuíndolles atentados con explosivos. Como debe ser a magnitude destes atentados que nin sequera nos decatamos. Tamén din atopar "libretas e libros". Con estas probas? vai ser que, efectivamente, eran anarquistas.

Outro exemplo: o pasado venres, nun barrio de Alacante, unha patrulla de 7 policías irrompeu nunha praza procedendo a identificar e cachear a 16 persoas que se atopaban charlando en pequenos grupos. Ao preguntar por que, un policía contestou: "Identificación aleatoria". E coma se de delincuentes se  tratase, estas persoas foron cacheadas, identificadas e sometidas a esta humillación en plena vía pública.

O Goberno sabe que a cidadanía demanda outra forma de facer política, non agresiva coas persoas e máis participativa en democracia directa. Que moita xente, vén organizándose en colectivos e cooperativas auto xestionadas para evitar que especuladores metan os seus partes e arruínen máis vidas. Pero este movemento soñador e libertario, alleo ao capitalismo non lles interesa que prospere, por iso, como en tempos pasados, non tardarán en crear algunha inventiva para frear este avance. Os instigadores iranse de rositas, e até, até recibirán algún solemne e distinguido premio por tal fazaña.

A represión pretende poñer á defensiva á coherencia, e vai ser que non. Como dixo Simone de Beauvoir "só é libre quen desexa a liberdade dos demais".

[*] Puri Eisman, é Secretaria de Comunicación CGT-PV. | @eismanpuri |

Fonte: Blanco y Rojo.

Enviado por:
André M. Ces
-andre.martinez.ces@gmail.com-
28 de dezembro de 2014 14:37
______

luns, outubro 29, 2012

Respira - Vídeo moi interesante - O 14 de Novembro, unamos os nosos berros e deteñamos isto - Folga Xeral laboral, social, de consumo, cidadá


Sanidade con intereses, persoas sen papeis, educación suspendida, cultura do baleiro, o público é deles, o xogo do diñeiro é a ruína, os desafiuzamentos con burbullas, o vivir ao ceo raso, o teu dereito non é o meu dereito se son muller, o teu dereito non é o meu dereito se son homosexual, a represión ao descuberto, a censura de tapado, o benestar se tes diñeiro, o delito de ser obreir@, a cadea é a cola do paro, a escravitude ten reformas, o xogo como solución inmediata, as leis durmindo nos casinos, a pobreza espertando en cada esquina, a tristeza de pedir xa non é un chiste, o engano é electoral, a xustiza ancorándose á política, a corrupción sen efecto nos xulgados, a inocencia non ten saldo, as nenas obrigadas a ser nais, os pequenos erros condenados a ser grandes, mamá seguirá con papá aínda que a mate, a violencia sen xénero é institucional, a xordeira dos oídos que nos deben escoitar, as risas de quen queren españolizar, as forzas armadas desfilando contra quen, máis madeira para a guerra, o almacén pode ser nuclear, a morte mantén festas patronais, os bosques recortados nacen ardendo, a natureza tratada como inimigo innato, a contaminación hiberna en nos@s fill@s, as cadeas perpetuas constitucionais, a falta de miras e de futuro, a evasión de capitais, a fuga de cerebros, mozos mirando as vías do tren que se achega, o espazo é igual á velocidade de partida, maiores mirando ao mozo sen un destino ao fondo, o futuro non é universal, é dos de sempre, competicións europeas, odios desenterrados porque ti si e eu non, todos sen tempo, ven e non me deixes sol, non vou poder loitar se non me acompañas, se non me axudas; ven para atopar aire, ven para que non nos afoguen a tod@s.

Ven a respirar e respira.

O 14 de Novembro, unamos os nosos berros e deteñamos isto.

Folga Xeral laboral, social, de consumo, cidadá.


http://youtu.be/8Y-H_KssDdk


Publicado o 24.10.2012 por

Fonte: Confederación Xeral do Traballo - CGT
____________________

luns, marzo 05, 2012

Convocada Folga Xeral para o 29 de Marzo: As centrais sindicais CGT, CIG, CNT e CUT presentaron a comunicación de Folga o pasado 2 de Marzo ante o rexistro xeral da Consellería de Traballo - Vídeo


A CGT, CIG CNT e CUT, facían entrega formal, o 2 de Marzo, no rexistro da Consellaría de Traballo, da convocatoria de Folga Xeral.

Os catro sindicatos chamaron a CCOO e UGT a sumarse, para dar unha resposta conxunta e frear a reforma laboral.



http://youtu.be/ZdZMpiFx6lI


Segundo explicou Suso Seixopretendemos así dar a imaxe de que aquí si existe unidade sindical. Outra cousa é que CCOO e UGT sigan na ambigüidade”. O secretario xeral da CIG fixo un chamamento a estas centrais sindicais para que se sumen, mantendo aberta a posibilidade de mudar a data, se iso vai favorecer unha máis ampla resposta á reforma laboral, que supón, dixo, “o maior ataque que se fixo á clase traballadora desde a transición”.

Seixo denunciou que o que se pretende coa reforma é non só precarizar o mercado laboral e pór man de obra barata a disposición das empresas, senón tamén deixar á clase traballadora nunha situación de total indefensión. Por iso, concluíu que “cantos máis sindicatos se sumen a esa convocatoria e canto maior sexa a resposta, moito máis doado será obrigar ao goberno a que retire a reforma laboral que é o noso obxectivo”.

Para o secretario xeral da CIG non se pode pretender “dulicificala”, porque do que se trata é de que o goberno “comece a facer políticas económicas en serio, a favor dos intereses da maioría social. Políticas que realmente contribúan a reactivar a economía porque iso é o que vai xerar emprego”. Cuestionou ademais que a reforma laboral vaia xerar emprego e afirmou que “hai datos abondo como para poder demostrar que iso non é así”.

Respecto da posibilidade de mudar a data se CCOO e UGT deciden finalmente convocala, asegurou que as catro organizacións sindicais coinciden en que estarían dispostas a facelo, para que a convocatoria fose conxunta, sempre e cando se trate de adiantala ou atrasala uns días. “O que non imos é a atrasar a folga para o mes de maio ou xuño, cando xa estea aprobado todo no Parlamento, tanto a reforma como os orzamentos”.

Nese sentido, explicou que a data de finais de marzo, en concreto o 29, decidiuse tendo en conta a dinámica do debate parlamentar. Por iso, afirmou “se atrasa moito no tempo, perdería a forza que ten nestes momentos”. Nese caso, informou, a CIG mantería a convocatoria do día 29 deste mes.

Seixo recoñeceu contactos con CCOO e UGT “desde o principio” e que a información extraoficial que ten a central sindical é que “teñen tomada a decisión de convocala para o día 29 de marzo. Parece que están agardando a reunir os seus organismos para tomar a decisión definitiva”.

Ricardo Castro, secretario xeral da CUT, pediu xenerosidade ás organizacións sindicais e afirmou que “agora é o momento de acumular forzas, de cara a crear un movemento de carácter social que impida que se impoñan estas reformas. É o momento da dignidade, de estar do lado da clase traballadora ou estar noutro lado”.

Pola súa banda, desde a CNT, Rita Giráldez denunciou que q reforma laboral cambia os piares do sistema de relacións laborais, rompe coa negociación colectiva e modifica substancialmente as condicións laborais, en función dos intereses do empresario.

Fonte: Avantar


Calendario da CIG na Comarca de Ferrol Terra para a convocatoria da Folga Xeral do 29M:

Ártabra 21: CIG informa do calendario comarcal de mobilizacións contra a reforma laboral, tanto en solitario como en compañía doutros sindicatos, até concluir na Folga Xeral do 29 de Marzo

* * *

Centrais Sindicais

Confederacións Internacionais

Outras centrais sindicais de interese
______________________