Nin nos farán crer, nin nos farán calar
O que se prometía como a solución aos problemas da clase traballadora non supuxo máis que un novo e enorme fracaso; a nova reforma supón a definitiva lexitimación e consagración, por parte do autoproclamado goberno máis progresista da historia, daqueles aspectos máis lesivos que xa se avanzaron nas reformas laborais de 2010 (goberno Zapatero) e de 2012 (goberno Rajoy).
Entre outras cuestións, mantéñense os mecanismos que facilitaban os despedimentos (non se recuperan indemnizacións nin os salarios de tramitación), quedan as razóns intanxibles das previsións económicas (perdas previstas ou futuras) para poder levar a cabo despedimentos colectivos, ou a non intervención da autoridade laboral nos ERE.
Dos convenios de empresa, unicamente garántese a igualdade salarial, pero non o demais. E en materia de subcontratación, vai haber que loita-la nos xulgados sen dúbida, xa que non se dá unha solución clara a quen realiza igual traballo pero non reciben igual salario.
Mentres tanto, o custo da vida segue encarecéndose a toda velocidade, sen que as rendas da clase traballadora crezan ao mesmo ritmo. Nuns casos, coa complicidade activa dos sindicatos maioritarios. Noutros, por culpa dunha estudada pasividade por parte de quen goberna. Bens de primeira necesidade alcanzan o seu prezo récord un mes tras outro. Nin os salarios nin as rendas básicas teñen unha actualización que se equipare ao encarecemento do custo da vida. En todas as frontes podemos observar o mesmo: pensións que non se revalorizan, convenios que quedan conxelados... Agora, ademais, cando apenas empezamos a pagar as consecuencias da crise do Covid 19, avecíñanse as da guerra de Ucraína. O sistema capitalista xa puxo a funcionar a súa maquinaria para que de novo sexamos as traballadoras e traballadores quen asuma os sacrificios e vano a facer como sempre, coa complicidade dos sindicatos maioritarios, que sen dúbida nos van a vender unha vez máis, como xa o fixeron coas reformas laborais, co chamado Pacto de Rendas.
Á CGT nin a farán crer nin a farán calar, por máis operacións propagandísticas que leven a cabo quen prometía asaltar os ceos. As conquistas sociais conséguense na rúa e non nas urnas. As verdadeiras conquistas sociais, as que supoñen unha verdadeira transformación, xamais xurdiron dun pacto entre oligarquías.
Os dereitos conquístanse loitando !!
1º de Maio de 2022
Confederación Xeral do Traballo
CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon